Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
26 de Maio de 2020 Alvarado Roales

Pandemia e crise do soft power occidental

Cando amaine a treboada e a pandemia estea baixo control, cal será a percepción que terán uns estados dos outros? Xa sexa o modelo de democracia británico, “les lumières” francesas ou as presuntamente inxentes capacidades de Washington, hai conceptos que vanse ver seriamente afectados e comprometidos pola crúa realidade da xestión da Covid-19. Porque os diferentes gobernos que pretenden ter sabido loitar eficazmente contra o coronavirus dentro das súas fronteiras, cando todo remate, van ser taxados, establecéndose táboas de gañadores e perdedores, discriminándose entre estados eficaces e aqueles que non o foron tanto, ou mesmo quen abondaron na mediocridade. Unha avaliación que, probablemente, dexenerará nunha competición propagandística planetaria con reminiscencias de guerra fría. Os retos son enormes, xa que poderían implicar cambios profundos na relación de forzas no mundo e mesmo precipitar a chegada dun mundo posestadounidense.

En pleno século XXI non hai dúbidas: a imaxe é un factor fundamental nas relacións internacionais, un elemento central de soft power, indispensable na influencia dos países no taboleiro mundial e instrumento privilexiado para convencer, persuadir e inducir, antes que forzar, obrigar e constrinxir. Foi Joseph Nye, profesor de ciencia política en Harvard, subsecretario de Estado con Jimmy Carter e secretario axunto de defensa de Bill Clinton, quen nos anos noventa do pasado século acuñou o concepto de soft power. Un poder mol que, por definición, oponse ao hard, é dicir, á forza coercitiva e militar, xeralmente, pero tamén económica, incluíndo esta, de entre toda unha pléiade de factores, a posesión e control de recursos naturais. Na era da información pouco importa saber que exército gana ou que sistema democrático e cultura política se entoxa máis capaz de facer fronte á pandemia, senón que o único relevante é, en último termo, que relato se impón.

Ao comezo, Trump botou a culpa a China e, baseándose nunha clasificación do Foro Económico Mundial, aseverou que os Estados Unidos eran os máis preparados para facer fronte a unha pandemia. Cando o drama conclúa, alguén vai pensar que Washington é capaz de xestionar crise algunha? Acaso non se verá a súa credibilidade fondamente afectada? E que ocorrerá con países como Francia e Inglaterra, que pasaban por ter os mellores servizos de saúde, sobre o papel superiores á media internacional, e que sufriron o indicible para enfrontar o auxe das urxencias respiratorias? E para co axioma da superioridade democrática, aspecto central do soft power occidental e arma moral empregada sen moderación contra nacións a priori refractarias á liberdade? Non se viu o argumento democrático comprometido coa promulgación de medidas autoritarias, privilexiando vixilancia e control para dar resposta á crise, denotando desconfianza nas bondades cidadás das súas poboacións?

A Covid-19 é ruda proba para a panoplia de compoñentes do soft power de Occidente, que verá a súa política estranxeira contraerse, así como a súa tendencia ao intervencionismo. O illacionismo americano está chamado a acelerarse, esganándose a imaxe de potencia rica, moderna e eficiente. A UE, que se apoia case exclusivamente no seu soft power, verá diminuídas as súas capacidades polas querelas internas, falta de reactividade, mala coordinación e a súa deserción da escena mundial. Mauro Ferrari, presidente do Consello Europeo de Investigación, dimitía en abril “decepcionado” pola falta de iniciativas ambiciosas para loitar contra a pandemia. O primeiro ministro italiano, Guiseppe Conte, e o seu homólogo portugués, Antonio Costa, multiplican advertencias perante a posibilidade de fracaso do proxecto comunitario. No lado contrario, outros sairán mellor parados, acentuando o potencial declive da orde occidental e con Rusia e China á espreita.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais