Peixes saharauís alimentan a Marrocos e a UE

O Sahara Occidental comprende unha rexión con caladoiros pesqueiros de moitísimo valor administrados na actualidade por Marrocos. A principal beneficiaria das posibilidades pesqueiras deste territorio foi España xa nos anos da colonización do Sahara, e aínda hoxe como membro comunitario no marco do Acordo Pesqueiro UE- Marrocos asinado en xullo do 2005.

Apartados xeográficos África
Idiomas Galego

O Sahara Occidental comprende unha rexión con caladoiros pesqueiros de moitísimo valor administrados na actualidade por Marrocos. A principal beneficiaria das posibilidades pesqueiras deste territorio foi España xa nos anos da colonización do Sahara, e aínda hoxe como membro comunitario no marco do Acordo Pesqueiro UE- Marrocos asinado en xullo do 2005.

O Sahara Occidental comprende unha rexión con caladoiros pesqueiros de moitísimo valor administrados na actualidade por Marrocos. A principal beneficiaria das posibilidades pesqueiras deste territorio foi España xa nos anos da colonización do Sahara, e aínda hoxe como membro comunitario no marco do Acordo Pesqueiro UE- Marrocos asinado en xullo do 2005.

Neste contexto, a Unión Europea non paga á poboación saharauí pola explotación dos seus caladoiros, senón que negocia con Marrocos, quen ocupou o territorio en 1976 de maneira ilexítima. A coartada utilizada foron os “Acuerdos de Madrid”, documento asinado por Marrocos, Mauritania e España, no que se deixaba a administración do territorio saharauí en mans de marroquinos e mauritanos, só de modo provisorio.

Marrocos xa daquela recorreu á tradición histórico-xeográfica para explicar a lexitimidade da súa soberanía, pero ningún país do mundo concordou de forma aberta e oficial coa súa visión da situación. É mais, hai 81 países que recoñeceron oficialmente o Estado da República Árabe Saharauí, creado pola Fronte Polisaria, grupo que proclamou a súa independencia no 1976.

A postura de España é o non recoñecemento deste Estado, mantendo aquí unha posición próxima dos intereses de Marrocos. Os países comunitarios na súa maioría recoñecen a Fronte Polisaria, pero non o Estado da República Árabe Saharauí proclamado por eles. No entanto, a Unión Europea, asinando o Acordo pesqueiro UE – Marrocos, antepondo intereses comerciais, recoñeceu indirectamente a Marrocos a capacidade de negociar cos recursos das augas que lexitimamente corresponden á poboación do Sahara Occidental. A UE apelou aos “Acuerdos de Madrid”, pero sen aceptar oficialmente a potencia marroquina como lexítima gobernadora das terras saharauís e, por ende, dos seus recursos.

Por pescar en augas territoriais do pobo saharauí cunha flota de 119 barcos, a UE paga 31,6 millóns de euros ao Estado de Marrocos considerándose, de facto, que esas augas territoriais son marroquinas. Sendo isto así, por que non se recoñece dende a Posición Común da UE a lexitimidade que se presume dende as fontes marroquinas, poñendo fin á incongruencia da situación? E por que moitos dos países da UE recoñecen a Fronte Polisaria e non a República do Sahara Occidental, que esta organización proclamou? 

A indefinición da UE ten provocado protestas dende todo tipo de organismos (coma o Western Sahara Resource Watch), de modo que a UE nun principio tentou xustificar as súas accións fundándose nos supostos beneficios que podería reportar este acordo ao pobo saharauí; aínda que hoxe por hoxe non haxa probas debido á negativa das autoridades marroquinas a dar conta á UE do destino dos recursos percibidos e o impacto do acordo sobre a poboación saharauí. De feito, a coñecida activista Aminetu Haidar declarou que “o acordo axuda a intensificar a represión marroquina contra a poboación saharauí…”, ademais de expresar que o acordo de pesca entre a UE e Marrocos viola o Dereito Internacional, xa que os saharauís que moran nos territorios ocupados nunca foron consultados en relación ao acordo Marrocos-UE. Os servizos xurídicos do Parlamento Europeo sinalaron tamén recentemente que ao non beneficiar ao pobo saharauí, o compromiso non respecta as leis internacionais. Este é un dos motivos principais que propiciarán un posible cambio de actitude da UE nos vindeiros meses. 

Carmen Fraga, presidenta da Comisión de pesca do Parlamento Europeo (CPPE), así como a Comisaria Europea de Pesca María Damanaki, referíronse nas últimas semanas á problemática do contexto, as dificultades á hora de abordar o conflito e renovar o acordo pesqueiro entre a UE e Marrocos. Esta posible “non renovación” debería concretarse antes do 28 de agosto ou, do contrario, o acordo quedaría prorrogado automaticamente. Estamos perante un traballo contrarreloxo co fin de atopar unha solución satisfactoria: quizais a ruptura do Acordo, ou a exclusión das augas saharauís, ou mesmo un acordo tripartito coa Fronte Polisaria, entre os máis optimistas. En xogo, e infelizmente, están os cálculos de beneficios e perdas, tanto en termos de relacións diplomáticas e imaxe internacional da UE, como en materia de pesca comunitaria que, xunto coa PAC, son as políticas comunitarias de máis peso.

Cabe esperar, con todo, que os dereitos do pobo saharauí á autodeterminación e a explotación dos seus propios recursos naturais teñan peso específico nas deliberacións comunitarias.