Este artigo fai parte da publicación online “O Mundo en Galego” coordinada polo IGADI no seu 29º aniversario, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística

Parámetros para unha nova xeopolítica. Por Ignacio Ramonet, Escritor e Director de Le Monde Diplomatique.

Nestes 25 anos, o mundo cambiou moito. A xeopolítica das grandes potencias estivo case inmobilizada durante medio século, durante o que se chamou a “guerra fría”, entre o final da Segunda Guerra Mundial (1945) e o derrube da Unión Soviética (1991)… Pero nestas últimas dúas décadas e media, a historia volveuse a poñer en marcha, e o mundo móvese cara a unha dirección descoñecida…

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

Nestes 25 anos, o mundo cambiou moito. A xeopolítica das grandes potencias estivo case inmobilizada durante medio século, durante o que se chamou a “guerra fría”, entre o final da Segunda Guerra Mundial (1945) e o derrube da Unión Soviética (1991)… Pero nestas últimas dúas décadas e media, a historia volveuse a poñer en marcha, e o mundo móvese cara a unha dirección descoñecida…

Por outra banda, e como sempre cando se esvaecen as certezas, están xurdindo novos temores… Ao razoamento lóxico sucede o pensamento máxico… Antes daquela afirmación de Gramsci: “Morre o vello mundo, o novo tarda en aparecer, e nese claroscuro xorden os monstros”, xa nos avisara Goya: “O soño da razón produce monstros”. E unha vez máis, nestes tempos confusos, aparecen algúns ilusionistas facendo crer que todo se podería resolver cunha variña máxica que sinala ao “eterno culpable” dos nosos tormentos: o estraño estranxeiro… Onte xudeu ou xitano, hoxe inmigrante ou musulmán… O racismo e a xenofobia ancestrais como solución elemental a complexos problemas contemporáneos… ¡Que miseria! Pero en efecto, en toda Europa están rexurdindo as extremas dereitas e os movementos abertamente racistas, antisemitas e islamófobos… É lexítimo que nos preguntemos se a historia repetirase, esta vez como farsa… A nosa análise é que o novo mundo enfronta, ademais da pandemia de Covid-19, tres crises globais que ameazan radicalmente o futuro da humanidade: 1) o cambio climático; 2) as migracións masivas; e 3) os efectos non controlados das novas tecnoloxías.

Sobre o cambio climático non nos estenderemos porque xa é unha evidencia para moitos cidadáns… En canto ás migracións, dende as épocas bíblicas, nunca foran tan masivas… Ás veces en relación precisamente coa crise climática… Millóns de persoas estanse movendo do Sur cara ao Norte para afastarse da desertificación, da destrución das colleitas, das crises hídricas, da elevación do nivel do mar… Pero tamén da miseria, das discriminacións, da desigualdade, da violencia machista, da falta de oportunidades, do paro, da carencia de liberdades, da escaseza de vivenda, dos conflitos violentos… E estas migracións, cando alcanzan as fronteiras do mundo desenvolvido constitúen unha das causas da subida da extrema dereita, dos partidos xenófobos e dos populismos de dereita que ameazan a democracia…

E con respecto ao terceiro fenómeno, os efectos non controlados das novas tecnoloxías, resulta evidente que moitos parámetros do mundo están sendo modificados pola irrupción dos cambios tecnolóxicos… Non só en termos de comunicación co que significan as redes sociais por exemplo, senón tamén nas finanzas, o comercio, o transporte, o turismo, o coñecemento, a cultura… E sobre todo en termos de vixilancia e de perda de privacidade… A pandemia de Covid-19 acelerou este proceso.

O Internet moderno, a Web, inventouse en 1989, fai trinta e un anos… Ou sexa que estamos vivindo os primeiros minutos de Internet que chegou para quedarse moitos séculos… Algunhas empresas privadas (Google, Apple, Facebook, Amazon, etc.) saben máis sobre a nosa identidade que nós mesmos… E nos próximos anos, coa intelixencia artificial e os avances da tecnoloxía 5G, os algoritmos van determinar máis que nosa propia vontade o curso das nosas vidas…

Que ninguén pense que cambios tan determinantes na comunicación non van ter consecuencias na organización mesma das sociedades e na súa estruturación tal como as coñecemos ata agora… O futuro é moi longo e os cambios determinantes apenas acaban de empezar… No mundo que vén a nosa privacidade está moi ameazada; estaremos máis vixiados que nunca, mediante a biometría ou as cámaras de videoprotección, moito máis do que imaxinou o mesmísimo Orwell na súa distopía “1984”… Pero ademais, a robótica, os drons e a intelixencia artificial ameazan con crear un universo do que o ser humano podería acabar sendo expulsado… Sen falar da morte da verdade en materia de información, substituída polas “fake news”, a posverdade ou as “verdades alternativas”… Neste aspecto, o futuro podería achegarse máis rápido do que pensamos ao noso pasado máis aterrador…

Este artigo fai parte da publicación online “O Mundo en Galego” coordinada polo IGADI (coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Linguística) no seu 29º aniversario, coa vontade de impulsar e normalizar o uso do galego en todos os ámbitos, de maneira específica e desde a natureza do IGADI, na análise das relacións internacionais, xeopolítica e novos estudos globais.