Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
25 de Febreiro de 2021 Álvarez Ares

¿Que é a diplomacia deportiva?

A tregua deportiva desde a Grecia clásica, a ekecheiria

A ekecheiria ou tregua olímpica supoñía o cese de toda hostilidade entre as polis gregas durante o curso da celebración do festival deportivo de Olimpia, na Antiga Grecia. Este é, quizais, o símbolo máis claro e famoso da influencia do deporte na diplomacia, mais non o primeiro nin o último.  Xa os Maias  introduciron unha primitiva idea de “diplomacia deportiva”, utilizando os enfrontamentos deportivos para resolver disputas sen chegar á guerra. No resto das sociedades históricas, como no Imperio Romano ou a Idade Media, tamén tivo funcións políticas e diplomáticas, malia que non tanta repercusión.

Máis influencia tivo nos últimos séculos, pese a que o Deporte Moderno procuraba unha separación da política e do Estado, o xurdimento do Movemento Olímpico Moderno, que incluía nos seus obxectivos claras implicacións diplomáticas: a vontade de facer da práctica deportiva un medio para o achegamento de persoas das diferentes clases, pobos, razas e relixións; contribuíndo deste xeito ao fin das guerras cunha recuperación da tregua olímpica. O período de entreguerras propiciou un maior intervencionismo dos Estados, facendo dos eventos deportivos unha sorte de “competicións inter-estatais”. Durante a Guerra Fría fíxose uso como ferramenta de boicot, de recoñecemento internacional das novas nacións e incluso para establecer relacións bilaterais.

As últimas décadas foron anos de cambios e expansión, magnificados coa chegada da televisión, os sponsors e a globalización, atopando no escenario actual organizacións, empresas e celebridades deportivas cun papel cada vez máis relevante.

Dous conceptos importantes para a diplomacia deportiva: poder brando e diplomacia pública

É, por tanto, innegable o vínculo histórico entre a actividade deportiva e as relacións internacionais, facendo uso del con diversas finalidades estratéxicas e mediante diferentes ferramentas. Para comprender o marco teórico nos que traballa o deporte no marco das relacións internacionais é beneficioso resumir os conceptos de “poder brando” e “diplomacia pública”.

O primeiro fai referencia á aptitude para obter o que se desexa mediante a atracción e a sedución en troques dos recursos militares ou económicos. Baséase en ferramentas intanxibles con facilidade e na persuasión lograda mediante o progreso cultural, coma ideais e valores democráticos ou outros valores de sedución e atracción.  

A diplomacia pódese entender coma o manexo das relación internacionais mediante procesos estratéxicos, onde as accións dun repercuten no resto de actores, e están orientados a resultados determinados polas accións conxuntas das partes involucradas; defendendo así os intereses do país no exterior promovendo intercambios económicos, sociais, culturais... Tradicionalmente estatal e desenvolta por diplomatas, na actualidade ten novas canles, ferramentas, actores e formas. Unha destas novas formas, relacionada co tema de estudio, é a diplomacia pública que consiste en informar e involucrar aos públicos estranxeiros coa finalidade de moldear a súa percepción cunha imaxe favorable do país.

A diplomacia deportiva e os seus actores

O deporte é un dos fenómenos sociais máis importantes. Ten unha proxección multinacional inigualable, unha ampla diversidade de axentes involucrados e presenta un entorno amigable e distendido baixo unhas normas comúns, fomentando o contacto entre diferentes culturas. Isto fai del unha disciplina única, propensa a impulsar as relacións internacionais mediante o poder brando canalizado na Diplomacia Deportiva: o conxunto de contactos internacionais entre axentes deportivos, diplomáticos e políticos no contexto de competicións, eventos, intercambios ou colaboración deportivas, motivadas por cuestión de política exterior que presentan consecuencias para as relacións bilaterais ou multilaterais.

Esta definición fai alusión á diversidade de axentes, sen especificar cales son. Estes e a súa importancia mudaron no tempo, mais os últimos modelos propoñen aínda a prevalencia do Estado-nación, que actúa en relación con outros tres actores: atletas e celebridades deportivas, organizacións deportivas globais e industria do deporte.

O Estado-nación ten a función de idear e deseñar as políticas diplomáticas, polo que, pese ao debilitamento do seu rol na sociedade internacional contemporánea, segue a ser o eixo angular da mesma. Non obstante, tense que ter en conta dous matices. Por un lado, a diplomacia deportiva pode ser aplicada por institucións públicas de carácter supranacional ou rexional. Pola outra banda, a participación na escena deportiva global non está sempre suxeita ao Estado-nación plenamente recoñecido, pois tanto o COI como as distintas federacións poden admitir a participación de Estados con recoñecemento limitado e territorios non estatais, véxase Kósovo, Hong-Kong ou Xibraltar.

Doutra banda as celebridades deportivas son un gran foco de atención pública, magnificado polo efecto dos medios de comunicación, podendo xogar un papel de seu. A súa repercusión e contacto internacional frecuente pode facer que sexan “embaixadores” dun país ou uns determinados valores, de xeito que axuden a comunicar mensaxes, reforzar obxectivos  e incluso determinar a imaxe do seu país no imaxinario colectivo do público estranxeiro.

As organizacións deportivas serven de conexión entre deportistas e comunidades, e crean situacións diplomaticamente confortables para os países, onde unha terceira parte neutral fai de mediador, establece unhas normas comúns e facilita a cooperación. O seu peso internacional medrou nos últimos anos, sendo o maior estandarte o Comité Olímpico Internacional. O COI ten status de observador no Comité das Nacións Unidas, capacidade de impulsar proxectos con países e organizacións e pode influír mediante ferramentas como a aceptación de Comités Nacionais, a concesión de eventos, o establecemento de sancións, ou a definición de procedementos obrigatorios de adaptación á lexislación necesaria.

A industria deportiva transnacional, conformada por clubs deportivos, industria de material deportivo, organizadores de eventos, medios de comunicación ou patrocinadores, está a aumentar de xeito incalculable o seu peso na diplomacia deportiva nos últimos anos. Xunto co aumento do poder das Organizacións Deportivas é agora obxecto de estudo como axente de cambio cara unha “diplomacia corporativa” que mudou o rol do Estado, e unha capitalización do deporte capaz de antepoñer os intereses lucrativos das empresas por diante do interese público.

Temos, en resumo, a utilización do deporte como instrumento para a contribución da política exterior mediante catro actores principais: os Estados que idean as políticas; os atletas como “diplomatas públicos”, as organizacións, e as empresas deportivas, ambas cunha capacidade de influencia cada vez maior. Con estas ferramentas teóricas, no vindeiro artigo achegarémonos a cales poden ser os obxectivos da diplomacia deportiva e de que medios dispón para logralos.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais