Portugal à moda da casa

A diferenza entre a aritmética electoral e a parlamentaria quedou plenamente de manifesto nos comicios do 4 de outubro en Portugal. A coalición de dereitas Portugal à Frente (PSD/CDS-PP) obtivo o 38,36 por cento dos votos e 107 escanos; mentres, o PS, o 32,31 por cento e 86 deputados, o BE, o 10,19 por cento e 19 escanos e a CDU, o 8,25 por cento e 17 escanos. En resumidas contas, o PàF de Passos Coelho foi a forza máis votada, pero a súa vitoria resultou insuficiente para contar con respaldo parlamentario estable: 107 fronte a 122, deixando de lado o escano dos animalistas (PAN, 1,39 por cento e 1 deputado). E en termos de sufraxios, máis de medio millón de votos avalaban as críticas ás políticas de austeridade.

Apartados xeográficos Europa
Idiomas Galego

A diferenza entre a aritmética electoral e a parlamentaria quedou plenamente de manifesto nos comicios do 4 de outubro en Portugal. A coalición de dereitas Portugal à Frente (PSD/CDS-PP) obtivo o 38,36 por cento dos votos e 107 escanos; mentres, o PS, o 32,31 por cento e 86 deputados, o BE, o 10,19 por cento e 19 escanos e a CDU, o 8,25 por cento e 17 escanos. En resumidas contas, o PàF de Passos Coelho foi a forza máis votada, pero a súa vitoria resultou insuficiente para contar con respaldo parlamentario estable: 107 fronte a 122, deixando de lado o escano dos animalistas (PAN, 1,39 por cento e 1 deputado). E en termos de sufraxios, máis de medio millón de votos avalaban as críticas ás políticas de austeridade.

Pese a este resultado, Passos Coelho amosouse tranquilo desde o primeiro momento. Custaba imaxinar un entendemento á esquerda, especialmente entre os socialistas de António Costa e os comunistas de Jerónimo de Sousa. Nunca tal sucedera desde 1974. A priori, sería mais factible un entendemento á xermana, entre os dous grandes partidos que comparten as grandes liñas mestras do proxecto de país, pero a opción alternativa foi collendo xeito ante a ausencia de maiorías suficientes para garantir a estabilidade. A dereita non percibiu entón o feito maior: o marco político e parlamentario en Portugal mudara substancialmente aquela noite. A continuidade das políticas austeritarias estaba en cuestión.

A decisión de António Costa de non dar aval e apoio á formación dun goberno de dereita optando por tomar a iniciativa de formar un goberno baixo o seu liderado e aceptando un diálogo á esquerda foi clave, como tamén a decisión, no outro extremo do abano, de Jerónimo de Sousa, de non impedir esta alternativa á vista da correlación de forzas existente. A maiores, António Costa resistiu as presións internas –incluídas as de sectores do seu propio partido- e externas –troika tamén- e ata da Igrexa Católica que por boca do Cardeal Patriarca de Lisboa, Manuel Clemente, instou a unha “grande coaligaçao”

Para o BE e a CDU, con independencia de cómo se concrete a súa participación final na alternativa, permitiralles transcender esa concepción de eterna oposición. Especialmente no caso da CDU, abrir as portas a unha negociación co vello inimigo, o PS, equivale a voar os marcos que definiron o pos-25 de Abril. A alternativa supón para o Bloco de Esquerdas, que en boa medida medrou recollendo apoio no viveiro do PS, materializar a posibilidade de establecer un acordo político sólido sen renunciar ás conviccións de partida. O que os une (menos austeridade, salvar o Estado social, emprego con dereitos, unha política de desenvolvemento) favorece o entendemento se ben está por ver como se axeita co respecto dos compromisos internacionais de Portugal.

As pontes que tenderon desde o PSD e CDS-PP a deputados do PS descontentos coa estratexia do seu líder non frutificaron. Só 6 deputados cambiando de bando serían suficientes para dar a maioría á dereita e uns 15 situados no entorno do grupo que apoiou a Antonio José Seguro estarían nesa quiniela. Pero o bloque segurista ten as súas propias fendas: Joao Soares, por exemplo, apostou por un goberno alternativo; sen embargo, Sousa Pinto, nada segurista, dimitiu do Secretariado Nacional por estar en contra do entendemento co BE e CDU. Desde fóra do Parlamento, o eurodeputado Francisco Assis, cabeza de lista do PS nas europeas de 2014, tamén manifestou a súa contrariedade por ver o seu partido nun papel de “obstruçao por obstruçao”. Para os críticos do PS, o que estes queren é un goberno frouxo do PS para derrubalo cando lles vaia ben, o que traerá de volta á dereita con maioría absoluta de novo. Pero polo momento, a maioría xa non era maioría e non podía pretender gobernar como se nada pasara o 4 de outubro.

Cavaco Silva toma partido

Tras recibir os principais lideres políticos, Cavaco, pese a estar ao tanto das negociacións á esquerda, decidiu nomear a Passos Coelho,en nome da estabilidade e pouco menos que da decencia europeísta e a seguridade internacional. Nun discurso alarmista, Cavaco cargou canto puido contra a oposición máis crítica erixíndose en salvador do país e alentando a rebelión interna no PS.

A airada reacción presidencial animou o espírito opositor de converxencia, manifestado de primeiras na elección de Ferro Rodrigues, ex secretario xeral do PS (2002-2004) como presidente da Assembleia da República. A partir de aí, Lisboa instálase na política-ficción. Passos forma novo executivo a sabendas de que non ten futuro a non ser que cunda a estratexia de deslexitimación da esquerda. De non haber sorpresas, o seu será o goberno máis efémero da historia lusa e a solución de Cavaco a peor de todas para garantir a estabilidade. Se persistir na negativa a propor a Antonio Costa, habería que acudir a novos comicios. Se a esquerda logra impor a súa maioría, quedaría derrubado un valado que en 40 anos impediu a comunicación entre as diferentes familias da esquerda portuguesa.