Pasar páxina

É cada vez mais evidente que, nas derradeiras décadas, a dinámica política en América Latina ven determinada pola profusión de cambios de péndulo contextualizados nun determinado ciclo electoral. Estes cambios normalmente coinciden con crises económicas derivadas da depreciación das materias primas nos mercados internacionais, así como por un inevitable cambio social posibilitado por políticas públicas inclusivas, que permiten o ascenso de novas clases sociais e das súas consecuentes demandas de participación política. Este contexto ven igualmente determinado pola insistente presión, por parte de diversos círculos de poder reaccionarios, no cometido de buscar “pasar páxina” tras un determinado ciclo hexemónico de perfil contrario aos seus intereses. Por tanto, o que vive actualmente Brasil non é unha casualidade nin unha excepcionalidade, como tampouco o é o cambio de perfil claramente tecnocrático que está adquirindo a actual recomposición de liderados políticos emerxentes neste ciclo electoral rexional.

Liñas de investigación Observatorio Galego da Lusofonía
Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

É cada vez mais evidente que, nas derradeiras décadas, a dinámica política en América Latina ven determinada pola profusión de cambios de péndulo contextualizados nun determinado ciclo electoral. Estes cambios normalmente coinciden con crises económicas derivadas da depreciación das materias primas nos mercados internacionais, así como por un inevitable cambio social posibilitado por políticas públicas inclusivas, que permiten o ascenso de novas clases sociais e das súas consecuentes demandas de participación política. Este contexto ven igualmente determinado pola insistente presión, por parte de diversos círculos de poder reaccionarios, no cometido de buscar “pasar páxina” tras un determinado ciclo hexemónico de perfil contrario aos seus intereses. Por tanto, o que vive actualmente Brasil non é unha casualidade nin unha excepcionalidade, como tampouco o é o cambio de perfil claramente tecnocrático que está adquirindo a actual recomposición de liderados políticos emerxentes neste ciclo electoral rexional.

O súbito final da presidencia de Dilma Roussef é, por tanto, un fait accompli motivado por unha preocupante crise institucional, onde se ben é lexítima a utilización da ferramenta do impeachment amparada constitucionalmente nun sistema presidencialista, a mesma semella mais ben ser utilizada dun xeito banal e superficial, como mecanismo límite para rematar cun determinado ciclo político. Alén da polarización social e política que vive o Brasil, así como dos epítetos utilizados por diversos sectores para analizar a actual crise (“democracia”, “neogolpismo”, etc), o escenario formulado da a entender un “freo de man” utilizado por diversos factores de poder, coa finalidade de pechar canto antes un ciclo político hexemónico e reformular un espazo político que abre agora un período non menos confuso e inquietante.

Como se sabe, a decisión do Senado de apartar temporalmente a Roussef da presidencia ven motivada polas acusacións contra a agora ex presidenta de presuntamente “maquillar” os balances macroeconómicos. Ata agora non existen argumentos definitivos que permitan sustentar as acusacións de presunta corrupción que gravitan sobre a estrutura de poder que involucran aos agora ex presidentes Roussef e  Lula da Silva, así como ao igualmente ex gobernante Partido dos Traballadores (PT, e que particularmente se amplían cara a estatal petroleira PETROBRAS. E moito menos estes argumentos teñen unha credibilidade definitiva e decisiva para aplicar un impeachment presidencial, toda vez un 60% dos deputados existentes no actual Congreso brasileiro, incluído o seu polémico ex presidente Eduardo Cunha, están sendo investigados ou procesados por presuntos casos de corrupción.

Neste clima de corrupción institucionalizada e de banalización na utilización das ferramentas constitucionais de destitución presidencial, son os intereses políticos os que termina declinando a balanza. E mais cando a recesión económica, motivada en gran medida pola caída dos prezos das materias primas, erosiona un espazo social igualmente cambiante. Resulta evidente que os programas sociais do PT desde a súa chegada ao poder en 2003 significaron un cambio social moi relevante nunha sociedade lastrada polas desigualdades na distribución da riqueza nacional. Así, o ascenso de novas clases medias, politicamente polarizadas neste contexto de recesión económica, é un feito igualmente indiscutible, beneficiadas por políticas sociais inclusivas e unha recuperación económica derivada do ciclo expansivo da economía brasileira experimentado na década pasada.

Estas variables inflúen igualmente nos cambiantes índices de popularidade e de credibilidade adxudicados aos liderados presidenciais. Estaría por ver se, cunha economía aínda en ciclo expansivo, os escándalos de corrupción finalmente terminarían erosionando a popularidade de Roussef, propiciando a súa destitución vía impeachment e abrindo o actual clima de crise política e institucional. Unha perspectiva da que non escapa o controvertido presidente en funcións, Michel Temer, ex vicepresidente de Roussef, que abre agora a era post-PT poñendo énfase na recuperación económica, aspecto que explica esa conxunción de intereses coas forzas dos mercados internacionais e con diversas elites políticas, mediáticas e empresarias, ansiosas por propiciar a destitución de Roussef.

Rematado o ciclo hexemónico do PT, resulta evidente o cambio de perfil político latinoamericano tras unha intensa década de viraxe cara as esquerdas, cun balance non menos contraditorio. O perfil tecnocrático imponse agora nunha rexión que reproduce un mapa similar á década neoliberal vivida nos anos 1990. Desde Mauricio Macri na Arxentina ata agora Temer en Brasil, sen esquecer os efectos a nivel hemisférico da apertura cubano-estadounidense, a posibilidade dun novo revogatorio presidencial nunha Venezuela política e institucionalmente fracturada, o cambio de péndulo que se albisca en Perú e a ralentización política en Ecuador e Bolivia, cun Rafael Correa que non se presentará a outra reelección en 2017 e un Evo Morales que constitucionalmente non poderá facelo para 2019, a rexión apréstase a inaugurar outro cambio político, mais tecnocrático e condescendente coas forzas do mercado, cuxos intereses víronse claramente contrariados durante o ciclo expansivo das esquerdas.

Este cambio implica tamén a alteración dos equilibrios políticos a nivel hemisférico, con particular incidencia dentro dos mecanismos de integración. O cambio político en Arxentina, Brasil, Perú e Paraguai condicionará as mecánicas de integración e de solución de conflitos en organismos (UNASUR, MERCOSUR) que deberán proximamente acometer críticos contextos, como é o caso venezolano.

Así, o fait accompli do anunciado final da presidencia “petista” en Brasil supón outra visible derrota electoral e política a nivel rexional para un “post-chavismo” acosado pola desarticulación progresiva das súas alianzas rexionais (Brasil, Arxentina, Perú), polo progresivo descrédito dunha presidencia (Nicolás Maduro) sometida agora á posibilidade dun revogatorio do seu mandato vía convocatoria de referendo, unha especie de impeachment pola vía electoral. Este crítico cadro vese igualmente agravado pola persistencia dunha intolerante polarización política que imposibilita os consensos institucionais necesarios para acometer a peor crise socioeconómica da Venezuela contemporánea, herdanza inevitable dun modelo económico visiblemente fracasado.

Con Brasil fóra do xogo, a progresiva caída das pezas políticas que sostiñan á esquerda a nivel hemisférico anuncia unha recomposición de forzas a nivel hemisférico, onde as crises económicas, o ascenso de novos actores e o decisivo peso xeopolítico da apertura de Washington coa Habana, definen os trazos deste cambio de ciclo. En Brasilia acadouse a peza maxistral das forzas reaccionarias que ansían “pasar páxina” dun ciclo politicamente contrario aos seus intereses, a través da instrumentalización de tácticas disuasivas, un denominado “neogolpismo” desprovisto da perniciosa intervención militarista pero amparado na legalidade institucional e na polarización social.