Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
22 de Agosto de 2019 Martínez Pellitero

Principio do fin do Acordo de Libre Comercio MERCOSUR-UE

Fonte: Xinhua

O pasado 28 de xuño a Unión Europea e o MERCOSUR chegaron a un pacto histórico. Tras mais de dúas décadas de negociacións, ambas partes asinaron un acordo de libre comercio que se ben aínda non está nin finalizado -fallan negociacións que seguen en curso- nin ratificado polos países membros, comeza a perfilar os seus pasos finais, mais aínda cando se comeza a falar de que certas cláusulas permitirían aplicar algúns puntos dun tratado que aínda se estima que demorará, coma mínimo, dous anos en (se chega) entrar en vigor.

Que supón este acordo? Primeiro, trátase dunha importante nova nun contexto xeopolítico dominado pola guerra comercial que están a levar a cabo China e os Estados Unidos, que ven a poñer na escena a unha UE que se ben nunca conseguiu erixirse como un actor político de relevancia global, está comezando a moverse con importantes acordos comerciais[1] que diversifiquen as súas relacións, especialmente económicas pero tamén políticas, neste mundo multipolar.

Sen embargo, que o MERCOSUR, o cal que naceu coma un proxecto de integración rexional fortemente vinculado a unha ambición de desenvolvemento autocentrado destas nacións periféricas se posicione nunha liña tan favorable aos grandes intereses económicos dos países do centro, parece que aclara calquera dúbida sobre a deriva de este proxecto, situándoo nunha liña similar a da ‘Alianza do Pacífico’. Pois non se lle escapa a ninguén as declaracións de Bolsonaro nas que anuncia a súa vontade de asinar nun futuro próximo, un acordo de características similares cos Estados Unidos de Donald Trump, chegando incluso a designar ao seu fillo coma embaixador en Washington, una decisión xa aceptada polo país norteamericano, referendando a boa sintonía entre estes dous díscolos presidentes.

E segundo, como comentamos, este tratado marcará un forte cambio nunhas relacións comerciais tradicionalmente importantes para o MERCOSUR; a Unión Europea é o seu primeiro socio comercial[2], sumando mais de 45 billóns de euros de bens exportados en 2018 e 23 billóns de euros de servizos en 2017. Mentres que pola súa parte, a UE é o maior inversor no MERCOSUR con mais de 381 billóns de € de stock de capital, cunha inversión no sentido contrario de uns 52 billóns de euros.

Quen gaña e quen perde? Coma en todo acordo comercial, aínda cando se presenta como un acordo ‘Win-Win’, haberá gañadores e perdedores, e nun pacto aínda tan opaco (coma adoitan a ser este tipo de tratados perante as súas negociacións), semella difícil asignar de xeito inequívoco aos beneficiados e aos perxudicados, mais a grandes rascos os mais damnificados serían por unha parte a agricultura europea (pilar estratéxico na política de tanto de seguridade alimentaria coma de xestión medioambiental na rexión) e pola outra, a industria latinoamericana. Mais mesmo dentro de esta xeneralización haberá gañadores e perdedores en diferentes sectores que poidan atopar unhas mellores condicións para as exportacións ou importacións en función de coma se materialice o acordo.

A priori, as grandes multinacionais europeas deberían ser as maiores beneficiadas de este tratado, en tanto en canto desfrutaran de maiores facilidades para penetrar certos mercados que se lles resistían; circunstancia claramente revelada na grande presión exercida pola industria da automoción alemá para a acelerar a sinatura deste acordo, pero extensible a outras grandes corporacións coma a química Bayer-Monsanto ou mesmo as grandes construtoras españolas. Isto apunta a que sufrirá moito a industria brasileira (a gran potencia da rexión) en tanto en canto deberá competir en práctica igualdade de condicións coa competitiva industria europea en moitos sectores ata o de agora protexidos.

Haberá que ver tamén coma se resolve todo o relacionado tanto cos fortes controis fitosanitarios que se dan na Unión Europea, que ademais de funcionar coma medida de seguridade e protección sanitaria, na práctica exerce unha forte restrición ás importacións de produtos agropecuarios de outras rexións (coma a suramericana) ou coas grandes subvencións que recibe este sector gracias á unha das maiores políticas proteccionistas en todo o mundo como é a PAC, pois aínda que o comisario europeo de agricultura Phil Hogan aclarou algunhas das concesións previstas, xa dixemos antes o acordo aínda non está finalizado e as negociacións sobre este punto crítico aínda continúan.

Por último, non podemos pechar un texto sen introducir unha das dimensións que mais incerteza está xerando arredor da sinatura de este tratado. Nunha das rexións que maior potencial de recursos naturais presenta en todo o mundo, tanto organizacións coma personalidades propias defensoras do medioambiente, están argumentando unha total incompatibilidade entre a Axenda 2030 e este acordo que fomentaría o uso do chan, a explotación dos bosques e lexitimaría as políticas de deforestación que Jair Bolsonaro está executando dende a súa chegada a presidencia do xigante brasileiro -quen acaba de liberalizar o uso de outros 51 agrotóxicos en contra da opinión de organizacións coma Greenpeace-.

Neste senso, países absolutamente centrais no acordo coma Francia[3] están facendo públicas a súas reticencias a este tratado, poñendo condicións tales coma a adopción do acordo de París sobre o cambio climático aos países do MERCOSUR para aprobalo. Pois atopámonos nunha situación na que semella que as axendas comerciais e medioambientais toman camiños en sentidos opostos, cando compre que avancen xuntas e integradas cara un desenvolvemento sostible e respectuoso coa natureza e o resto de seres vivos cos que debemos cohabitar o planeta.

Deberemos esperar a que sexa totalmente público e aflore a letra pequena para poder xulgar con certo coñecemento as consecuencias que nos deparará este acordo, mais é preciso poñer enriba da mesa todas estas problemáticas que soen ficar subordinadas aos intereses económicos e políticos no momento de negociar os famosos TLCs.

 


[1] Mais aló do frustrado TTIP cos EUA está o tratado libre comercio con Xapón firmado en 2018, a negociación que se está a levar para modernizar o acordo comercial con México, as negociacións tamén en curso con Australia ou estes novos movementos da Unión Europea tanto co MERCOSUR (Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai) como coa Alianza do Pacífico (Chile Colombia, México e Perú).

[2] Por riba de China. Non así para a Unión Europea, sendo os EUA o principal socio comercial da rexión con case 700 billóns de dólares comercio bilateral.

[3] E haberá que esperar especialmente por se se producen un cambio de goberno nunha debilitada Arxentina que poida modificar diametralmente a posición do país austral con respecto ao acordo.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais