Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 28 de Maio de 2015 VV.AA.

Palabras de Teresa Barro no acto de presentación da obra “O perdurable legado de Fernando Pérez-Barreiro”.

fernando_prrez_barreiro_15x20_p_9972.jpg

Estamos hoxe en Ferrol recordando a Fernando, unha persoa que naceu aquí e na que Ferrol influiu moito. Fernando sentiu e entendeu desde moi cedo a complexidade das sociedades nas que viveu, e a primeira delas,  a que tivo pegada mais forte nel, foi a de Ferrol. Tamen contou moito para el Viveiro, de onde era a sua familia paterna e coa que tivo unha relacion profunda; e tamen a Galiza mais rural e isolada, a Galiza de montaña que coñeceu nas longas estadías na Toca, o lugar entre Ferrol e As Pontes onde seus pais fixeran unha casa que nalguns momentos valeulles de refuxio durante a Guerra Civil.  Outro, nas mesmas circunstancias e coas mesmas oportunidades de ver e coñecer ambientes distintos, podía non se ter interesado por nada do que a vida lle oferecía nese sentido, pero Fernando era intelectual e poeta, e esa combinacion pouco frecuente abriulle inmensos horizontes e levouno a estar no mundo querendo ver, con todos os sentidos agudizados para entender o que tiña arredor cando era novo, e adeviñar o que ainda non tiña e viría depois; e a saber, desde o fondo do seu ser, que o mundo era diverso e tiña moitas facetas e complexidades que o facían mais interesante.  Isto deulle unha extraordinaria capacidade para falar con calquer persoa de calquer lugar, de calquer clase social e de calquer país, sen velos nen desde arriba nen desde abaixo. Lembro que os campesinos da Toca apreciábano porque dicían: ¨fala con nós como se fósemos coma el¨.  E para Fernando eran, efectivamente, como el, eles e calquer outra persoa coa que entrase en contacto.  A relacion de dominio e de superioridade e inferioridade para el non existia, e esa elegancia natural e finura espiritual fixo que por ondequer que andivese, por Galicia ou por Londres, tudo o mundo o descrebese como un gentleman e un cabaleiro.

Grazas a este seu talento para entender as sociedades nas que estaba, empezando pola do Ferrol no que nacera, pero sempre guiado polo seu instinto internacional, foi, coido eu, unha das persoas que mellor entendeu o mundo en todas as dimensions, local, nacional e internacional.  O seu internacionalismo nato nunca o levou a desprezar o localismo, e o seu nacionalismo nunca o levou a perder de vista que o mundo tiña outra dimension mais ampla que a de cada nacion.  O de ser intelectual auténtico, e non só un especialista nunha materia, fixo que fose capaz de usar a historia para entender o presente; e o de que fose ao mesmo tempo poeta levou a que nunca adquirise a aridez mental que pode vir da mera erudicion e o coñecemento de disciplinas académicas. A sua imaxinacion e sentimento de poeta dábanlle outro alento a abríanlle outra realidade mais exacta; e o seu intelecto aberto e ben formado pola inmensa cultura que atesouraba facia que a sua vision de poeta estivese ben fundamentada e contrastada coa realidade.

Fernando levaba moi adentro na sua personalidade de intelectual e poeta este Ferrol do que falaba moito e que seguramente contribiu a darlle unha ansia de precision e exactitude que outros lugares talvez non lle terian dado.  Dicia, sobre tudo cando o comparaba coa Coruña, a miña cidade que lle parecia laberíntica e desordenada, que Ferrol era unha cidade ben trazada, lóxica, racional, e recordaba unha frase que, segun el, dicíase en Ferrol con orgullo, que era que as rúas ¨estaban tiradas a cordel¨. Descrebia Ferrol como unha cidade na que se notaba moito a xerarquía social que impuñan, naqueles tempos da sua infancia e mocidade, a Marina e a Bazán.  Para quen tivese  curiosidade e a pespicacia aguda que el tiña para descobrir e entender os  funcionamentos sociais e as tramas que fan un país e unha cultura, Ferrol foi unha base magnífica, e seguramente aí xurdiu o chispazo inicial que activou a sua inmensa capacidade de ver e intuir o matiz das situacions políticas e sociais en calquer lugar do mundo.  Fernando aproveitou e tiroulle moito partido, chamémoslle imaxinativo, ao feito de ter nacido nunha familia de clase media profesional  nun Ferrol no que iso era minoría daquela, familia conectada polo lado paterno coa advogacia, a política e o xornalismo, e tamén con Viveiro, o que lle deu a oportunidade de coñecer ben unha Galiza mais rural e profunda, e mais galega tamén naqueles tempos da sua infancia e mocidade.  E conectada do lado materno coa Bazán, onde traballara algun tempo a sua nai e toda a vida unha das suas tías.  A conexion coa Bazán deulle un sentimento especial polo Ferrol industrial e un interés, que conservou toda a vida, polo posível desenvolvimento da industria nesta cidade.  Cando falaba da Bazán até chegaba a imitar o acento e vocabulario especiais e o detallismo que, segun el, tiñan os que traballaban na ¨fatoría¨.  E, por unha desas reviravoltas da vida, cando nos mudamos nos últimos anos de Londres ao Norte de Inglaterra, descobriu con emocion que, perto da cidade onde fomos morar, estaba un lugar que para el tiña grandes resoancias ferrolanas:  Barrow in Furness, que fora importante centro industrial e a onde ían para capacitarse os traballadores da Bazán.  Outros puntos de referencia centrales e inesquecíbeis para Fernando, cando falaba do Ferrol da sua xuventude, foron sempre a tertulia do café Suizo e os poetas da revista Aturuxo, aos que apreciaba moito e cós que lle uniu grande amizade.

Fernando falaba do Ferrol da sua infancia como dunha cidade dominada socialmente pola Marina, e pensaba que para a sua educacion fora decisivo non se ter quedado no ¨colexio dos frailes¨, así chamado,  que era o que por categoria social lle correspondía e a onde o levaran ao primeiro,  e ter ido en cambio a un colexio menos distinguido e mais pintoresco e variado, no que, polo que contaba, habia desde curas que non crían en Deus e o dicían, até aquel magnífico profesor que foi Ricardo Carballo Calero, a quen sempre agradeceu a orientacion e o  rigor intelectual que lle transmitira.  Teño que aclarar que Fernando era moi decidido nalgunhas cousas e, se de verdade queria ou non queria algo, non había quen o puidese mover.  Estou segura de que, cando ao primeiro o mandaron ao colexio dos frailes, outro teríase quedado ainda que non lle agradase;  el non, igual que decidiu non asistir durante todo un curso ás clases de bacharelato e tivo que andar escondéndose por todo Ferrol para que non o descobrisen,  e igual que desde moi cedo,  el diría que desde sempre,  decidiu marchar ao extranxeiro e asi o fixo.  Aquel seu deambular polas rúas de Ferrol no curso no que decidiu non asistir ás clases na academia, que coido que era o sexto de bacharelato, facendo o tempo para que na sua casa non se enterasen, descobriu un Ferrol de xardins e recunchos melancólicos e románticos, aos que algunha vez nos levou a min e a alguns amigos ferrolanos, e que estes descoñecían por completo.  Lin hai pouco unha biografía de Charles Dickens na que resalta a enorme influencia que tivo nese autor o seu deambular desde neno polas rúas de Londres,  e o coñecemento íntimo que iso lle deu da cidade e dos seus moradores,  que logo lle valeu de moito para os seus escritos, e iso fíxome pensar que aquel obstinado deambular de Fernando durante todo un ano polas rúas de Ferrol déralle un coñecimento profundo da cidade que seguramente pouco acadaron e que, como no caso de Dickens, contribuiu moito á sua riqueza mental.

Fernando foi un intelectual puro e riguroso, pero, a pesares da sua inmensa erudicion e do tesouro de cultura que acumulou,  tiña tamén unha grande intuicion e un sentimento de poeta,  e sempre quixo conservar, por riba de todo, a liberdade mental, que era o que mais apreciaba.  Para el, a vida sen sentimento poético,  sen liberdade, e sen a cultura que era parte desa liberdade,  era inconcevíbel.  A cultura para el non era un instrumento para acadar algo, e nunca se sentiu superior a ninguen por tela.  Era o que lle permitía entender o mundo,  un tesouro inagotável que o acompañaba sempre, e nunca se cansou de adquirir mais pezas para ese tesouro.  Era unha bagaxe que non pesaba,  e así camiñou polo mundo,  lixeiro de equipaxe e con liberdade,  coa mente sempre aberta,  vendo en todo unha ocasion de aprender e sen baixar nunca do nivel elevado no que escolleu viver.  A aprendizaxe continua de idiomas que o caracterizou sempre ía acompañada do debezo de entender as culturas e os países correspondentes, e iso era o que mais lle interesaba.  Xa cando estaba na Universidade de Santiago sabía francés, inglés e alemán, amais de latín e grego clásicos, que coñecia mellor do que era habitual, e eran tempos en que en España non se lle daba importancia aos idiomas.  Logo,  xa en Londres,  ademais de cultivar o inglés, francés e portugués que usaba acotío no traballo,  aprendeu grego moderno, noruegués e outras línguas escandinavas,  nunca abandonou o alemán,  que era quizais o idioma que mais o fascinaba,  e andivo deambulando por alguns outros até que entrou con paixón no chinés.  Esa paixón levouno, logo de ter que aprender de memoria, para empezar, cinco mil caracteres chineses, a obter unha difícil Licenciatura en Estudos Chineses e a pasar un tempo, como estudante, cando andaba case polos cincuenta anos, nunha China que xusto empezaba a abrirse ao extranxeiro. E non parou aí, porque,  cando xa andaba polos setenta anos de idade,  emprendeu o estudo do hebreu cun entusiasmo que fixo posíbel que pronunciase un discurso nese idioma no Canadá,  nunha reunion de xudeus americanos,  que logo o felicitaron por falar hebreu mellor que eles.

Para Fernando a adquisicion de coñecemento e cultura era desinteresada, unha actividade do espírito que podía ser útil ás veces,  pero que non tiña un obxetivo de utilidade inmediata.  O seu caudal de coñecemento e a sua sabedoria fixérono unha figura sigular e levárono a ir moi adiantado,  tanto que,  como lles sucede moitas veces aos auténticos pioneiros,  moito do que fixo non encaixou na sociedade do seu tempo. Ocupouse da China cando a China ainda non estaba de moda e escreveu un libro, ¨Flores e Leña¨, metade traducion direta do chinés ao galego, metade ensaio,  coa intencion de facer unha aportacion á cultura galega que a puidese poñer adiante de moitas outras.  El sempre viu con claridade que a China viraría, mais tarde ou mais cedo, un dos países mais importantes do mundo cando daquela eran moi poucos os que o vían, pero non foi iso o que o levou a ocuparse con intensidade dela.  Fernando ría cando contaba que un colega en Londres que estaba empezando a estudar ruso achegárase a el un día cando se enterou de que estaba estudando chinés e dixéralle moi preocupado:  ¨Pero entón ti crés que a China é a que vai gañar?¨, dando por feito que facer o esforzo só tiña sentido para estar entre os futuros gañadores. Ese ir sempre adiantado,  mental e espiritualmente,  fixo que a sua idea do que era Galicia e do que poderia ser non coincidira coa habitual entre os galeguistas daqueles tempos,  e só na última década da sua vida encontrou en Xulio Ríos e no IGADI unha empresa galega coa que podía estar dacordo e na que colaborou con entusiasmo.

Para Fernando nunca houbo conflicto entre o personal e o colectivo,  talvez porque nunca buscou nos outros un reflexo de sí mesmo e os respeitou polo que eran de seu. Así foi tamén a sua relacion cós países.  Nunca viu conflicto nen contradicion entre ser e sentirse de Ferrol,  de Galicia,  de Inglaterra, e cidadán do mundo e até do Universo. Non quixo marcar o paso nen deixou que llo marcaran.  Viveu sen decair nunca no seu amor pola liberdade e sen renunciar á sua vision e sentimento de poeta.  Nunca renunciou á loita mental,  e parte desa loita estivo dedicada a pensar nunha Galicia aberta ao mundo e capaz de ocupar un lugar distinguido nese mundo.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais