Palabras na Homenaxe a Lois Tobío

Autoridades, colegas e amigos e amigas,

En Lois Tobío, viveirense de pro, Galicia ten un referente político, intelectual, académico, profesional e ético de incuestionable valor. Digo político, polo seu compromiso co galeguismo. Digo intelectual, pola súa acreditada amplitude de miras en relación á cultura entendida nun sentido amplo e universal. Digo académico, polo seu rigor e talento investigador. Digo profesional, pola dignidade con que desenvolveu os seus oficios. E digo ético, pola demostrada honestidade e lealdade con que sempre encarou os duros avatares da difícil época que lle tocou vivir.

Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

Autoridades, colegas e amigos e amigas,

En Lois Tobío, viveirense de pro, Galicia ten un referente político, intelectual, académico, profesional e ético de incuestionable valor. Digo político, polo seu compromiso co galeguismo. Digo intelectual, pola súa acreditada amplitude de miras en relación á cultura entendida nun sentido amplo e universal. Digo académico, polo seu rigor e talento investigador. Digo profesional, pola dignidade con que desenvolveu os seus oficios. E digo ético, pola demostrada honestidade e lealdade con que sempre encarou os duros avatares da difícil época que lle tocou vivir.

Esta Universidade de Santiago, onde se formou en Dereito, inculcou nel unha primeira vocación académica que o levou a desenvolver o seu maxisterio por un breve período como profesor de Dereito Administrativo. Aquí,   o “doctísimo” Tobío no dicir de Borobó, interiorizou aptitudes, comportamentos e metodoloxías que haberían marcalo para sempre. A súa vocación vangardista, buscando transcender a rutina e romper moldes, o seu interese polo dereito público e a ciencia política, o compromiso coa nosa lingua e a nosa identidade, o afán creador e organizador, a aprendizaxe e convivencia alén do espazo universitario en tertulias e outras actividades, viviron en Compostela tempos de pronunciada definición.

Aquí arrancou tamén a súa experiencia alemá, que tanta influencia tería en tantos aspectos da súa vida. Nese tempo berlinés, no inicio dos anos trinta, adquiriu  valiosas pautas de interpretación do mundo e interiorizou actitudes que, por outra banda, conxeniaban empaticamente co seu carácter, serio, rigoroso, ascético, perseverante, humilde. Naquela Alemaña, espello entón do mais destacado do saber e da arte universais, Tobío gozaría intensa e inmensamente descubrindo todo un mundo que acentuaría a súa visión cosmopolita, as súas sensibilidades social e artística, a súa vontade moderadora, o seu eclecticismo, e ata a súa devoción pola racionalidade humanista.

Hai varios trazos de Tobío que compre destacar especialmente nesta hora. Refírome ao Tobío do Seminario de Estudos Galegos, ao do Anteproxecto de Estatuto de Autonomía, ao do Consello de Galiza, ao do Primeiro Congreso da Emigración Galega ou da Historia de Galicia, ao do Conde de Gondomar... As puntadas que enfían eses fitos tan relevantes na nosa historia contemporánea e nos que Tobío desempeñou un papel de primeira orde aluden a unha figura que, permanentemente e pese a todos os avatares, optou polo camiño mais natural de todos, aquel ao que Castelao se refería ao dicir que “sendo galego non podo ser mais que galeguista” sen albiscar por iso contradición ningunha co cultivo de horizontes abertos en todos os dominios.

Temos tamén que reivindicar nesta altura a un Tobío diplomático, tradutor ou xornalista. A súa contumacia ao servizo da II República, onde chegaría a desempeñar o cargo de secretario xeral do Ministerio de Estado permanecendo fiel cando xa todo estaba perdido, retrasou ata 1974 o seu reingreso na Carreira e tamén nesas lides, dende que ingresou en 1933 ata a posguerra, exerceu de galego e mantivo o contacto con Galicia e o compromiso co galeguismo, apoiando desde dentro e ata onde podía as arelas dos nosos próceres.

O tradutor do Fausto de Goethe e da Teoría do Estado de Hermann Heller, amante confeso igualmente dos poetas románticos, modernistas e malditos, tamén nos sorprendería cun esforzo singular e xeneroso altruísmo coa tradución de valiosas obras de autores europeos que foron traídos á nosa lingua, dende algúns fragmentos do Ulysses de Joyce ata Rimbaud, Verlaine, Baudelaire e tantos outros, un labor pioneiro tan importante e decisivo para a dignificación da nosa lingua.  

No eido do xornalismo, Tobío atoparía no exilio a oportunidade de facer da necesidade  virtude e cultivar unha faceta pola que xa amosara interese nos anos trinta. No ámbito radial e na prensa escrita, foi artífice de moitas colaboracións, apreciadas amplamente pola súa erudición e siso, moitas delas relacionadas con temas de política internacional, pero igualmente con manifestacións culturais e artísticas e, naturalmente, vinculadas con Galicia, sendo un dos referentes clave daquel Sempre en Galiza emitido pola radio Carve de Montevideo nos anos cincuenta e de tanto seguimento entre os nosos exiliados e emigrados. Cómpre aínda unha reivindicación explícita desta dimensión de Tobío.

Tobío era un home de cultura, entendida como a entendía Mallok, como a clave da vida. Dotado dunha innata curiosidade intelectual, a súa devoción pola música ou as artes plásticas habíanlle granxear momentos de particular ledicia e amizades nos mais diversos ambientes que enriquecerían o seu acervo e a súa personalidade. O poliédrico Tobío, de raíz e práctica netamente galegas, habíase sentir cómodo cultivando estas sensibilidades cando debeu recompoñer a súa traxectoria trala derrota republicana en 1939. Houbo sempre en Tobío unha inquietude sen límite polos saberes en plural.

No exilio, en terras americanas, refixo a súa vida entre Cuba, México e, finalmente, o Uruguai da súa esposa, María del Carmen. Nesta súa segunda patria, atopou acougo e condicións para recomezar unha vida ata entón chea de ilusións e de esperanzas pero truncada pola brutalidade da guerra, sempre comprometido coa causa galeguista e republicana.

A devoción polo nobre e galego Conde de Gondomar, que aniñara nel nos seus anos mozos de Compostela, medrou a medida que investigou a súa figura, especialmente tralo regreso a España nos anos setenta. O diplomático Tobío consideraba a don Diego Sarmiento de Acuña “un dos grandes da diplomacia do seu tempo”, un personaxe de gran valía para a historia e a identidade de Galicia. Tanto afondou e simpatizou con el que chegou a establecer unha peculiar sintonía anímica compartindo amplamente moitas das súas actitudes, universos e pareceres.

Tobío deixounos o legado dun galeguista universalista, a convicción de quen comprendeu de boas a primeiras o imponderable valor da identidade como clave irrenunciable para nos entender co mundo, para nos desenvolver sen lindeiros, sen perder o norte das orixes, como condición dun progreso tan natural como sensato e irreversible.

Militante dunha Galicia entendida como “célula de universalidade” que el mesmo axudou a teorizar, desde o Partido Galeguista e en estreito contacto con figuras como Castelao, Otero Pedrayo ou Villar Ponte, entre moitos outros, os méritos de Tobío habilítano para figurar entre os mais sobranceiros do seu tempo. Dicía un coetáneo seu, Plácido Castro, que os galegos estamos afeitos a unha convivencia tan próxima entre nós que isto nos resta a perspectiva necesaria para recoñecer os grandes homes que temos diante.

Actos como o de hoxe contribúen a facer xustiza con personalidades como Tobío, merecentes por tantas razóns da nosa admiración e sobre as que aínda pende un valado de ignorancia cívica lamentable.

Tobío, home de pensamento e de acción, foi un galego de lei, dotado dun profundo sentido do deber respecto ao seu país e a súa xente, un país do que sempre se sentiu orgulloso e ao que dedicou inxentes enerxías para exaltar a súa grandeza. E por norma, como agora, sempre deberiamos corresponder con xenerosidade e xustiza a tanta devoción.