A existencia do MPNA revela que o polo vencedor da guerra fría non logrou convencer de todo das súas bondades a un amplo grupo de países

Presente e futuro da terceira vía global

Vivimos tempos que nos abocan a unha inevitable polarización. Tamén no político e no estratéxico a nivel global. Nese contexto, movementos como o dos países non aliñados (MPNA), procedente da época do mundo bipolar e a guerra fría, viven un segundo cuestionamento tanto pola desaparición daquel contexto fáctico que está no cerne da súa razón de ser como pola hipotética perda de cohesión do movemento.

Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

Vivimos tempos que nos abocan a unha inevitable polarización. Tamén no político e no estratéxico a nivel global. Nese contexto, movementos como o dos países non aliñados (MPNA), procedente da época do mundo bipolar e a guerra fría, viven un segundo cuestionamento tanto pola desaparición daquel contexto fáctico que está no cerne da súa razón de ser como pola hipotética perda de cohesión do movemento.

A reunión que este grupo de países (65 por cento da ONU) celebrou a finais de agosto en Teherán evidenciou que conta aínda cunha representatividade innegable, referendada coa presenza do secretario xeral de Nacións Unidas a pesares das presións de Washington desaconsellando a asistencia, pero tamén as alargadas carencias que lle impiden afirmarse como un polo influente na sociedade internacional contemporánea. É verdade que segue existindo cinco lustros despois da fin da guerra fría, o cal é meritorio, pero os seus consensos semellan tan fráxiles que dificilmente resisten a presenza da verdade, como nos diría Plácido Castro.

Na xuntanza de Teherán houbo acordo na defensa do dereito a desenvolver programas nucleares pacíficos, pero isto é defendido por case todo o mundo por mais que se lle atribúan outras lecturas apropiadas en función dos intereses conxunturais de Irán. Outro tanto poderiamos dicir da reforma do sistema de Nacións Unidas, pois na letra pequena podería haber os seus mais e os seus menos. Non obstante, á hora de afrontar a crise siria plasmouse unha notable incapacidade para conciliar posturas e propoñer mediacións eficaces fronte a un problema que a todos nos afea. E é aí onde se xoga realmente o seu haber e o seu prestixio.

Así as cousas, quédanos o foro como un movemento, como o que é, un mecanismo aglutinador de heteroxeneidades, un totum revolutum, asumindo que dificilmente pode aspirar a algo máis. 

Pese a todo, recoñecendo tantos e importantes límites, fariamos mal en pasar por alto outras lecturas. En primeiro lugar, que a existencia do MPNA revela que o polo vencedor da guerra fría non logrou convencer de todo das súas bondades a un amplo grupo de países. Esta clamorosa resistencia á sedución (a diferenza daquela patética terceira vía ideolóxica coa que o señor Blair a tantos pasmara) é un valor esencial do movemento que actúa fronte ao conxunto da humanidade como recordatorio de que o bloque vencedor daquela pugna está ben lonxe de representar as aspiracións dunha maioría universal que persevera na conxura de tantas inxustizas que non fan mais que medrar.

Cabe esperar de Teherán unha dinamización maior do  MPNA respecto a quen precedeu na presidencia, o Exipto de Mubarak. O MPNA bríndalle unha oportunidade significativa para rachar o seu illamento internacional. Pero ese mesmo empeño, habida conta das múltiples reticencias que esperta o réxime iraniano, pode ser o seu maior hándicap.

Vestixio da guerra fría? Éo, certamente, pero podería desenvolver un discurso propio articulando as demandas dos países marxinados e empobrecidos que en boa medida constitúen o núcleo esencial dese espectro que representa, mesmo facendo valer hoxe a dobre militancia de xigantes como India ou Indonesia (tamén no G20) para abrir fendas nunha axenda marcada polos vergoñentos intereses dos mais poderosos.