Peña Nieto explora unha alianza con Brasil

O protagonismo de América Latina no contexto internacional actual relaciónase co feito de constituír unha das áreas máis importantes en termos económicos. Como consecuencia do seu recente desenvolvemento e das históricas disputas entre os seus gobernos é, á par, difícil e sumamente necesario, identificar un líder rexional que asuma a tarefa de interlocución co resto dos centros de poder xeoestratéxico. Así, os dous referentes con maior posibilidade e capacidade para erixirse como tal líderes son Brasil e México.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

O protagonismo de América Latina no contexto internacional actual relaciónase co feito de constituír unha das áreas máis importantes en termos económicos. Como consecuencia do seu recente desenvolvemento e das históricas disputas entre os seus gobernos é, á par, difícil e sumamente necesario, identificar un líder rexional que asuma a tarefa de interlocución co resto dos centros de poder xeoestratéxico. Así, os dous referentes con maior posibilidade e capacidade para erixirse como tal líderes son Brasil e México. Tendo en conta esta premisa, o pasado mes de setembro, o actual presidente electo de México (Enrique Peña Nieto), que tomará posesión do seu cargo o próximo mes de decembro, efectuou a súa primeira viaxe “oficial” a Brasil. Esta enmarcouse nunha xira por Latinoamérica que, ademais deste país, incluirá visitas a Guatemala, Colombia, Chile, Arxentina e Perú. O principal fin desta tournée é mostrar tanto o seu compromiso coa rexión como tamén o interese de México por afirmarse como un dos líderes e referentes da zona.

México comprométese coa rexión

O reencontro entre México e América Latina eríxese como a mellor oportunidade para darlle un pulo a esta rexión na xeoestratexia mundial cara áreas de máximo interese para ela, como África ou Asia. Historicamente, a política exterior mexicana concentrouse nas relacións con EEUU, América Central e co Caribe, deixando á marxe os países de América do Sur. Polo tanto, que México se comprometa coa rexión e asuma o seu liderado xunto con Brasil, pode ser a clave para contrarrestar tanto o poder e influencia que Estados Unidos exerce nos asuntos de América Latina, como a perfecta ocasión para mellorar as relacións entre ambos territorios.

Peña Nieto salientou o seu desexo de impulsar a acción exterior de México na vía do seu desenvolvemento no conxunto da rexión. Neste sentido a “Alianza del Pacífico”[1] constitúese como a peza clave para que México se converta de facto nun dos líderes de América Latina[2], xunto con Brasil, que é o líder de UNASUR[3]. Estas organizacións de integración rexional representan dúas visións económicas claramente diferenciadas como son: a aposta polo liberalismo económico defendido polos países do Pacífico con México á cabeza, e os defensores de medidas proteccionistas e de intervención do Estado na economía, como é o caso de UNASUR, no que Brasil é o país máis importante. Como consecuencia do seu papel como líderes da rexión, persoas achegadas a Peña Nieto aseguran que, unha das súas propostas ó goberno brasileiro consistirá en  de crear unha axenda multilateral na que poidan tratarse cuestións relativas ás políticas de migración, de seguridade e de desenvolvemento económico.[4]

Relacións Bilaterais México - Brasil

As relacións entre ambos países durante a etapa de Felipe Calderón como presidente de México (2006-2012) caracterizáronse por non ser de todo cordiais (proba disto é a negativa de Brasil en 2008 a que México formase parte de UNASUR). Peña Nieto quere mudar tal estado de cousas. Así, manifestou o seu profundo interese e comprometeuse a ser un dos máximos impulsores dunha maior integración entre México e Brasil a través da busca de todas as oportunidades para complementarse e conseguir unha integración comercial entre ambos[5]. Durante esta viaxe establecéronse os primeiros contactos para propiciar un acordo de libre comercio entre ambos territorios camiñando cara unha maior integración comercial cos países de América do Sur e América Central, o que podería derivar nunha nova proposta dunha unión panamericana.

O primeiro paso a dar para materializar esta integración comercial sería a creación dunha área de libre comercio entre ambos territorios vinculada a determinados sectores, o que reforzaría o comercio bilateral.[6] Con este fin entrevistouse co presidente da principal patronal brasileira, a Federación de Industrias do Estado de São Paulo (FIESP),e coa Presidenta de Brasil, Dilma Rousseff.[7] Os principais produtos que exportan ambos países son agrícolas, minerais e petróleo.[8] Como dato a ter en conta, o comercio entre Brasil e México creceu en 18 veces dende 1990, e supuxo pasar duns 527,4 millóns de dólares a 9.452,8 millóns de dólares no último ano (2011)[9], cun saldo positivo a favor de México de 1.700 millóns de dólares[10]. Polo que se refire ós 8 primeiros meses deste ano 2012 o intercambio comercial xa supuxo uns 7.077 millóns de dólares cun saldo positivo para México de 1.507 millóns de dólares.[11] A pesar dos beneficios que traería este acordo, debemos ter en conta as hostilidades que podería xerar en países como Arxentina, que vería minguado o seu protagonismo, e Panamá, que sempre estivo en contra. A solución podería pasar por establecer dito tratado de libre comercio directamente co Mercosur.[12]

Como conclusión, cabe destacar que esta alianza de potencias rexionais (México - Brasil), de chegar a producirse, pode determinar dun xeito claro tanto o poder da rexión latinoamericana no escenario internacional, como o nivel de influencia que esta pode alcanzar nas organizacións internacionais de carácter global. Este bloque rexional xunto con Asia son os territorios nos que cómpre concentrar a nosa atención no futuro en aras de determinar a evolución das relacións xeoestratéxicas globais.

 


[1] Organización de integración rexional constituída en xuño de 2012 e formada por Chile, Colombia, México e Perú. Costa Rica e Panamá contarán con estatuto de observadores. O seu fin é potencializar a vinculación destes países có mundo globalizado, especialmente enfocando as seu interese cara a rexión de Asia-Pacífico.

[2] Información recollida no diario dixital Infolatam.com o 23 de setembro de 2012. http://bit.ly/QOS7d0

[3] Organización de integración rexional constituída en maio de 2008 e formada por Arxentina, Bolivia, Brasil, Chile, Colombia, Ecuador, Guiana, Paraguai, Perú, Surinam, Uruguai e Venezuela. O seu fin e crear un espacio de unión en aspectos culturais, sociais, económicos e políticos, empregando o diálogo político e as políticas sociais para tratar asuntos relativos á educación, enerxía, infraestructura, financiación e medio entre outros, có ánimo de eliminar a desigualdade socioeconómica e fortalecer a democracia entre outros.

[4] Información recollida pola axencia brasileira de noticias impressorbraziliense.com o 19 de setembro de 2012. http://bit.ly/Q7UHt9

[5] Información recollida no diario dixital infosurhoy.com o 20 de setembro do 2012. http://bit.ly/POllok

[6] Para emitir estas declaracións escolleu a cidade brasileira de São Paulo, o centro económico deste país.

[7] Información recollida pola axencia brasileira de noticias impressorbraziliense.com o 19 de setembro de 2012. http://bit.ly/Q7UHt9

[8] Información recollida no diario dixital infosurhoy.com o 20 de setembro do 2012. http://bit.ly/POllok

[9] Información recollida no diario dixital Milenio.com o 19 de setembro de 2012. http://bit.ly/PWjhyG

[10] Información recollida no diario dixital Infolatam.com o 23 de setembro de 2012. http://bit.ly/QOS7d0

[11] Información recollida pola axencia brasileira de noticias impressorbraziliense.com o 19 de setembro de 2012. http://bit.ly/Q7UHt9

[12] Información recollida no diario dixital Infolatam.com o 23 de setembro de 2012. http://bit.ly/QOS7d0