Distribuir

Distribuir contido
ECO 1 de Xuño de 2016 Ríos

Paradiplomacia galega

lois_tobio.jpg

O congreso, primeiro no seu xénero, que o próximo xuño celebraremos en Pontevedra para afondar na dimensión dos estudos internacionais en Galicia é unha oportunidade para pensar a nosa posición nese mundo en permanente cambio.

Trinta e cinco anos despois do inicio da autonomía actual e coincidindo tamén co oitenta aniversario do plebiscito estatutario do 36, temos un percorrido abondo para poñer en común diferentes perspectivas e ambicións. O mundo deu moitas voltas nese dilatado período, e Galicia tamén. Aínda así, aquela célula de universalidade proclamada polos galeguistas hai cousa de cen anos constitúe un clarividente exemplo da forza daquel pensamento. Temos ao noso alcance oportunidades claras para facer valer as nosas vantaxes comparativas e tirar proveito das nosas singularidades. Daquela xa o sabían. Hoxe, noutro contexto mais favorable, é imperdoable permanecer inertes ou ser parciais simplemente por anteolleiras que obedecen a imperativos de ocasión. O mundo hai tempo que deixou de ser algo “exterior” para incorporarse como unha dimensión mais de calquera política, pública dende logo pero tamén para moitos axentes privados.

No congreso haberá oportunidade para achegarnos aos ámbitos económico, social, cultural, institucional, con visións plurais e transversais capaces de resumir o moito que é importante hoxendía estar no mundo e estalo con identidade propia non porque isto responda ao interese dun hipotético nacionalismo senón porque é o que mellor nos pode garantir o éxito colectivo. A partires das experiencias sectoriais e co denominador común de universalizar Galicia, estamos en condicións de sinalar uns guieiros mínimos que ofrezan confort e ambición a todos os actores.  Sendo nós mesmos.

Será, pois, este congreso unha ocasión para sintetizar un discurso comprometido cunha acción exterior responsable, isto é, atenta ás nosas necesidades e capacidades, disposta a explorar os espazos que a nova realidade internacional ofrece e demanda. É un momento historicamente único no que unha alianza por Galicia non pode deixar de mirar ao exterior porque é aí onde nos xogamos o futuro.  

A paradiplomacia galega, pola que o IGADI leva militando un cuarto de século, pode así botar raíces non como un proxecto que ten xa tras de si unha práctica, certo que moitas veces tan dispersa que non da para apreciala suficientemente, senón como unha realidade colectivamente asumida como discurso para que poidamos crer nun futuro para as novas xeracións.

Debemos estar no mundo máis ca nunca pero non con resignación nin a velas vir senón con ideas e ideais, con impulsos e estratexias que nos revertan en forma de progreso e benestar.  

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais