Cada país segue unha dinámica propia que fai difícil unha nova era na rexión

Pode estenderse a revolta tunecina ao resto do Magreb?

Á luz dos máis recentes e dramáticos acontecementos no Magreb, resulta sedutor albiscar unha rebelión a gran escala contra os poderes establecidos na rexión. Sempre ávidos de xustiza e de promover revolucións fóra de casa, descoñecedores da evolución recente e a realidade sobre o terreo, os medios occidentais topáronse de súpeto cun gran titular xusto alén do Mediterráneo.

Apartados xeográficos África
Idiomas Galego

Á luz dos máis recentes e dramáticos acontecementos no Magreb, resulta sedutor albiscar unha rebelión a gran escala contra os poderes establecidos na rexión. Sempre ávidos de xustiza e de promover revolucións fóra de casa, descoñecedores da evolución recente e a realidade sobre o terreo, os medios occidentais topáronse de súpeto cun gran titular xusto alén do Mediterráneo. A nai de todas as revoltas, capaz de derrocar aos Ben Alí, Buteflika, Mohamed VI, Gadafi e Mubarak, todos de golpe, propiciando o advenimento dunha nova era na rexión.

O concepto de “ciclo de protesta” mide en Ciencia Política o número e intensidade das revoltas nun contexto ou área xeográfica. Algúns expertos sosteñen que os cambios sociais son máis plausibles cando existe un ciclo de protesta alto. No Magreb atopámonos ante un momento álxido das reivindicacións sociais e, estatisticamente falando, a extensión das protestas é un fenómeno que se debe ter en conta. Os expertos tamén son moi conscientes de que calquera extensión transfronteiriza das reivindicacións depende doutras moitas variables.

Paralelismos

Con todo, é difícil resistirse a establecer paralelismos entre a situación actual nos diferentes países magrebís. Xunto a xeografía, relixión e lingua, Tunisia, Alxeria e Marrocos comparten algunhas similitudes demográficas, económicas e políticas. Unha estrutura de poboación similar, con medias de idade que oscilan entre os 26 e os 29 anos. Constátase a angustia dos máis novos ante un contexto económico adverso, inquedos e medorentos pola deterioración das condicións de vida, a falta de traballo e de perspectivas.

Outro trazo común é a existencia de réximes autoritarios e corruptos, onde case sempre se beneficia unha mesma oligarquía con exclusión do cidadán común. Do fin de reino do presidente tunecino ao drama alxerino, guerra civil mediante, ata as contradicións da transición marroquí, as diferenzas son de vulto, non podendo ser interpretados os feitos do mesmo xeito nin albiscarse unha evolución parella.

Papel interesado do Exército

Á espera de ver o que dá de se o derrocamento de Ben Alí, o tunecino é o único movemento que impulsou un cambio tanxible. Á espera de ver se asistiremos a unha mutación de sistema ou unicamente no cumio do Estado, este cambio viuse moi axudado pola inacción do partido único de facto e a intervención interesada do exército.

As cotas de violencia en Alxeria son insoportables desde fai lustros. As revoltas nos suburbios das grandes cidades e na Cabilia non son unha novidade para quen seguen de cerca a actualidade do país. En Marrocos, clima de apertura mediante, as virulentas protestas dos diplomados en paro e as revoltas do pan xa forman parte da paisaxe cotiá de cidades como Rabat ou Casablanca.

Aluvión repentino de titulares, exaltación e dramas do curto prazo aparte, o auténtico cambio no Magreb aínda deberá esperar. E, madurado e meditado, será máis acorde coa idiosincrasia e realidade dos seus poboadores que cos anhelos de Occidente.