Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
19 de Abril de 2021 Álvarez Ares

Por que unha estratexia de diplomacia deportiva para Galicia?

Ao longo desta serie sobre diplomacia deportiva fomos desenvolvendo algúns dos seus múltiples beneficios, dende un eido interno á proxección internacional, as relacións bilaterais ou a cooperación para o desenvolvemento. Tras facer un percorrido por eles, unha utilización organizada das ferramentas que ofrece o deporte pode parecer un recurso útil e beneficioso para a diplomacia de calquera territorio. Isto non pasou desapercibido para algúns estados que como os EUA, Australia, Francia ou a China levan anos a desenvolver programas de diplomacia deportiva ben definidos e estruturados que lles axudaron a potenciar a súa imaxe e influencia internacional.

Mais a maioría das accións que se levan a cabo comunmente neste eido poden ser perfectamente adaptables ao marco competencial das comunidades autónomas, que posúen a competencia exclusiva en materia deportiva, e mais tendo en conta o importante peso relativo doutras entidades como as federacións e os clubs. Por isto Galicia podería beneficiarse dunha paradiplomacia deportiva, que alén é un area cun especial potencial debido as excelentes predisposicións coas que conta.

O deporte galego e os seus éxitos están a medrar de xeito exponencial grazas á labor realizada nos últimos anos. A falta de concretarse moitas clasificacións olímpicas e a seleccións nas disciplinas de equipo, a participación galega en Tokyo roldará por encima de 20 deportistas, dobrando a decena presentada fai dúas edicións en Londres 2012. Galicia logrou posicionarse no cabeceiro mundial de disciplinas como vela, piragüismo, tríatlon, judo, fútbol sala feminino ou hóckey sobre patíns, grazas a deportistas e equipos que, como o presidente da xunta recoñeceu na recepción dos medallistas olímpicos de Londres, “son embaixadores de Galicia polo mundo”. Esta tendencia logrouse grazas á colaboración de múltiples actores públicos e privados, que a súa vez víronse enormemente nutridos destes beneficios, consolidando unha rede de actores completa e potente.

No ámbito público contamos cunha distribución de competencias multinivel, onde dende a Secretaría Xeral para o Deporte, dependente da Presidencia da Xunta, ata os Concellos, pasando polas Deputacións provinciais, contan con áreas destinadas ao deporte e diferentes competencias e capacidade de acción e impulsar eventos ou patrocinios. Estas colaborarán con axentes públicos doutros ámbitos como o turismo, con entidades e organizacións, como as federacións deportivas, e cun  importante e internacionalizado tecido empresarial deportivo, organizado agora no Clúster Galego da Industria Deportiva e o Benestar. Tamén teñen implicación empresas doutros sectores mediante o patrocinio deportivo, sendo Estrella Galicia o exemplo a gran escala, pero sen esquecer que o principal patrocinador do galardoado como mellor equipo de fútbol sala feminino do 2020 sexa Pescados Rubén, como mostra da diversidade de oportunidades que ofrece o sector.

Por outra banda, Galicia conta  cunhas boas instalacións deportivas, culminando no Centro Galego de Tecnificación Deportiva en Pontevedra, ou os centros de entrenamiento de remo e piragüismo de Laias, Arnoia e Castrelo de Miño e de vela en Vilagarcía de Arousa, que son unha mina de talentos e incluso un lugar de referencia para os atletas doutros países. Posúe unha ampla oferta educativa en materia de deportes, incluíndo un Máster en Investigación deportiva e outro en xestión empresarial do deporte. E, por suposto, conta cunha idílica, entorna natural para a práctica e a promoción de deportes como o sendeirismo, golf, deportes náuticos, ciclismo... moi demandados desde un turismo deportivo moi en auxe.

Todo este potencial non pasou totalmente desapercibido, pois son moitas as accións concretas que se foron desenvolvendo que implican repercusións no eido da paradiplomacia. Dende a organización dos eventos máis importantes nalgunhas disciplinas, a realización de conferencias sobre tecnoloxía deportiva, a potenciación do turismo deportivo ou patrocinios ao máis alto nivel

Con todo isto, asemella inexplicable que tan sequera se faga mención algunha ao ámbito deportivo na Lei Reguladora da Acción Exterior e da Cooperación para o Desenvolvemento de Galicia e no IV Plan Director da Cooperación Galega, e apenas sexa nomeado como posible actor na Estratexia galega de Acción Exterior. Tampouco se exploran as posibilidades do deporte na paradiplomacia galega en documentos como o Plan Galego para o Fomento da Actividade Física, que si inclúe fomentar o turismo deportivo como único tema relacionado. A única referencia que encontramos que vincule estas ideas é o Plan Estratéxico do deporte da Deputación de Pontevedra, que incluía a consolidación de proxectos deportivos na provincia como factor de proxección exterior importante, sendo este un dos seus obxectivos e eidos de actuación.

Pero pese as nulas mencións feitas, o deporte pode e debe axudar á concreción e consecución dos obxectivos do país, tanto internos como externos, reflectidos nos citados plans, leis e estratexias, dende o reto demográfico e a atracción de capital humano cualificado, a promoción da cultura e imaxe marca-país, a diversificación dos mercados exteriores ou a implantación dos ODS. Tamén é posible moldear a paradiplomacia deportiva para incidir nas relacións con áreas prioritarias ou as relacións coa diáspora.

Por outra banda, a realidade que mostra o sector deportivo dunha rede de actores tan sumamente plural, diversa e multinivel supón unha maior distribución dos esforzos, e unha adecuación ás novas realidades multiactor e multidisciplinar da acción exterior, como trata de recoller a normativa vixente, incluíndo os conceptos de acción exterior en rede, os novos suxeitos da acción exterior e a idea de Coordinación, cooperación e colaboración nos procesos.

Tamén serviría para posicionarse como pioneiros nun sector en alza, adaptándonos ás recomendacións da Unión Europea , que nas conclusións do Consello sobre a Diplomacia Deportiva de 2016 insta, en resumo, a aumentar o grao de sensibilización sobre o potencial do deporte para influenciar á diplomacia pública e aproveitar o potencial do deporte nesta materia.

Un factor clave para a correcta optimización da diplomacia deportiva é que estea organizada, coordinada e adaptada aos obxectivos globais da acción exterior dun territorio. Partindo desta idea, a recente aprobación da Lei Reguladora da Acción Exterior e Cooperación de Galicia sumada ao potencial do deporte en xeral, e en Galicia en particular, ofrece un marco ideal para continuar cos avances e optimizar tódolos recursos mediante o deseño dunha Estratexia Galega de Paradiplomacia Deportiva.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais