Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
REVISTA ECO 20 de Abril de 2021 González Palau

Pespectivas para 2021: Nova normalidade e sociedade de risco global

Capa do IGADI Annual Report 2020-2021

Como cada ano saíu o noso anuario de relacións internacionais e política global, o IGADI Annual Report 2020-2021, nesta edición titulado: “Nova normalidade e sociedade de risco global”. O informe repasa polo miúdo os acontecementos do ano 2020, determinados polos impactos da Covid-19 na sociedade internacional, así coma o inicio dun 2021 con fortes problemas de dixestión.

O asalto ao Capitolio, as primeiras consecuencias do Brexit, as novas ondas e cepas da Covid19, ou a dificultosa xestión da produción e administración universal das vacinas, alertan para un ano onde convivirán crises xa presentes no planeta da última década (crise ambiental, guerras comerciais USA-China, aumento da desigualdade a nivel global ou empobrecemento do mundo occidental…) con novos escenarios aparecidos froito da evolución da crise sanitaria global.

Neste contexto o IGADI Annual Report 2020-2021 identifica cinco perspectivas desde as que seguirlle a pista ao 2021, das que neste artigo destacaremos tres:

1. Neoestatismo, populismos e xeopolítica das vacinas: A suspensión da globalización co feche de fronteiras e abrupto parón das cadeas de produción global no 2020 alertaron da posibilidade dunha desglobalización que fortalecera de novo o papel dos estados, especificamente desde a idea de conter o ascenso da China e o seu peso nuclear na produción e comercio mundial. Aínda que os primeiros indicios apuntan a que as cadeas de valor non están a ser alteradas de maneira sensible tralo shock inicial, os discursos populistas continuarán a perfilar as axendas e a polarizar as sociedades, influenciando en parte o grande realiñamento que o planeta agarda para o 2021-2022, onde a xeopolítica das vacinas intúese primeira ferramenta de orde nas relacións internacionais.

2. A hora da verdade para a Unión Europea: Trala crise profunda inicial na UE coa chegada da Covid-19 e a descoordinación dos estados europeos e as institucións comunitarias na resposta a pandemia, neste 2021 as promesas do ano pasado para a refundación europea terán un desafío inaprazable de difícil contención. Así as cousas a xestión dos fondos de reconstrución, a compra e administración colectiva das vacinas ou o impulso á acción xeopolítica da Unión Europea están xa a ser liñas de traballo de difícil éxito e xestión. O escenario deberá manexarse con habilidade, ao tempo que os calendarios electorais nacionais afecten a vida interna da UE, de maneira moi especial coas eleccións en setembro en Alemaña, as primeiras despois de A. Merkel.

3. Restauración americana, segundo Joe Biden: A fin do goberno Trump encheu de optimismo as democracias liberais arredor do globo, aspirando a cortar de raíz a ola populista que o expresidente americano alentou en todo o mundo (optimismo atragantado co asalto ao Capitolio o 6 de xaneiro). Agárdase de J. Biden que fixe coma prioridade dotar ao 2021 de maior paz social ao interior dos Estados Unidos; impulsando a vacinación universal e a reconstrución económica, así coma asentar as bases dun proxecto sedutor de política exterior arredor dos valores democráticos, co que tecer grandes alianzas cos socios europeos e asiáticos no obxectivo de presionar a China, que segue a identificarse coma rival sistémico coma evidencian todos os movementos. Ollo especial ao QUAD, a chamada OTAN asiática, o Diálogo de Seguridade Cuadrilateral segundo as siglas en inglés, formada polos Estados Unidos, Xapón, Australia e India.

O informe anual do IGADI cumpre neste 2021 a súa décimo cuarta edición. O informe está dispoñible ao completo na nosa páxina web premendo aquí.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais