Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza 17 de Outubro de 2020 Ríos

QUAD

quad.jpg

A OTAN asiática está en marcha, e chámase QUAD. Resume a importancia que os EUA outorgan a esta alianza o feito de que o Secretario de Estado Mike Pompeo, pese á pandemia e pese mesmo ao positivo de Donald Trump, viaxou igualmente a Tokio para se reunir cos seus pares de Xapón, India e Australia. A finais de agosto, o secretario de Estado adxunto Stephen Biegun aclaraba que urxía transformar o QUAD nunha especie de nova OTAN para Asia Pacífico con base no reforzamento dos lazos entre estes catro países.

O Diálogo de Seguridade Cuadrilateral (coñecido polas siglas en inglés, QUAD) é un bloque estratéxico que pese ao discurso que avoga por unha entente de perfil máis pluridimensional, incorpora unha dimensión principal de natureza militar. Esa alianza de facto, alentada xa en 2007, atopou agora terreo fecundo mercé á nova orientación da política exterior australiana (moi atrás quedan os tempos de Kevin Rudd) ou o avivamento da tensións sino-hindús despois de catro meses de enfrontamentos na fronteira común de Doklam e Ladakh.

O obxecto desta alianza non é outro que defender a chamada “orde baseada en normas”, é dicir, a non alteración da situación hexemónica dos EUA na rexión establecida trala IIª Guerra Mundial, hoxe ameazada pola emerxencia chinesa. Os catro países semellan decididos a bloquear o ascenso de China e cada un polos seus propios motivos avalan o empuxe liderado pola Administración Trump. Na capital xaponesa, Pompeo pasou por alto vellas declaracións doutros altos funcionarios da Casa Branca reiterando que este diálogo “non se dirixía contra ningún terceiro” para recoñecer que se trata de crear unha alianza militar e unha fronte unida contra a China.

Así pois, o que nacera como un foro estratéxico informal para intercambiar ideas sobre o marco rexional deriva agora, se as contradicións internas e o proceder da China non o impiden, nunha determinación rotunda para configurar un verdadeiro marco de seguridade coa prioridade de conter a influencia de Beijing.

É a primeira vez que se recoñece explicitamente que ese é o obxectivo último desta coalición. Australia e India asoman agora máis comprometidas co mantemento de posicións de maior dureza fronte a China, país co que, por outra banda, manteñen importantes relacións comerciais. Outros estados da zona como Filipinas, Tailandia ou Singapur, tentados para sumarse, polo de agora rexeitan tal posibilidade.

¿Será a estratexia militar a que poida conter e descontrolar a China? Mentres transcorría este encontro, Beijing anunciou varios simulacros navais e aéreos e o propio Xi Jinping, de visita na provincia de Guangdong, instou nunha base militar de Chaozhou a mellorar as capacidades de combate centrándose na  preparación para a guerra. Os EUA xa convidaron aos seus socios do QUAD a un exercicio conxunto na súa base militar en Guam. O factor militar gana, pois, relevancia na ecuación chinesa.

A viabilidade deste empeño vai residir, no fundamental, na actitude que adopte a India, socio tamén de China nos BRICS e na Organización de Cooperación de Xangai. Beijing e Nova Delhi proseguen as súas conversas bilaterais a niveis de comandantes  propósito do sector occidental das zonas fronteirizas, o principal factor que viu a envelenar nos últimos tempos a atmosfera recíproca. Por outra banda, na India pesa aínda o seu compromiso tradicional co non aliñamento e este marco promovido por EUA supón unha forte quebra da súa autonomía estratéxica, especialmente se a estrutura Quad céntrase finalmente, con práctica exclusividade, nos vínculos militares. En moitos sectores medra a preocupación polas consecuencias de ser parte dunha alianza deste tipo liderada polos EUA.

Pero tamén conta a actitude que China poida desenvolver nos próximos anos en relación a asuntos que hoxe considera liñas vermellas como Taiwán ou o Mar da China meridional, onde incrementa significativamente a súa presenza. Estes referentes básicos para asegurar o control das rutas estratéxicas da rexión deberan ser obxecto preferente para Beijing dunha diplomacia o suficientemente calibrada para evitar que o factor militar acabe por se impoñer a todos os demais.

Aínda que Trump perda as eleccións en novembro, Biden secundará o QUAD. Republicanos e demócratas comparten esta mesma visión, aínda que se distancien na perda ou non de interese pola alianza militar con Europa. Lémbrese que foi a Administración Obama quen acuñou o termo “Indo-Pacífico” en 2011 e lanzou o Pivot to Asia para acumular boa parte do poder militar estadounidense nesta rexión.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais