Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
15 de Maio de 2020 VV.AA.

Perspectivas 2020. O coronavirus de Tucídides en ano electoral: a confrontación EUA-China na pandemia

Este artigo fai parte do IGADI Annual Report 2019-2020 "Da guerra comercial á Coivd19"
A trampa de Tucídides

Os escenarios dun conflito violento entre Beijing e Washington apuntan principalmente no ciclo da escalada de tensión 2016-2020 en dúas direccións: o mar da China meridional e Taiwán. En ambos os dous casos, a tensión aumenta como tendencia sostida desde 2016, xerando escenarios especialmente sensibles para a xestión do conflito coa aparición da Covid19.

Ora ben, a pandemia global introduce un novo factor que pode incidir na aceleración da alternancia hexemónica cara China, afastando a hipótese dun conflito armado como mecanismo detonante. Dependerá da fortaleza de cada quen á hora de saír desta crise e da fragmentación das lealdades que se deriven durante o 2020-2021 do necesario repensamento das relacións internacionais de países clave e da correlación de forzas resultante.

No caso chinés, cumpriría discernir canto hai de mito propagandístico e canto de realidade ao cabo na xestión da crise. Aínda que avanza rápido na recuperación económica e social, parece que o virus tampouco dixo a última palabra. A súa rápida reacción activando todos os resortes e discursos de aposta explícita e aberta pola cooperación internacional gañou algunhas complicidades e simpatías, ao tempo que levantou todas as sospeitas, no medio da campaña trumpista de culpabilización pola xestión do virus.

A aposta chinesa pola cooperación internacional en sentido amplo é sincera ao tempo que interesada, mais acúñase desde una posición cultural e constancia da relación de forzas. Durante a próxima década e no inmediato China ofertará renovar a orde internacional con asertividade.

No caso estadounidense, o persoalísimo proxecto do trumpismo afronta o seu ano electoral rodeado pola pandemia e o seu conflito coa China, que parece non ten vontade de apagar durante a crise da Covid19. Para a campaña electoral cumpriu coa súa promesa de acabar co legado do seu antecesor Barack Obama. Ao tempo, a política exterior de Trump imprimiu un marcado desprezo pola sociedade interna e os seus consensos, unicamente alterado por contextos específicos como combater a China, a apertura con Corea do Norte e a súa intransixente política contra Irán ou a prol de Israel. No caso latinoamericano, volta ao pasado: placidez ante viraxe política e electoral dereitista na rexión, normalización das relacións con novos aliados (Brasil de Bolsonaro, Bolivia post-Evo) e acoso constante aos “inimigos” (Cuba, Venezuela). En perspectiva, Trump desprezou deliberadamente a súa atención dos asuntos mundiais buscando simultaneamente romper compromisos e alianzas chave do sistema internacional da “posguerra fría”, (OTAN, COP25, dereitos humanos) deste particular estilo exportado a nivel mundial.

En caso de reelección, resta igualmente observar se o eventual período “Trump II” na Casa Branca ofrece algo de moderación ou, mais ben, permitirá consolidar ao “trumpismo” como un factor populista e personalista xa abertamente “normalizado” dentro da política global. A relación coa China será o eixo central da política exterior de calquera goberno que saia das eleccións de novembro nos EUA. Trala decepción co período Obama en boa parte da sociedade global, será difícil para calquera candidato demócrata re-encantar á sociedade mundial a un liderado dos EUA. En todos os escenarios, a pésima xestión da emerxencia do virus e os fortes impactos de saúde, ameazan con lastrar a xestión na nova normalidade.

Na China tamén será un ano clave para Beijing, que encara desafíos político-territoriais á alza, tralas contundentes vitorias electorais en Hong Kong e Taiwán de rivais políticos que consolidan posicións, sen esquecer noutra escala o Xinjiang. A obsesión por telo todo en estado de permanente revista con vistas ao primeiro centenario do Partido Comunista (2021) pode extremar tensións e acabar por estragar a celebración. O equilibrio interno será clave na consistencia da China da Covid19.

Tras se cumpriren os 70 anos da República Popular, Beijing percibía unha oportunidade estratéxica para culminar o seu “socialismo tres delicias” (un país forte, estable e respectado). Xi Jinping alertou sobre tempos difíciles que estaban por vir, instando a prepararse para as complicacións... A crise da covid19 non parece que comprometa o reto, mais ben obrigará a reorientalo. “Se un percorre 90 pasos de un camiño de 100, fáltalle a metade do camiño”, di un refrán chinés… A xestión das reaccións na pandemia tanto pode levar a China de volta a ocupar unha posición central no sistema global como tamén a derrapar estrepitosamente estragando os esforzos das últimas décadas.

Esta peza é parte do IGADI Annual Report 2019-2020, podes descarregalo aquí. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais