Por armas que non sexa!

A quen non lle interesa acabar coas guerras? Basta seguir a pista dos principais vendedores de armamento... Segundo o mais recente informe do SIPRI (Stockholm International Peace Research Institute), os cinco maiores exportadores son os EUA, Rusia, Francia, Alemaña e China, por esta orde. Catro deles son membros permanentes do Consello de Seguridade das Nacións Unidas….

Apartados xeográficos Outros
Palabras chave conflitos SIPRI armas crises
Idiomas Galego

A quen non lle interesa acabar coas guerras? Basta seguir a pista dos principais vendedores de armamento... Segundo o mais recente informe do SIPRI (Stockholm International Peace Research Institute), os cinco maiores exportadores son os EUA, Rusia, Francia, Alemaña e China, por esta orde. Catro deles son membros permanentes do Consello de Seguridade das Nacións Unidas….

Analizando o quinquenio 2015-2019, o SIPRI chega a conclusións moi relevantes. Por exemplo, neste lustro, o comercio mundial de armas pesadas medrou un 5,5 por cento, o fluxo de armamento aumentou significativamente cara a rexión de Oriente Medio e Arabia Saudita xorde como o primeiro importador a nivel mundial. Dáse a circunstancia de que os EUA e Reino Unido, que a miúdo expresan unha gran preocupación pola intervención de Riad no Iemen, continuaron vendéndolle armas sen o maior reparo. O 73 por cento das importacións de armas de Arabia Saudita procederon dos EUA, e o 13 por cento do Reino Unido. Outro actor importante nesta rexión son os Emiratos Árabes Unidos, o oitavo importador mundial, tamén implicado nas guerras de Iemen ou Libia, dous territorios e pobos totalmente destruídos coa lucrativa colaboración de moitos países, entres eles, España.

Os EUA seguen á cabeza, segundo o SIPRI. No período obxecto de estudo medraron as ventas un 23 por cento e incrementaron nun 36 por cento a participación no monto global superando nun 76 por cento as do segundo exportador mundial, Rusia. Os EUA venden armas a un total de 96 países e a metade de todo canto vende vai para Oriente Medio. E a metade de todo canto vende no Oriente Medio, vai para Arabia Saudita. As importacións da monarquía absoluta e islámica do rei Salmán bin Abdulaziz aumentaron nada menos que un 130 por cento, representando o 12 por cento das importacións globais de armas. China segue facéndose un oco neste truculento negocio, pasando de 40 a 53 clientes en todo o mundo.

Tamén nisto hai países emerxentes. Francia, por exemplo, experimentou un incremento do 72 por cento. Ou Corea do Sur, que xa ingresou no top-ten dos exportadores mundiais ao incrementar as súas vendas nun 143 por cento. Tamén Israel, cun medre do 77 por cento. Exipto triplicou as súas compras ata se converter no terceiro importador a nivel mundial. Brasil representa o 31 por cento das importacións de toda América Latina.

Os conflitos son unha garantía para o negocio. E non falta quen venda aos dous bandos. As tensións entre India e Paquistán, os dous estados nucleares, son un claro exemplo. A India foi o segundo maior importador de armas a nivel mundial e Paquistán o undécimo. Pero Libia, o xa citado Iemen ou ata o Nagorni Karabaj, por citar algúns, representan unha segura garantía de éxito para un boiante sector no que a palabra crisis, de primeiras, sabe a gloria.