Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Grial 1 de Xaneiro de 2012 Franco Grande

Ramón Lugrís: “Continúo sendo un convencido europeísta”

Conversa de Xosé Luís Franco Grande e Xulio Ríos co autor de “Risco na cultura galega”

Lamentablemente, Ramón Lugrís (Ferrol, 1932) é una figura moi descoñecida na propia Galicia. Estamos ante unha de tantas anomalías históricas que reflicten a nosa incapacidade para desvelar e recoñecer traxectorias de gran riqueza, complexidade e compromiso, vividas desde dentro e desde fóra co horizonte referencial dun país aberto ao mundo exterior, partícipe dunha universalidade transformadora de nós propios. Nesta Conversa, Lugrís fai un amplo repaso das diferentes facianas do seu labor como activista, xornalista ou tradutor, debruzando opinións sobre a conformación do galeguismo do pasado século e tamén asuntos relacionados coa actualidade máis inmediata, permitíndonos, entre outros, calibrar a fortaleza da súa conciencia europeísta. Pese ao escenario escasamente sedutor de canto pasa ao noso redor…

XLFG. Nacido ferrolán, viñeches para Santiago cando teu pai foi trasladado a esta cidade por razóns de traballo. ¿Poderías explicarnos un pouco os antecedentes desta situación?

Nacín en xaneiro de 1932, aos nove meses de instaurada a II República, réxime que marcou para sempre a miña vida.  Meu pai, socialista e galeguista, era administrador de El Correo Gallego e ao mesmo tempo axente comercial, representante de empresas, principalmente de Catalunya.  A miña primeira infancia foi marcada non só polos meus pais, senon tamén polo meu tío Xoaquín, “escribiente de la Armada”, como entón se decía, comunista, que me levaba aos mítins políticos e que me ensinou a lér con libros de contos e “tebeos” (sobre todo, arxentinos), de xeito que cando fún á escola aos cinco anos eu xa sabía lér.

Sinalo estes feitos para explicar que, cando chegou o golpe de Estado do 36, a miña familia estivo en perigo, principalmente porque meu pai fora membro dunha mesa electoral nas eleccións que gañou o Frente Popular, e tivemos que sair de Ferrol e refuxiarnos nunha aldea ata ver cómo se desenrolaban as cousas.  Meu pai tivo que voltar ao traballo e, por ter moitos amigos, non chegou a ser detido. Mais foi sancionado e expulsado do Colexio de Axentes de Comercio, co que perdeu a sua principal fonte de ingresos.  Meu tío Xoaquín salvou a vida por unha curiosa circunstancia: tiña contraido a malaria cando fora emigrante en América e estaba hospitalizado con “febres tercianas” o 18 de xullo do 36. Xustificou así a sua ausencia do posto de traballo, cousa que non puderon facer moitos dos seus compañeiros, que foron condeados a morte en Consello de Guerra, e executados.  Xoaquín estivo algún tempo na cadea e logo foi desterrado a Palencia.

Ferrol, como é ben sabido, padeceu moito a represión franquista e na miña casa vivíronse moi dorosamente as mortes de amigos, como a do noso médico, Xaime Quintanilla, gran galeguista e amigo de meu pai, e que foi quen atendeu á miña nai no meu nacemento.  Por certo, que a comodrona que tamén participou, unha Doña Helga, resultou ser unha axente nazi, como axente nazi era tamén un representante da casa Mercedes que lle vendeu a meu pai unha máquina de escribir portátil “Mercedes Prima” e que, aos poucos meses do golpe militar, foi visitar meu pai fardado, paréceme, de coronel, ou algo así, do exército alemán. Nesa máquina Mercedes aprendín mecanografía cun método que tiña meu pai, e que tamén utilizaron as miñas irmás Maricarmen e Emilia.  A máquina ainda existe, en posesión do meu sobriño Igor, poeta, en terras do Bierzo.

No ano 1939 El Correo Gallego foi adquirido por Editorial Compostela e trasladada a sua publicación a Santiago, onde se fundiu co vello xornal El Compostelano. E a miña familia trasladouse a Santiago. Mudanza que, no caso da miña nai, foi un drama porque nunca chegou a se adaptar á vida compostelá, con morriña das rúas, dicía ela, “tiradas a cordel” de Ferrol.

XR. De Santiago fuches para Barcelona (supoñemos que unha vez feitos os estudos de bacharelato).  Da tua estada na capital catalá, ¿qué experiencias gardas sobre relacións persoais, contactos coa cultura catalá, lecturas sobre nacionalismo, etcétera? ¿Influiu a túa estada en Catalunya no teu galeguismo posterior?

En Santiago aprendín galego na rúa, principalmente cos meus amigos dos bairros de Pitelos e de Sar.  Na miña casa non se falaba galego, ainda que meu pai era galego falante e galeguista.  Os libros en galego que había na casa de Ferrol desapareceran co golpe militar e somentes ficara ún: Un ollo de vidro, de Castelao, na edición de Céltiga, que ainda teño.  Miña nai lía moito, mais sempre en castelán, e fundamentalmente obras de teatro, que eu tamén lía, combinando con libros de aventuras (Verne e Salgari, sobre todo). E moito cine. Como, polo traballo de meu pai, tiñamos “pase gratuito” para os cines, miña nai levábame con ela desde que era neno de colo, de xeito que, no meu subconscente, teño o cine americano dos anos 30. 

Estudei bacharelato no Instituto Arzobispo Xelmírez, cando imperaba, por unha banda, o nacionalcatolicismo e, por outra, un falanxismo reseso que nos obrigaba a cantar desde o “Cara al sol” ata “Prietas las filas” ou “Mi camisa azul es como el agua de nuestro mar imperial”.

Mais na casa eu recebía outra educación política: a das radios estranxeiras, que meu pai escoitaba todalas noites: a BBC, Radio Paris, a Pireinaica, Radio Moscú... Éramos, naturalmente, aliadófilos, convencidos de que, unha vez derrotado Hitler, caería o réxime franquista. Chegou a decepción, mais non por iso deixamos de beber as informacións e a propaganda das emisoras estranxeiras.

Fixen a preparación para a “Reválida” fóra do Instituto, na Academia Peleteiro, onde tiven a sorte de coñecer un mestre da tolerancia, Francisco Javier Rio Barja, con quen máis tarde tiven unha gran amizade.  E, aparte da academia, tiven relación con outros rapaces de tendencias entre esquerdistas e liberais, mais non galeguistas.  O meu galeguismo era daquela un tanto difuso, ainda que comecei a lér en galego e descobrín a Rosalía, a Curros Enríquez e a Pondal.

Era o ano 1949. A Editorial Compostela, onde meu pai traballaba, instaurou unha beca para fillos de empregados, beca que levaba a condición de estudar en Barcelona. Había outra condición fundamental: integrarme nun grupo ultracatólico, a Schola Cordis Iesu, dirixida por un xesuita mallorquín, o P. Orlandis, que impartía semanalmente conferencias para importantes membros da economía e das finanzas barcelonesas e que inspiraba a liña editorial dunha revista, Cristiandad. Como eu demostrara ter interés pola política internacional, puxéronme a traballar baixo un chamémoslle xornalista, José-Oriol Cuffí Canadell, que interpretaba a actualidade internacional, e particularmente a europea, en clave antisemita (englobando tamén a comunistas, socialistas, liberais e, con especial xenreira, aos masóns). Tiven a sorte de que me encarregaran seleccionar para meu xefe artigos da prensa que non circulaba por España, como Le Monde, e mesmo xornais comunistas, como L’Humanité. Foi un observatorio privilexiado que me procurou moita información que, de outro xeito, non podería ter recebido.  Lendo recentemente a novela de Umberto Eco O cimiterio de Praga atopeime con moitas das lerias que circulaban na “Schola”, como os “Protocolos dos sabios de Sión”, ou libros antisemitas, como Le juif, le judaïsme et la judaïsation des peuples chrétiens, que fora bendecido por Pio IX, según cita Umberto Eco.

Naquela cova ultra falábase catalán porque eran, maioritariamente, carlistas (censuraban aos falanxistas tanto como aos socialistas). E catalán falábase tamén nas rúas de Barcelona e na Universidade.  Alí aprendín a língua e, ao mesmo tempo, comecei a ler obras catalanistas que había na biblioteca da Schola Cordis Iesu e que, en principio non se debían ler sen permiso.

Tamén en Barcelona tiven os primeiros contactos coas ideas europeístas, curiosamente nos seminarios de orientación que orgaizaban os profesores de Formación Política.

A miña experiencia barcelonesa influíu moito no meu galeguismo (en anos posteriores xa fixen contacto con vellos galeguistas que residían en Barcelona e coa emigración galega) e moitísimo no meu europeísmo.

XLFG. No inicio da década dos cincuenta coñeces en Santiago a Ramón Piñeiro, por entón totalmente descoñecido fóra dos círculos galeguistas. ¿Cómo se produciu este contacto con el?

Teño que sinalar, primeiro de todo, que, desde moi pequeno, tiven unha gran afición polo xornalismo. O cheiro da tinta de imprenta e o barullo das linotipias estiveron sempre presentes na miña vida.  Meu pai mandábame a Barcelona El Correo e La Noche.  Eu coleccionaba os “Parladoiros” que escrebía Otero Pedrayo,  as colaboracións de Salvador Lorenzana e todo canto artigo sobre literatura ou cultura galega en xeral se pubricaba (e tamén os comentarios de política internacional que pubricaba D. Camilo Barcia Trelles, catedrático de Dereito Internacional na Universidade compostelá).  E incluso colaborei como corresponsal cando se celebrou o Congreso Eucarístico de Barcelona!

No vran de 1951, ao chegar de vacacións a Compostela, pidinlle a meu pai que me presentara a D. Ramón Otero Pedrayo, a quen el admiraba moito e co que mantiña unha certa amizade. Meu pai levoume ao “Derby”, onde D. Ramón presidía unha tertulia.  Coa sua gran xenerosidade, D. Ramón acolleume con simpatía, me regalou con dedicatoria a sua obra Morte e resurreición, de 1931, e me presentou aos seus contertulios. Así coñecín, non só a Ramón Piñeiro, senon tamén a Manuel Beiras, pai de Xosé Manuel, e a vellos galeguistas como “O Vello dos Contos” (D. Xosé Mosquera Pérez) e logo, no Día de Galicia daquel ano, na misa por Rosalía, a outras figuras importantes da cultura galega, en particular aFrancisco Fernández del Riego e a Don Ramón Cabanillas, que me adicou, cunha lembranza aos Lugrís que el coñecera en Cuba, a sua Antífona da Cantiga, que saía do prelo da flamante Editorial Galaxia.

XR. ¿De qué maneira seguiron os vosos contactos para chegar a unha estreita amizade?

Como teño comentado noutro lugar(1), no vran de 1951, cando coñecín a Ramón Piñeiro, éste, que levaba unha vida pouco menos que monástica vivindo nunha pensión, estaba xa adicado a traballar no artellamento da Editorial Galaxia e, ao mesmo tempo, renovando vencellos entre galeguistas espallados por Galicia e outros lugares, dentro e fóra de España.  Naturalmente, unha das suas múltiples funcións era a de facer proselitismo e no meu caso era terreo abonado.  Como eu mostrei, desde os primeiros momentos, que tiña interés en coñecer o galeguismo por dentro, fixemos amizade e, xunto co xornalista Celso Collazo (que nunca militou no galeguismo, ainda que estaba moi identificado cos problemas e a cultura de Galicia), pasamos moitas noites polas rúas de Compostela – cando xa nos botaban dos cafés porque ían pechar – falando de Galicia.  Eu, desde logo, principalmente como ouvinte.  Eu, que tiña unha idea moi nebulosa da historia do galeguismo, aprendín moitas cousas daquelas conversas. E Ramón, que, como xa sinalei, desenrolaba unha función de proselitismo, cando chegou o momento de eu voltar a Barcelona, púxome en contacto con algúns vellos galeguistas que vivían e traballaban en Catalunya.

Comezou así unha longa correspondencia con Ramón Piñeiro, que, nos primeiros tempos, falábame nas suas cartas de xentes que eu coñecera, dos proxectos que ían agromando en Galaxia e das novedades culturais, principalmente literarias, de Galicia.

XLFG. Piñeiro era moi sutil na maneira de comprometer á xente na causa galega, tanto que un podía estar militando nela case sen decatarse.  Ou sexa, primeiro, paréceme, tecía unha relación persoal de amizade e logo íate comprometendo nunha especie de relación familiar constituida por outros galeguistas, de sorte que tiña un a impresión de pertencer a unha familia (un tanto especial, pero unha familia, ao cabo).  Esta é a miña impresión, ¿confírmala, refúgala ou admítela en parte?

Admito en parte a tua impresión.  Posiblemente na maioría dos casos teña sido así, mais no meu caso particular, como xa teño dito, eu estaba disposto a entrar no galeguismo e cando lle pedín a meu pai que me presentara a Otero Pedrayo era poque quería entrar en contacto co mundo galeguista.  Con todo, non sei si eu tiña a sensación de pertencer a unha familia. Penso que non, que era máis ben a sensación de pertencer a un grupo afín ás miñas inquedanzas políticas e culturais.

XLFG. No ano 1954, cando te coñecín a tí a aos demais rapaces do grupo – Mourullo, Beiras, Manuel Vidán, Balboa, Perejil, Baliñas, Rubal Moás, e outros, e ainda os que agora se apuntan “a posteriori” por máis que entón eran escépticos ou irónicos respecto do noso grupo -, xa tiñades constituído un grupo galeguista na Universidade.  ¿Poderías explicar de qué maneira se chegou a el, cal foi a súa orixe e a razón de entrar nel persoas tan distantes (en formación e aínda en interese pola cultura, e tamén sen moito interese por ela)?

Hai un antecedente moi siñificativo: o labor que, no ensino primario, desenrolou un gran mestre de escola, Don Xesús Pereira, que tivo como alunos  a varios dos rapaces que logo se integraron no grupo galeguista universitario.  Algúns deles tamén pasaron pola “academia Peleteiro”, na que eu pasara os dous últimos cursos de bacharelato e á que fun dar clases de francés (clases que tamén alternaba con outras de inglés na “Academia Scientia”, onde eu cursara o primeiro ensino).  Na “academia Peleteiro” coñecín, por exemplo, a Perejil e a Gustavo Balboa, e nesa academia, aproveitando que xa existía unha revistiña escolar, Vamos, decidimos convertila en canle para crear concencia galeguista e tamén europeísta entre o alunado. Para evitar problemas coa censura, na revista publicábanse artigos en castelán e en galego, e de temas diversos. No número 3, en febreiro de 1953, aparece un artigo en castelán do Profesor Río Barja sobre a figura de Pedro de Valdivia e a conquista de Chile. E outro meu, tamén en castelán, que era unha “Carta a Francisco Otero Guldrís” sobre o valor da mocedade na loita por Europa.

Non era, por certo, o primeiro artigo meu sobre Europa: xa en novembro de 1952 publicara unha “Carta a Baldomero Cores” sobre a crise de Europa en Servicio, a revista do SEU compostelán.  Nin Cores nin Otero Guldrís participaron no grupo galeguista universitario (Cores publicou unha resposta criticando a miña tese europeísta).  Mais aqueles primeiros artigos, e outros que foron aparecendo en La Noche, contribuiron a ir artellando un grupiño. Tamén daquela comezamos a nos interesar polo idioma portugués, matriculándonos nas clases do Leitorado de Portugués da Universidade. Un primeiro artigo foi a recensión dun libro de Pilar Vázquez Cuesta sobre Miguel Torga. Unha nota anecdótica é que eu tiña que firmar os artigos con seudónimo (“Raimundo Lorenzo”) porque remataran moi mal as miñas relacións con Editorial Compostela ao me retirar daquel niño ultra barcelonés da Schola Cordis Iesu e Borobó recomendoume ampararme nun seudónimo.

XLFG. Corríxeme se vou desencamiñado: cando eu cheguei a Santiago e te coñecín a tí e aos demáis integrantes do grupo, tiven a sensación ou a sospeita de que ti tiñas encomendada unha misión por R.P.: formar a novos rapaces galeguistas – ou ao mellor tan só ser un fío conductor entre todos eles – porque eras o de maior idade e porque tiñas máis formación política.  Ou sexa, que tiñas como misión influir naqueles rapaces.

A misión de formar concencia galeguista nunca foi explicitada craramente.  Piñeiro, como tí ben dís, era moi sutil e soupo animarme a desenrolar ese labor proselitista sen marcarme un camiño determinado: era unha consecuencia lóxica da miña vocación galeguista e europeísta.  Podemos dicir o mesmo da miña función de “fío conductor”, non só entre os rapaces, senon tamén entre “os vellos” e “os novos”, función que tamén fun comprindo sen roteiro determinado.  Eu alternaba as reunións do grupo universitario coa miña participación, fundamentalmente pasiva, na tertulia ou nas xuntanzas dos “vellos”. Un primeiro exemplo pode ser a miña participación no nacemento do chamado “Grupo de Bastabales”, en xullo de 1952, e nas suas sucesivas, e escasas, actividades.  Tamén o “Grupo de Bastabales” – como logo ía acontecer co grupo de universitarios – xuntaba a persoas de moi diversa tendencia.  Maioritariamente eran galeguistas de longa data, mais había outras xentes que non comungaban coas ideas galeguistas nin coa ideoloxía centro esquerdista ou marxista (ésta representada minoritaria e esporádicamente).  Eu fun encarregado de levantar e custodiar as actas das reunións do Grupo. E tamén, ás veces, de animar, a través de vencellos de amizade, a que alguén que escrebía prioritariamente en castelán empregase o galego nas suas creacións literarias, como foi o caso de Pura Vázquez, que xa era ben coñecida como poeta en castelán e que naquel vrán de 1952 comezou a escrebir poemas en galego. 

XR. Tres anos despois (ou tres cursos, para ser máis exactos) vaste para Londres cando che apareceu a posibilidade de traballar na BBC.  Pasaran tres anos (ou tres cursos): teño a impresión – e quixera saber se esa é tamén a túa – de que o ambiente universitario en tanto pouco tiña experimentado un cambia radical: dábanse conferencias en Santiago, en Vilagarcía ou Betanzos (tí mesmo pronunciaras algunhas) falando de cultura galega e de problemas económicos e sociais de Galicia, fixéronse representacións de teatro galego, galeguizáronse as Festas Minervais ... chegando a crear unha ambiente galeguista que ningunha semellanza tiña co de tres anos atrás.  Supoño que calquera podía comprender que detrás, ou dentro desas actividades, había unha actitude política moi clara.

Naturalmente que había, máis que unha actitude política, un proxecto político, pode ser que tácito, axeitado ás circunstancias xerais de Galicia e de España naqueles anos duros da dictadura franquista. Ainda non chegara o tempo do “despegue” económico do país, que continuaba a estar gobernado por un réxime de autarquía económica e de nacionalcatolicismo no social.  

Cavilando agora no acontecido naqueles tres anos que tí mencionas, resulta notable que o labor desenrolado por un pequeno fato de xovens, co apoio de xente profesional xa “establecida”, acadara crear en Galicia unha atmósfera que tiña pouco que ver coa cultura oficial. Por coincidencia, no reverso dun recorte de Servicio, a revista do SEU que gardo no meu arquivo, hai unha mini enquisa con catro estudantes: duas raparigas (Filosofía e Farmacia) e dous rapaces (Mediciña e Farmacia).  As respostas son moi pouco interesantes. A estudante de Farmacia dí que estuda “para pasar el rato y ... bueno, para nada más” e que a sua lectura son as novelas de “El Coyote”.  A de Filosofía afirma que, “¡de política ... ni hablar!”.  O futuro médico coida que a política é algo que está morto e o outro rapaz seguía con interés a política americana.

Nós non eramos “subversivos”, por máis que as autoridades consideraran subversiva a nosa actuación. Lémbrate de que, cando nos xuntabamos nos baixos do Hotel Compostela e colocábamos na mesa aquela bandeiriña galega, haía case sempre algún policía que nos vixiaba e que debía aborrecer aquil “servicio” porque só podía ouvir falar dalgún artigo que saíra nun xornal ou dalgún libro de ficción.  E lémbrate tamén de que tiven moitas dificultades para obter o “visado de saída”, que entón se esixía para sairmos ao estranxeiro, cando fun contratado pola BBC: tivo que ser un tío do “Caudillo”, Don Carlos Franco, que coido que era xeneral de Intendencia, vello amigo de meu pai, malia as diferencias ideolóxicas, quen intercedeu para que as autoridades me expediran o pasaporte.  Por certo que, na Comisaría de Policía de Santiago, a miña ficha (e supoño que as fichas de todo o grupo) estaba nun apartado de “Intelectuales”. E tamén soupen – grazas a un bó amigo que tiña relación coa central da censura na rua Montesquinza de Madrid – que os artigos que eu estaba publicando en La Noche merecían o comentario de seren “excesivamente anglófilos” por parte do censor. Non eramos subversivos: simplemente, facíamos o que daquela era posibel facer no noso caso, poisque non eramos obreiros membros de sindicatos clandestinos nin “maquis”.  Tampouco tiñamos vencellos con grupos que en Madrid e noutros lugares traballaban con xenerosidade e poucos resultados prácticos en formacións políticas clandestinas.

XLFG. Como ben sabes, a Piñeiro ténselle acusado de “culturalismo” como termo antitético ao de “político”.  ¿Tí pensas que, no caso concreto de Galicia, son termos antitéticos? Despois de todo, ¿non é pola cultura galega polo que loitamos?

Nunca cheguei a entender moi ben a antítesis “cultura” e “política” cando se aplica á situación de Galicia nos anos 50 e 60 do século pasado.  ¿Qué se podía ter feito, naquela España da dictadura, máis do que crear concencia galeguista polo camiño da acción cultural? Piñeiro, como é ben sabido, tiña un proxecto capital: galeguizar Galicia.  Unha Galicia que perdera concencia de pobo porque a Guerra Civil esnaquizara todo o labor dos galeguistas das primeiras tres décadas do século XX.  Había que reconstruir, pouco a pouco e esquivando os obstáculos da censura, todo o que se tiña perdido e, ao mesmo tempo, axeitalo aos novos tempos.

Non tén cabimento pensar que, cando Piñeiro comeza a sua actividade política no eido cultural, podía ter feito outra cousa diferente da que fixo.  Nos primeiros tempos, quer dicir, nos primeiros anos 50, Piñeiro – penso eu – non tiña mentes de renunciar á idea dun Partido Galeguista.  Foi máis adiante, ao ir desenrolando a sua idea “galeguizadora”, cando propuxo desvencellar o galeguismo da idea de partido. Nunha carta que me escribiu o 21 de decembro de 1963, dicíame: “Direiche unha cousa que non te deixará de sorprender: estamos matinando na renuncia do galeguismo á aituación política como partido (todolos subliñados no orixinal).  O labor do galeguismo é fundamentalmente pedagóxico e consiste en espertar a concencia galega, ou seña, en galeguizar a Galicia. Pra iste labor político, o peor instrumento é o Partido, porque couta, divide, delimita o campo de influencia.”

E algúns meses máis tarde, o 6 de xuño de 1964, desenrolaba a sua idea: “... No tocante a Galicia, o problema é iste: por unha banda, a necesidade de galeguizar o país, de crear concencia galega coleitiva, de dotar á poboación galega da concencia de pobo; por outra banda, a necesidade de que Galicia teña instrumentos políticos propios, a necesidade de que non siga políticamente colonizada polos partidos de Madrid”.

Debemos ter presente un dato fundamental: o galeguismo antes da Guerra Civil non tiña botado raigañas moi fondas no corpo social de Galicia por moito que se teña falado da pegada que deixaran os galeguistas que estaban no exilio, na cadea ou mortos.  Non houbo en Galicia unha burguesía galeguizada nacionalista, como as de Catalunya ou Euzkadi.  O galeguismo fora minoritario e, nos anos 50, pouco menos que inexistente. Mesmo no grupo universitario galeguista non estaba moi clara a idea da posibilidade de reconstituir un Partido Galeguista.  Carlos Baliñas, na excelente recensión que fixo de Os anos escuros, I no número 96 de Grial (abril-xuño 1987), refugaba a acusación de “culturalismo”, que él consideraba unha ficción literaria de Méndez Ferrín, e escrebía:

“Se alguén nos falara daquela de recrear o Partido Galeguista non somente cometería unha imprudencia – a policía vixiaba e nunca cabía excluir que alguén se fose da língua -, senon que ademáis toparía a indiferencia, por non decir o desprecio, de todos ou da maioría de nós”.  Confesaba Baliñas que él, e moitos máis como él, non tiñan idea do que fora o Partido Galeguista antes da guerra . Inicialmente, interesouse polas nosas xuntanzas porque o grupo “nunha universidade de chapóns e de xogadores de dominó (ou de parchís) ... ofrecíanos unha ocasión de falarmos de arte, de literatura, de filosofía, de europeísmo”, Mais, xa inseridos no grupo, “quedabamos engaiolados pola ilusión de defender a fala e recuperar a identidade galega”.

Efectivamente, é pola cultura galega polo que loitábamos co instrumento que tiñamos: o idioma. O “culturalismo” era a expresión política do labor galeguista.

XLFG. Naturalmente, isto non quere dicir que a actuación política de Piñeiro fose sempre a mellor para Galicia.  Ao mellor, despois dos anos 60 habería que ter intensificado xa unha mínima estruturación asociativa con vistas aos partidos políticos que algún día chegarían.  Ou pode que tamén algo máis, dentro do posible, que non era moito.  Por suposto, sen esquecer a actividade cultural porque sen esta calquera política galega carecería de sentido,  Claro que se trata dunha cuestión moi conflitiva: como dín en Portugal, “da a tua xustiça”.

En realidade, como mencionaba na resposta anterior, xa nos anos 60 Piñeiro consideraba que Galicia tería necesidade de partidos políticos galegos.  Na mesma carta que me escribira desde París o 21 de decembro de 1963 na que me falaba de renunciar a que o galeguismo actuara como Partido, dicía seguidamente: “Mais si o galeguismo renuncia a ser un partido político, Galicia, en cambio necesita ter partidos políticos que representen as suas correntes de opinión e sirvan para representar e defender os seus intereses.  E necesita que tales partidos señan galegos e non simples delegaciós provinciás dos partidos radicados e dirixidos en Madrid. Aínda máis: débese de adiantar a ises partidos madrileños para que non se produza a “colonización” política de sempre.” E, ao seu ver, as duas forzas democráticas galegas debían ser “as duas fundamentais que sirven de base política á democracia europea: o socialismo e mais a democracia cristiana.  Que son, por certo, as duas correntes que conviven no galeguismo aitual... Galicia ten que ter un socialismo propio – esencialmente cooperativista – e ten que ter unha democracia cristiana propia.  Estas duas forzas terminarán sendo – virtualmente xa o son – verdadeiras forzas europeas con modalidades peculiares en cada país.  Galicia ten que se poñer nesa liña política europea”. E dicía ainda:

“... Andamos a voltas coa creación dun Partido Socialista Galego.  Falamos deso cos socialistas madrileños e cos catalás, que atopan ben a cousa.  Diste xeito, como ves, galeguizaremos de golpe toda a corrente socialista galega, que antes era, como sabes, máis ben centralista”.  E chegaba a maxinar que o futuro programa do partido “deberá ser, coido, máis ben nórdico que mediterráneo”.

Unha idea fundamental da visión que Piñeiro tiña do (futurible) porvir da política galega era o federalismo e a necesidade de “federalizar” as forzas políticas españolas.  Na xa citada e moi longa carta do 6 de xuño de 1964 decía “Por certo, que haberá que facer un grande e asisado esforzo para conquerir que as forzas democráticas españolas asimilen ise ideal [federalista] para o concepto mesmo de democracia”.  E, máis adiante, recoñecía que “será un labor lento e difícil o “federalizar” as novas forzas democráticas españolas.  Hai que confiar nun novo socialismo que xurda no interior e que renove o vello ideario, na renovación do vello sindicalismo confederal e na influencia que estas duas forzas poidan ter na democracia cristiana de tipo social que está en xestación. E, naturalmente, Galicia, Cataluña, Euskadi e Valencia teñen que aportar o pulo federalista, inda que procedendo con tino para que non se produzan suspicacias nacidas do atavismo histórico-xeográfico”.

Certo é que, do mesmo xeito que o galeguismo fora e seguía sendo daquela cousa dun grupo de intelectuais e xentes de profesións liberais, con moi pouco eco nas capas traballadoras, tamén podíase construir uns partidos a partir dunhas élites.  Mais ficaban fora do proxecto, non só as clases populares, senon tamén outras tendencias políticas que xa estaban actuando no país. Galicia non era un lugar valeiro que había que encher de contido político.  O comunismo non entraba nos cálculos de Piñeiro, non lle parecía galeguizable: “Fóra desta dualidade [socialismo-democracia cristiana] haberá, naturalmente, outras tendencias: pola banda da esquerda, o marxismo; pola banda da direita, a reaición.  Ambas tendencias escapan ó noso infruxo, porque a reaición recibirá a sua inspiración en Madrid e os marxistas, en Moscú ou en Pekín.  Uns e outros aituarán en Galicia ó servicio de intereses extragalegos”.

Compre precisar que, cando Piñeiro me escrebía esas cartas, eu estaba en Nova York, como funcionario (tradutor) na Secretaría Xeral das Nacións Unidas e que, por conseguinte, non estaba no día a día da vida galega. Mais trataba de seguir pola prensa e pola correspondencia a actualidade española.  Estaba, no fondo, moi identificado coa visión piñeirán das cousas, ainda que andaba máis directamente interesado polos temas do europeísmo e pola política dos Estados Unidos.

Non vou entrar na evolución da actuación política de Piñeiro no final da dictadura nin nos primeiros anos da transición porque, ainda que eu seguín participando nos plans de Piñeiro durante varios anos máis, como foi o caso da reunión orgaizada pola Friedrich Ebert Stiftung en Alemania, na constitución do Partido Socialista Galego e no malogrado proxecto da Federación de Partidos Socialistas, funme afastando pouco a pouco da vida política galeguista. 

Precisamente naquela reunión de Alemania tiven o desengano de ouvir, de boca dun funcionario do Ministerio alemán de Relacións Exteriores, que a Guerra no Vietnam era unha especie de cruzada dos Estados Unidos para evitar o trunfo do comunismo chinés. Eu viña de presenciar e de participar na campaña contra da guerra en Nova York e logo en Londres, e non podía comprender que un político socialista europeo viñera nos predicar a versión norteamericana. A acción contra da guerra de Vietnam baseábase en intuicións e en sospeitas de que os Estados Unidos estaban levando a cabo unha campaña de desinformación.  Terían que pasar cinco anos para que Daniel Ellsberg desvelara en 1971 os chamados “documentos do Pentágono” que demostraban a rede de mentiras sobre a guerra. Por certo que agora, Ellsberg, nun artigo en The Guardian londinense, tén remordimentos por non ter “filtrado” os documentos máis cedo e seguramente ter evitado moitas mortes.  Ellsberg recomenda, a quen teña documentos secretos sobre a guerra no Afghanistán, que non dubide e os poña en coñecemento da opinión pública.

Outro feito que axudou ao meu distanciamento porque me amolou moito foi o de que, según me dixeron (seique foi o Fernando Pérez-Barreiro), Piñeiro e outra xente do galeguismo tomaron a mal que eu colaborase como corresponsal da Radio Nacional de España en Londres.  Que era algo así como colaborar co réxime de Franco.  Por ese antecedente tampouco entendín logo o feito de que o galeguismo piñeirán tivera tan boas relacións como chegou a ter con figuras do réxime, como Leopoldo Calvo Sotelo ou Rosón.

XR. Nos anos 1950 e posteriores, tí eras un convencido europeísta. ¿Pensas que segue tendo o europeísmo actualidade dende o punto de vista da defensa dos dereitos de Galicia?  Ou dito doutra maneira, ¿pensas que hai algunha posibilidade de facer esa defensa prescindindo da realidade en que estamos, por exemplo, defendendo a autarquía ou o nacionalismo fronte a Europa?

Continuo sendo un convencido europeísta e, malia as moitas calamidades que hoxe padece Europa, non teño dúbida de que o europeísmo segue tendo actualidade dende o punto de vista da defensa dos dereitos de Galicia.  Ainda máis, o europeísmo, é dicir, a Europa Unida é a única posibilidade de podermos defender os nosos dereitos como entidade nacional.

Cando, nos anos 50 do século pasado, andabamos a absorber o que se falaba en Europa (naquela Europa que bulía máis alá das fronteiras da dictadura franquista), íamos vendo que, por unha banda, o camiño para superar as guerras no continente era crear unha casa común para as nacións europeas e, por outra, que para superar o concepto de nación-Estado era preciso recoñecer os dereitos dos territorios con persoalidade propia dentro das nacións existentes.  A estructura resultante sería unha Europa federal.  Mais era tamén necesario recoñecer a necesidade de que o exercicio da política comezara nas “localidades”, según a denominación que lles daba Bertrand Russell na sua obra Authority and the Individual, e falabamos, no número 4 da revista “Grial”, do ideal de que Europa fora unha federación de comunidades básicas.

Había, naqueles anos, unha forte preocupación polo feito dunha disociación entre individuo e Estado nas democracias europeas (fálase agora, no século XXI, da disociación entre políticos e sociedade; o problema ven ser o mesmo).  Citabamos a opinión de Emile Brunner, quen no 1943 dicía que o Estado totalitario non nacera no 1917 (revolución soviética), nin no 1922 (feixismo italián), nin no 1933 (réxime nazi), senon que fora saíndo amodiño do debilitamento dos individuos e das sociedades.  E estimabamos que o problema era que a política pasara a ser unha actividade especializada, alonxada do cidadán.

A Europa que se foi construindo aos poucos parecía que ía devolver poderes aos cidadáns, no seo das comunidades básicas e, ao mesmo tempo, devolver facultades ás entidades rexionais ou nacionais sen Estado, dentro duns Estados Unidos de Europa.  A realidade ficou lonxe dabondo daquil ideal.  Con todo, algo se fixo, e ise algo deu azos ás entidades subestatais europeas e, por conseguinte, a Galicia.

Ao tempo que se artellaban as Comunidades Europeas, que representaban unha superación da nación-Estado, íase creando un espacio para que as entidades que constituían o corpo das vellas nacións poideran ter un rol propio.  Aí comezou a ter importancia a paradiplomacia en Europa, que permitiu a creación e ubicación de oficinas de información e de enlace das entidades subestatais en Bruxelas e, más tarde, a posibilidade de que esas entidades aportasen insumos ao Consello de Ministros da Unión, crearan o Comité das Rexións e estableceran o principio de subsidiaridade como parte do debate subnacional sobre Europa, según se decía nun estudo sobre a movilización subnacional e a integración europea, pubricado no Journal of Common Market Studies.

Galicia, naturalmente, participou e participa nesa tarefa de que as entidades subestatais falen con voz propia en Europa. Por causa dos cambios acaecidos no panorama político galego, esa participación non ten froitificado como debería.  Mais, na miña opinión, de non ser que se esborralle todo o edificio europeo e que trunfe un nacionalismo disgregador, o ámbito no que Galicia poda defender os seus intereses é o da Unión Europea. Ainda que o vello ideal da federación de comunidades básicas fique adiado sine die.

XR. ¿Está en crise o europeísmo ou o que está en crise son os políticos europeos, que seguen sendo nacionalistas e, ademáis, dun nivel moi afastado dos Schuman, Adenauer, De Gasperi, Monnet e tantos outros? ¿Cómo ves o futuro de Europa?

Está en crise o europeísmo, están en crise os políticos – por nacionalistas, por estaren desvencellados das sociedades nacionais europeas e por seren mediocres – e a crise é total. Está en crise o europeísmo, e hai moitos anos que está en crise, porque non chegou a se desenrolar de xeito que fose a “ideoloxía” dos habitantes de Europa. Naceu a idea de Europa como un programa que, partindo da solución do problema máis urxente dun continente que viña de sair dunha catástrofe bélica – a solución do enfrontamento entre Francia e Alemania – fose cobrindo etapas.  Había que comezar – cousa que xa intuira Aristide Briand no período de entreguerras – por crear unha estructura económica e logo ir construindo a casa común europea.  Os “pais” da Europa unida, que enumeras na pregunta, pasaron o proxecto a outra xeración de auténticos políticos, Schröder, Kohl, Delors, Mitterand ou Felipe González.  Políticos que tiñan mentes de levar adiante a creación dunha Unión Europea estructurada políticamente. Nunca se pasou do campo da economía, do comercio e, como gran trunfo, da adopción dunha moeda común, o euro.  Mais nen siquer o euro froitificou de todo porque ficou orfo da que tería que haber sido, por exemplo, unha política fiscal unificada.

O fracaso do proxecto de Constitución europea, as dificultades para arbitrar unha solución de recambio, que é o Tratado de Lisboa, a crise económica xeral, que trastocou todolos plans, a designación dun Presidente e dunha titular da diplomacia europea sen persoalidade dabondo para artellaren unha acción política forte e decidida, trouxéronnos á presente situación de desorientación, de temor a que todo se esmigalle e ao sometemento aos “mercados”, que son os que controlan o rumbo de Europa.

“Europa está necesitando un líder”, proclamou non hai moito tempo, desde as páxinas doTimes de Londres, Toni Blair, o ex Primeiro Ministro británico.  E moita xente entendeu que o que estaba dicindo era que “aquí estou eu para liderar Europa”. Entre os que tal entenderon están os caricaturistas, como Steve Bell, o demoledor dibuxante de The Guardian, que lle adicou toda unha semana da sua serie “If...”, colocando xunto a Blair, como candidatos á presidencia de Europa, ao Príncipe Philip Mountbatten, Duque de Edinburgo e consorte da Raíña Isabel. O Duque, fardado de soldado grego. Blair, moi amolado, pregúntalle ao Duque qué méritos tén para aspirar ao cárrego, e Philip respóndelle cunha descripción do que Blair é. Eu non son, dí Philip, entre outras cousas, un “mesiánico asesino en masa”.  Quen quera entender, que entenda.

Europa non está necesitando un lider, e moito menos un líder como o impenitente invasor do Iraq e fracasado mediador nos problemas de Palestina e Israel. O que Europa necesitaría – e por desgracia non vai acadar – é unha auténtica constitución, un parlamento con facultades para lexislar por enriba dos gobernos nacionais,  un Presidente elexido por sufraxio dos cidadans de Europa e un goberno responsable ante o Parlamento. Necesitaría converterse na entidade que os “pais” e os continuadores da Unión Europea proxectaban.

¿Será que fai falta un movemento de “europeístas indignados” para que as cousas muden?

XLFG. ¿Qué te levou a realizar aquel ensaio sobre Risco?  ¿Qué destacarías del pasado o tempo?

O meu interés por Vicente Risco – máis concretamente, pola obra de Risco no contexto do galeguismo – viña de lonxe, desde moito antes de que, no 1957, marchara a Londres contratado pola BBC para traballar na sua Sección Española.  Non podería precisar cómo comecei a ler as obras de Risco, mais sei que pasei moitas horas de lectura e de recoller notas na Biblioteca do Instituto Padre Sarmiento que, como ben sabes, era, grazas á discreción do director do Instituto, don Felipe Cordero Carrete, unha boa “tapadera” para reunións discretas e para recibir material de información clandestino, tanto dos movimentos europeístas como do exilio español. Máis ben, do exilio vasco:  o boletínEuzko Deia, en papel azul moi fino, como de correspondencia aérea, era unha excelente fonte de información.

Penso que foi o seu ensaio Nós, os inadaptados, que Risco pubricara na revista “Nós” o Día de Galicia de 1933, o que me deu a idea de estudar o seu pensamento.  Andaba eu lendo obras que descrebían e analizaban a situación de Europa, a crise (unha das moitas) europea, despois da Gran Guerra, anque xa comezaran a xurdir nos primeiros anos do século XX voces que alertaban ao mundo da crise que se aveciñaba, e pareceume unha idea interesante a de analizar a traxectoria política e intelectual de Risco no contexto europeo, e mesmo mundial. Por esa razón estructurei o meu ensaio en cinco etapas do pensamento risquián: o seu tempo de inadaptado, o da sua esculca da realidade galega, a sua crítica do que estaba establecido, a solución nacionalista que íl escolleu, e as suas ideas para superar a crise europea.

Non lle dín forma definitiva ao ensaio ata varios anos despois de ter recollido o material, cando xa levaba moito tempo en Londres, en 1961.  E a pubricación demorou dous anos máis, en 1963, acompañado o ensaio dun prólogo de Ramón Piñeiro que, ao meu xuizo, estaba moi ben artellado anque, desde logo, podía resultar polémico. Máis por causa dese prólogo que por causa do meu ensaio, o libriño – editado por “Galaxia” na colección “Illa Nova” – provocou unha forte reacción.  Piñeiro mandábame a Nova York as críticas do libro (en xeral, boas) e as alporizadas críticas do prólogo.  Nunha carta (30 de xaneiro de 1964) dicíame:

“O teu libro sigue dando que falar... Certo que as reaiciós polémicas máis alporizadas son en contra do prólogo, cousa que a mín me asombra abondo, porque o certo é que foi escrito con ánimo máis ben xeneroso e benévolo.  Xa sairon dous artigos contra o prólogo, os dous firmados con seudónimo e cheos de reproches de tipo persoal: rencor, sectarismo, fanatismo, infidelidade ó mestre, etc., etc.” E noutra carta, poucas semanas máis tarde, falaba de que os críticos chegaran a quererlle “montar un proceso”.

Partía Piñeiro no seu prólogo do feito de que o Risco analizado no libro era “o Risco pensador,...definidor,...orientador dunha das máis fecundas etapas do rexurdir espritoal de Galicia”.  Mais logo falaba das “reviravoltas” da obra e principalmente da vida do escritor e definía tres épocas na sua vida e na sua obra: a primeira, de formación e percura de si mesmo, ata o ano 1918; a segunda, de encontro de sí mesmo e de fecunda plenitude, do 18 ao 36; a terceira “de íntima evasión defensiva”, que ía do 36 ao 63.

O ensaio Risco na cultura galega non fora concibido con espírito polémico, senón como exposición do pensamento dun fundamental elemento do movemento de reivindicación da persoalidade de Galicia, nun momento no que non se tiña pubricado ningunha valoración de Risco.  Era unha exposición que quería ser obxectiva para información dunha nova xeneración de galegos, para os que “Galaxia” creara a colección “Illa nova”. Analizábase a traxectoria de Risco, a través dos seus escritos, coa finalidade de destacar a sua importancia para a cultura galega e situala no tempo e na circunstancia de Europa.

Pasados case vinte anos, un exhaustivo estudo de Francisco Bobillo (Nacionalismo gallego. La ideología de Vicente Risco, Akal/Universitaria, 1981) viña a coincidir en moitos aspectos, ainda que máis desenvolvidos e analizados, con aquil pequeno ensaio.  Sinalaba Bobillo que Risco creía “preciso recuperar la cultura gallega  y a tal labor dedicó un esforzado empeño”.  Con todo, “siendo una cultura que se pretendía popular, fue, no obstante, elaborada por y dirigida a una élite: la minoría redentora nacionalista que había asumido la tarea de regalleguizar Galicia”.  E, noutra conclusión, dí Bobillo que “Risco contribuyó, de forma destacadísima, a la creación de los mitos nacionales que configuran la historia del grupo como historia colectiva de la que se participa y cuyos valores se comparten por la sola característica de la pertenencia... Risco ... figura, pues, como el más destacado componente de una élite estratégica directora que toma conciencia como grupo históricamente diferenciado y comienza a divulgar dicha conciencia en los estratos de la clase media y del campesinado de su país”.

As periódicas polémicas que provoca a figura de Risco son proba de que deixou unha fonda pegada na cultura de Galicia e na evolución do galeguismo.  Risco deitou parte dos alicerces do nacionalismo galego nuns tempos moi facareños. E hoxe, en tempos tamén facareños, a recente polémica na edición para Galicia de El País demostra que a sua figura continua a ter importancia.

Pasado o tempo, penso que o meu ensaio fora un primeiro achegamento ao pensamento de Vicente Risco e á sua importancia na cultura galega e na política galeguista nos anos previos á Guerra Civil española. Coido que, posto a facer hoxe un libro sobre Risco, non mudaría moito a visión que desenvolvín naquil modesto ensaio, mais tería que ser un libro moito máis amplo e que tocara outros aspectos da persoalidade de Risco.

 Unha persoalidade moi complexa, moito máis complexa do que parecen pensar algúns dos que, recentemente, voltaron a polemizar arredor da importancia de Risco como intelectual, teórico do nacionalismo e profundador na realidade de Galicia, de Europa e do mundo. Unha persoalidade que, logo de ter percorrido moitos camiños de culturas alleas e propias, fora quen de calificar de leria a seguinte meditación trascendental: “E si o mundo se puxera de tal xeito civilizado e pedante – ideal de moitos – que un tivera que fuxir dil, ¿non ficaría tan xiquera un recantiño destes onde un poidera vivir cos penedos e cos carballos, de costas a toda a mecánica social?”

XR.  Pubrícase o teu ensaio sobre Risco cando tí estabas traballando como traductor na Secretaría Xeral das Nacións Unidas en Nova York. ¿Cómo foi que deixastes o labor de xornalista radiofónico na B.B.C. para ir traballar de traductor?

Cando eu rematei o meu contrato de cinco anos coa B.B.C. en 1962, xa tiña decidido non optar pola permanencia na emisora e presentarme ao concurso para traductor das Nacións Unidas.  Eses concursos celébranse simultáneamente en moitos países e no meu caso, como estaba morando na Gran Bretaña, fixen a solicitude para concursar en Xenebra, e non en Madrid.  A idea de ir traballar nas Nacións Unidas era moi atractiva e un antigo colega da B.B.C., que xa estaba en Nova York, animábame a dar o paso.  En parte, presentábase a oportunidade de iniciar unha nova etapa, con boas perspectivas.  Por outra, naqueles anos, as Nacións Unidas ainda eran un ideal de universalidade.  Pode que agora, quen chegue a ler este inquérito pense que había que ser moi inocente para crer nas posibilidades de que a orgaización internacional chegara a crear unha nova orde mundial.  Mais así pensabamos os que optabamos a entrar no escalafón da Secretaría Xeral.

Déixame facer un aparte para contar que, como a burocracia internacional tamén camiña a modiño, mentras agardaba a chamada de Nova York, fun traballar de traductor, acompañado de Miren en calidade de mecanógrafa, a unha conferencia internacional en Accra, capital de Ghana, orgaizada polo Presidente Kwame Nkrumah.  Era unha conferencia contra a proliferación das armas nucleares, “The World without the Bomb”proclamaban os participantes no que se chamou “A Asamblea de Accra”.  Foi o noso primeiro contacto con África e cun país que viña de obter a independencia e que atraguía a todo canto revolucionario e independentista africano había.  Tamén moitos elementos turbios, dos dous bandos da guerra fría. Foi un grandísimo descobremento para nós, e ainda máis porque tiven a oportunidade de participar nunha entrevista que dous profesores mexicanos lle fixeron a Nkrumah.  Tamén coñecín a ún dos cubanos máis achegados a Fidel Castro, o “capitán” Antonio Núñez Jiménez (Presidente da Academia de Ciencias de La Habana), xeógrafo, que tivera de profesor na secundaria a un Lugrís.  Aparte de traballar na Secretaría da Conferencia, tamén colaboréi con notas para o “boletín confidencial” de The Economist, que daquela dirixía un amigo meu.

Con todo o que me interesou aquela primeira experiencia de conferencias internacionais, e con todo o que aprendín sobre África e sobre o “panafricanismo” de Nkrumah, deixoume un chisquiño decepcionado a reacción de Ramón Piñeiro, moi despectiva respecto dos africanos, según o que me dixo nunha carta, e que tamén  comentou a Franco Grande, falando de que eu estaba nunha desas conferencias que tanto lles gosta orgaizar aos negros. Parecería que as conferencias internacionais orgaizadas por “brancos” eran algo necesario e útil, en tanto que as orgaizadas por africanos terían o propósito de darse importancia, como se fosen capaces de facer o mesmo que os “civilizados” brancos.

Mais, voltando ao tema das Nacións Unidas e do idealismo que tiñamos os novos funcionarios, compre dicir que na propia Orgaización, cuio Secretario Xeral era entón o diplomático birmano U Thant, respirábase un certo optimismo, ainda sabendo que era un campo de batalla da “guerra fría”  (estaba moi recente a “crise dos misiles” soviéticos en Cuba) e que as decisións da Asamblea Xeral, ao non teren forza vinculante, non tiñan operatividade e que só o Consello de Seguridade podía aprobar resolucións con forza de lei.  Resolucións, por outra parte, que en moitos casos, en particular no de Israel, ficaban sen se implementar.  Era un tempo no que non había medo a ataques terroristas, os gardas de seguridade da ONU non tiñan armas e podíase entrar e saír da Secretaría Xeral sen ter que pasar (como agora acontece) por controles electrónicos.

A actitude dos norteamericáns respecto das Nacións Unidas tiña duas caras.  En Nova York, e tamén noutros estados de Nova Inglaterra, había simpatía pola Orgaización.  Cada semana, había familias norteamericanas que convidaban a un certo número de funcionarios internacionais a pasar un fin de semana nas suas casas para que coñeceran un pouco dos Estados Unidos.  Como forte contraste, o resto do país – coa posible excepción de San Francisco e outras cidades – tiña, e sigue tendo, unha idea moi negativa da ONU.  En Richmond, capital do estado de Virxinia, onde coa miña muller fóramos convidados a pasar dous ou tres días, a xente viña nos observar como se fósemos extraterrestres e non perdían ocasión de lembrarnos que estabamos no Sul do país, con todo o bagaxe que eso tén.  Por exemplo, mostrándonos unha iglesiña moi xeitosa, o noso anfitrión enfatizou: “Esta eirexa foi financiada polo pobo de Virxinia paraos nosos negros”.  Según a opinión común, as Nacións Unidas eran un niño de comunistas e “pinko liberals”, expresión que abarcaba aos progresistas en xeral, todos eles antiamericanos.

XR. Tí tiveches un papel destacado na presenza exterior do galeguismo, ¿cómo se desenvolveu esta tarefa?  ¿Qué manifestacións máis importantes destacarías daquel empeño?

Non sei ata qué punto pódese dicir que tiven un papel destacado na presenza exterior do galeguismo.  Nos anos en que eu estiven máis activo, o galeguismo non saía moito fóra do país. E penso que non había moitos folgos para facer un labor internacional importante por parte dos dirixentes galeguistas.  Lémbrome, por exemplo, que estando nas Nacións Unidas comenteille por carta a Piñeiro o feito de que en Barcelona viña de se constituir unha Asociación pro Nacións Unidas e preguntáballe por qué non se facía outro tanto en Galicia.  A resposta non foi moi satisfactoria: habería que deixalo para máis adiante.  E nunca se fixo.

En Londres participei como delegado da Galicia interior nunha especie de seminario, orgaizado por cataláns exiliados, adicado a analizar e propor vieiros para, chegado o momento, crear un movemento en favor dunha solución confederal para España.  Un delegado catalán chegaba a falar de cómo serían as forzas armadas de Catalunya.  Eu presentei unha ponencia de carácter federalista, como era a ideoloxía do galeguismo.

Participei, como xa sinalaba noutra resposta, na reunión de grupos socialistas, patrocinada polo sindicato alemán do metal, tamén cunha ponencia sobre federalismo, e de resultas daquela reunión, fíquei encarregado de editar un boletín do que sería o Partido Socialista Galego, actividade que non tivo moita duración.  Anos despóis, no 1973, traballando de traductor nunha conferencia da Liga de Sociedades da Cruz Roxa, en Teherán, un colega, Marius Estartús, catalán, presentóuseme para me dicir que él fora o encarregado de pasar de Francia a España, no seu auto, o material para os boletíns que logo se imprimían en Catalunya. E cada vez que pasaba polas aduanas, ainda que xa non levaba material “subversivo”, seguía sentindo un arrepío.

Tiven, efectivamente, participación na creación do Partido Socialista Galego e no proxecto de Federación de Partidos Socialistas, que podía ter sido unha gran ocasión de “federalizar” o socialismo español, sempre de tendencia centralista.  Mais, como ben sabes, os patrocinadores alemáns optaron por dar apoio ao PSOE do interior e boa parte dos que participaban no proxecto da Federación pasáronse ao partido de Felipe González.

O que sí tiven foi un contacto moi intenso cos emigrados galegos da Casa Galicia de Nova York, onde fixen labor de animador galeguista.  Foi unha boa lección para mín do que é a “diáspora”, ainda que a colonia galega era pequena.  Enrique e Leonardo Santamarina, profesores na Universidade de Rutgers, en Nova Jersey; Emilio González López ou Ernesto Guerra da Cal (que me entrevistou para a “Voz de América”, recén chegado eu a Nova York, entrevista que ainda conservo na fita magnetofónica orixinal) eran as figuras intelectuais máis importantes.  Fun moi ben acollido, particularmente por Enrique Santamarina e a sua dona, Felicia, que nos brindaron a sua amizade. E por outra xente, non académica, que era a que traballaba seriamente pola sociedade, como Emilio Flórez, obreiro, coruñés e alma da Casa Galicia, Tony Álvarez ou Manolo Galán, todos eles sinceramente galeguistas,  demócratas e republicáns. Porque tamén había outros non tan demócratas, dispostos a que entraran na Casa Galicia persoeiros do réxime franquista.

XR. ¿Qué opinas da proxección exterior da Galicia actual?

Que debería ser maior, que levamos moito retraso en comparación co que se ten feito, non xa noutras entidades subestatais de países que foron o núcleo fundador da Unión Europea, senon respecto de Catalunya e de Euzkadi. A paradiplomacia é algo relativamente moi novo para nós, que temos como antecedente senlleiro a declaración de Galicia como nación en 1933 no IX Congreso de Nacionalidaes Europeas, cousa que daquela só tiña cabimento na cabeza de Plácido Ramón Castro e duns poucos “bós e xenerosos” máis.

A paradiplomacia comeza a ter importancia en Europa cando nascen as Comunidades Europeas, que pretendían superaren a nación-Estado nas suas duas dimensións: a externa, como actor único nas relacións internacionais, e tamén na dimensión interna, onde agora ían ter un espazo de desenvolvimento os componentes dos vellos Estados, tratárase de rexións, de estados federados ou de nacións sen estado, como no caso galego. Segundo ti ben dis no excelente libro Nós no mundo (2), “As entidades subestatais consolídanse como actores internacionais no abeiro dunha transformación que suxire a liquidación das fronteiras que establecía valados insalvables entre a política exterior e a interior”.

 A creación do Estado das autonomías na España democrático facilitou as actividades de proxección exterior das diferentes Comunidades Autónomas, en especial das que foron definidas constitucionalmente como “nacionalidades” (por non ousaren os pais da Constitución utilizar o término nación, que sería o apropiado).

Polo que se refire a Galicia, compre subliñar dous vectores fundamentais da acción exterior: o mundo lusófono (con especial énfase na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal e na presencia de Galicia no Brasil) e o mundo non europeo, tanto Asia como África.  Non é lugar apropiado este inquérito para facer un catálogo da acción exterior de Galicia, mais paréceme importante sinalar que, no ámbito propio do Consello da Cultura Galega, os proxectos que pretende levar adiante a sua Comisión de Acción Exterior, especialmente en relación co Brasil, abren moitas perspectivas.

Aparte do que se poida facer – que é moito – no campo da internacionalización das empresas galegas, paréceme que un aspecto moi importante da acción exterior é o da solidariedade con países en desenvolvimento.  E nese aspecto hai que destacar o labor que o Fondo de Cooperación está realizando como axente executor da política de solidariedade fomentada por concellos e diputacións de Galicia.

XLFG. Unha parte considerable da túa vida está relacionada co xornalismo. ¿En qué medios traballaches? ¿Qué balance fas desa experiencia? 

Xa teño sinalado que, desde ben cativo, sentinme atraído polo xornalismo e que andaba sempre enredando nos talleres de El Correo Gallego, en Santiago. Traballei en moitos medios e tamén en moitas ocupacións: na prensa escrita como colaborador e como “executivo”; na radio, en todalas suas manifestacións: locutor, entrevistador, corresponsal, guionista..., e mesmo na televisión española, anque por moi pouco tempo, como corresponsal en Londres. En realidade, estiven alternando o traballo xornalístico co de traductor de organismos internacionais. O balance desa experiencia, como logo contaréi, é maiormente positivo, fóra da época en que traballei para a Axencia EFE cando o Ministerio de Información e Turismo estaba nas mans de Alfredo Sánchez Bella.  Vou responder seguindo un roteiro cronolóxico.

A etapa da B.B.C. Entrei en maio do 1957 a formar parte da redacción da Sección Española da British Broadcasting Corporation na sé dos servicios exteriores, en Londres. Fora contratado, logo dun proceso de selección en Madrid en 1956 no que participamos seis candidatos, polo entón Xefe da Sección, George Hills, que era ben coñecido por algúns galeguistas da época, en particular por Francisco Fernández del Riego, que tiña participado nos programas en galego que durante algún tempo emitíu a B.B.C., dirixidos por un galego, Alexandre Raimúndez. Os programas en galego, e tamén os que se emitían en catalán e en euskera, xa foran suprimidos no tempo de George Hills porque o Reino Unido non quería ter moitos problemas co réxime de Franco.  Sempre me chamou a atención a “boa prensa” que Hills tiña en Galicia, porque era un personaxe con moitas cunchas: católico fanático, de ideas tan á dereita que decía ser “carlista”, dos de Deus, Patria e Rei, e aseguraba – penso que por amolar – que non lle gostaba a música de Bach por ser éste protestante.  Era, eso sí, moi intelixente e con moi boa formación cultural.

A miña preparación para participar no proceso de selección fíxena gracias a que Domingo García Sabell, que daquela era ún dos poucos que tiña un magnetófono, deixábame pasar horas na biblioteca da sua casa na Rosaleda, léndo diante do micrófono “boletíns de noticias” que eu preparaba, para logo escoitarme e ir correxindo defectos.  Outra parte da preparación foi unha especie de campaña de artigos, que me publicaron en La Noche, tendenciosamente pro británicos, que logo procuraba que chegaran ao coñecemento de George Hills.  Sinto vergoña de ter escrito a favor da política británica en Chipre, por exemplo, e sobre todo na crise do Canal de Suez, unha das derradeiras accións colonialistas anglofrancesas.

Mais, unha vez superadas as probas de selección, foi moi emocionante para mín entrar a traballar coas “voces” que cada noite escoitara durante anos na miña casa de Santiago.  Eran, na sua maioría, exiliados que tiñan seudónimo; de feito, eu fun o primeiro contratado para intervir nas emisións co meu nome real. Logo viñeron moitos máis, como Fernando Pérez Barreiro ou Eduard Punset, que ocupou a miña vacante cando eu fun traballar para a ONU (por certo, que Punset, moitos anos máis tarde, cando él era eurodiputado e coincidimos nunha conferencia en Londres, decíame, máis ou menos “Moncho, ao millor deberíamos ter ficado permanentemente na B.B.C. porque foi un tempo maravilloso”). A experiencia foi importantísima para a miña vida ulterior porque aprendín, fundamentalmente, a resumir a información en poucas palabras, a condensar textos longos para que ocuparan tres minutos de micrófono e a traballar baixo a presión de comprir os tempos marcados.  Ese aprendizaxe foime de moita utilidade na miña etapa como traductor nas Nacións Unidas: rapidez na traducción e facilidade para redactar “actas resumidas” das sesións da Asemblea Xeral ou das  suas Comisións.  É curioso que houbo un bó número de traductores das Nacións Unidas que primeiro pasaran pola experiencia da B.B.C.

Foi nesa etapa que casei con Miren Rahm, bilbaina que chegara a Londres coa idea de estudar inglés, logo de ter vivido en Francia.  Borobó adicounos ún dos seus “Anacos” enLa Noche por ser eu o primeiro dos membros da por él bautizada “xeración de La Noche” que casaba. Mais como non dispuña de información dabondo e tendo en conta o seu apelido, convirtiu a Miren en filla dun tratante de alfombras persa...

Na B.B.C. fixen de todo: lectura de noticias, entrevistas, reportaxes, guións de programas sobre aspectos e terras da Gran Bretaña, ou “productor” de programas de outros compañeiros.  Durante varios anos, tiven ao meu cárrego un programa diario de actualidade e outro, quincenal, titulado “Un inglés comenta”, no que o meu traballo consistía en traducir ao castelán textos de comentaristas británicos que trataban temas “delicados”, é dicir, temas nos que se criticaban aspectos ou acontecementos da política do réxime franquista, temas que os redactores españois non debíamos tratar para evitar que se acusara á B.B.C. de enemiga do réxime.  Unha vez traducido o texto, eu “entrenaba” ao autor para que lera a versión en castelán.  Así coñecín a dous xornalistas  que influiron moito na miña vida:  John Rettie e Brian Crozier, os dous procedían dun xornal desaparecido, News Chronicle, de tendencia liberal. John orientábase máis á esquerda;  Brian, ben máis á dereita, logo escrebiría unha biografía de Franco, cousa que por certo, tamén fixo George Hills, o meu primeiro xefe na B.B.C. (as duas obras poderían ter sido apadriñadas por certos colaboradores da Real Academia da Historia española).

Agora que tanto se fala do softpower, do poder blando, quero deixar constancia de que a B.B.C. foi ún dos mellores – se non o mellor – instrumento de poder blando da Gran Bretaña, poisque chegaba a todolos recunchos do mundo polas ondas curtas, que esixían unha boa parte de boa vontade dos ouvintes para escoitar o que dende Londres falabamos.  É realmente triste que teñan ido desaparecendo as emisións en linguas estranxeiras e que neste derradeiros tempos as autoridades da B.B.C. pouco menos que teñen idea de eliminaren as poucas que foran quedando en activo.  Un exemplo máis de que os managers, a rendibilidade inmediata, mandan por riba da información.

No 1963, cando, como xa teño contado, entrei a traballar na Sección Española de Traducción na Secretaría Xeral das Nacións Unidas, en Nova York, seguín facendo colaboracións de prensa, principalmente en La Noche, de Santiago. Dous anos máis tarde, deixei as Nacións Unidas para traballar de traductor na Organización Internacional do Café, en Londres, onde me contrataron principalmente por saber o idioma portugués, que era o fundamental na Organización. Como o traballo era moi doado, voltei ao xornalismo radiofónico como colaborador da B.B.C. e da Radio Nacional de España (o Fernando Pérez Barreiro, que logo herdou o meu posto na Organización do Café, aproveitou o tempo millor do ca min, e aprendeu chinés, alén doutras línguas).

Na Radio Nacional de España comecei a colaborar porque ao meu amigo Celso Collazo, que entón era corresponsal da Axencia EFE en Londres, ofrecéranlle a colaboración ao ficar vacante a corresponsalía da RNE en Londres. Propúxome un trato: facer crónicas en días alternos.  Fíxenas eu todas.  E, pouco a pouco, a colaboración foise ampliando.  Na RNE descobriran daquela o “multiplex” para facer roldas de corresponsais en Europa, e tamén eu comecei a participar nelas.  Eran os anos 1966 e 1967 e, naturalmente, as “roldas” de corresponsais estaban estreitamente dirixidas desde Madrid. “¡Necesito noticias de huelgas!”, dicía, por exemplo, o director, Fernandez Asís, porque en España se tivera producido algún movemento de folga e había que demostrar que noutros países tamén se criticaban as folgas. E así con moitas outras cousas.

Tanto colaborei que, pasados moitos meses, chamáronme de Madrid para me ofreceren a corresponsalía non só da RNE, senon tamén a delegación de Televisión Española.  Aceptei, firmei o contrato, e poucas semanas máis tarde presentei a miña dimisión porque non me entendía co meu “segundo”, José Antonio Plaza, que viña da TVE e que era moi apreciado en “el Pardo”. A miña dimisión “fixo época”, según me dixo Jesús Hermida, anos máis tarde, nas oficinas da Axencia EFE en Nova York (onde fora a parar Celso Collazo, despois de ter sido corresponsal en Moscú), e que eu visitaba de cote mentras traballaba de traductor “free lance” para as Nacións Unidas.

Forum World Features (FWF) era o nome dunha axencia de colaboracións xornalísticas que distribuía un “paquete” semanal de artigos á prensa de lingua inglesa en Asia e África, fundamentalmente. A sociedade editora estaba presidida por Brian Crozier, de quen xa teño falado.  Ofrecínme para escrebir algún artigo como parte da financiación dunha viaxe que íamos facer Miren e mais eu ao Perú e México e Brian, a máis de me dicir que podía escribir varios artigos, encarregoume unha prospección do mercado latinoamericano para o servicio de FWF. De resultas daquela viaxe, ofreceume a creación dun servicio en castelán. Presentei a miña dimisión na Orgaización Internacional do Café e pasei tres meses viaxando por América Latina, visitando xornais, establecendo contactos con futuros colaboradores, etc.  Fíxose realidade o proxecto e durante dous anos “vendín” o servicio a unha chea de xornais latinoamericanos (na sua maioría, pésimos pagadores, cando pagaban) e, en exclusiva para España, a PYRESA, a vella Prensa y Radio del Movimiento, que sempre pagou pontualmente. De xeito que, a máis de escrebir para o servicio, eu era o Director para América Latina: outra experiencia interesante e arrequecedora.

Foron tres anos de moito contacto con Latinoamérica.  A nosa casa en Londres foi un centro de reunión de escritores e algúns políticos e diplomáticos, sobre todo peruanos, como Mario Vargas Llosa – que estaba comezando a sua brillante carreira literaria – ou Antonio (Toño) Cisneros, poeta xa daquela premiado na Casa de las Américas, de Cuba, e actualmente pouco menos que patriarca das letras peruanas, ou Affan Buitrago, colombiano, ex senador, que logo traballou en FWF e tamén en The Economist, e Ricardo Luna que estaba comezando a sua andadura de diplomático peruano ata chegar aos postos máis importantes do servicio diplomático.

En teoría, FWF estaba financiada por un millonario dos Estados Unidos, John Whitney (da familia dos fabricantes dos célebres motores de aviación), que, perdendo diñeiro na compañía presidida por Brian Crozier, podía descontar impostos en América. En realidade, según se denunciou na prensa británica anos máis tarde (principalmente, no dominical The Observer) FWF era unha das moitas “tapadeiras” da CIA norteamericana. Mais para entón eu xa deixara FWF.

A Axencia EFE.  Era o ano 1969 e andabamos Miren e eu a cavilar en que chegara o momento de voltar a vivir en España para non quedarmos desenraigados definitivamente. Alejandro Armesto, a quen eu coñecera como xornalista de El Progreso de Lugo e que estivera en Londres cando eu traballaba na B.B.C. era o novo Presidente da Axencia EFE, logo de ter pasado un tempo en Roma como Adido de Prensa.  De visita en Londres, ofreceume ir traballar a Madrid e crear na Axencia un servicio como o de FWF (ao mesmo tempo, tamén “pescou” a Celso Collazo para orgaizar o arquivo da Axencia, pouco menos que inexistente). Así foi cómo deixei FWF e fun dirixir o que na EFE se chamaban “Servicios especiales”.  O meu título era “xerente” do departamento para evitar acusacións de intrusismo por non ter o título oficial de xornalista.  Ainda así, eran moi frecuentes as denuncias por intrusismo (tamén contra o Celso Collazo, malia levar trinta anos de corresponsal no estranxeiro) e por contratar a “comunistas” como traductores das informacións que chegaban á EFE das axencias estranxeiras e dos xornais dos que EFE tiña a exclusiva para España (algún comunista había, en particular a miña secretaria, alemana intelixentísima, afincada en España). O que tamén había no meu servicio eran moitos “enchufados” franquistas, varios deles que nen aparecían pola oficina. O meu traballo, alén de dirixir os Servicios Especiales, esixíame ir “de ouvinte” cada día ao “Balmoral”, un bar – con pretensións de ser unha especie de club inglés – no que se xuntaban xornalistas, persoeiros de segunda orde do réxime, e mandos militares.  As informacións recollidas nunca foron espectaculares. E tamén tiña que asistir a inauguracións, presentacións e outros “eventos”, principalmente do mundo das “folklóricas”.  Así “alternei” con figuras como “La Chunga” (cando se reinauguróu o “Café de Chinitas”), Rocío Jurado, Celia Gámez, ou Rocío Durcal, mais tamén afortunadamente, con actores como José Luis López Vázquez.

O meu departamento funcionou aceptablemente, mais a experiencia personal non foi boa e, aproveitando que Armesto tiña que contratar ao dono dunha pequena axencia absorbida por EFE, optei por sair ao estranxeiro.  Había, entre outras, a vacante de Delegado da EFE no Brasil, con base no Rio de Janeiro, e foi esa a que elexín.

O Brasil estaba baixo a bota dos “gorilas”.  O Presidente era o xeneral Emilio Garrastazu Médici, home duro e antipático.  Traballar nun país con réxime dictatorial para unha empresa, a EFE, dun país tamén baixo unha dictadura, non era cousa fácil.  Adorei o Brasil, a sua xente, sentíame a vontade (os meus colaboradores brasileiros chamábanme “o integrado”). Decateime, desde os primeiros momentos, de que, por moi interesante que poidera ser a vida literaria brasileira, o que tiña forza era a música, e concretamente a música popular.  Había tamén un movemento en favor da música “erudita” (din os brasileiros) de vangarda.  Lémbrome dunha manifestación de xente nova diante do Teatro Municipal para protestar contra a hexemonía de autores, según eles, periclitados, en particular, Heitor Vilalobos.  Mais a rama cultural vizosa era a música popular.

E na música popular, a carón de grandes sambistas tradicionais (Cartola, Nelson Cavaquinho, por exemplo), de grandes intérpretes (ainda cheguei a ver a Elisete Cardoso e a Vinicius de Morais) e de representantes da “bossa nova”, había cantautores que facían crítica do réxime militar.  Os lúns á tardiña, xuntábanse artistas e público aficionado nun teatriño, o “Teatro Opiniao”, onde “daban seu recado” Carlinhos Lyra, Geraldo Vandré e outros cantautores (o Chico Buarque xa andaba por outros escenarios) que lle cantaban aos milicos cousas como aquela de “a pesar de você, amanhá ha de ser outro día”.

Viaxei moito, en especial unha viaxe orgaizada polo goberno para que os corresponsais estranxeiros visitáramos os traballos da “estrada transamazónica”, que estaba contribuindo moitísimo á deforestación da Amazonia; desde un avión ou un helicóptero, sentíamos como propias as feridas que se ían abrindo na floresta.  Tivemos un encontro co Presidente Médici, mais nós non podíamos facerlle preguntas, era él que preguntaba aos xornalistas: unha versión máis sofisticada das conferencias de prensa sen preguntas que agora se fan en España... O encontro co Presidente celebrouse nunha colonia das que ían creándose ao longo da gran estrada, e aproveitando a presencia do mandatario, bautizaron ao primeiro neno que nacera na colonia. Ao coitadiño puxéronlle de nome Transamazônico.

Durei un ano no Brasil.  A EFE non era soportable nen na outra beira do Atlántico, e ahí rematou a miña “carreira” de executivo e de corresponsal de prensa. Voltei á traducción, agora como “free lance”.  Traballo moi satisfactorio porque obrigábame a viaxar constantemente, de contrato en contrato: Nova York, Xenebra, Londres, Viena, e conferencias en países exóticos: Kenya, Tanzania, Sri Lanka, Filipinas, Kazajistan...

XR. Unha vez pasada revista á tua traxectoria xornalística, ¿cál é a túa visión do xornalismo contemporáneo?

En certa ocasión, traballando eu na B.B.C., chegou de visita un redactor dun xornal de provincias catalán integrado na chamada “prensa del Movimiento”.  A B.B.C. convidaba ocasionalmente a xornalistas ou políticos españois para que observaran directamente a vida da Gran Bretaña e o labor que se facía na emisora. O visitante, que levaba xa varios días en Londres, comentoume que non entendía a utilidade de tantos xornais de diferentes tendencias.  Si cada ún deles dá a sua versión das cousas, reflexionaba, ¿cómo se pode saber cál é a información real? O visitante, caricatura viva dun xornalista do réxime entón imperante, estaba seguro de que o sistema español, con fonte de información única, era moito millor.

Conto esta anécdota porque, logo de ter vivido en réxime de liberdade de prensa e de opinión, e de ter contrastado a realidade de situacións de pensamento único, teño a impresión de que hai un evidente perigo de que, por causa da concentración da propiedade dos medios de comunicación, pola imposición do criterio de rentabilidade por riba do criterio de diversidade de opinión e pola forza homoxeneizadora de moitos instrumentos de comunicación, podan ir desaparecendo voces singulares.  Ainda hai grandes xornalistas en países con libertade de prensa e de opinión que manteñen acesa a lus da información veraz, mais – penso eu – esas voces independentes chegan ás élites ilustradas, e non á maioría dos consumidores de medios de información, que beben de fontes moi mediatizadas, en particular da televisión de pouca calidade. No caso concreto de España, a aparición da TDT e, sobre todo, o xeito cómo se distribuiron as licencias para crear emisoras, foron causa da proliferación de canles de ultradereita que, a máis de programar moita “televisión basura”, fan unha intensa campaña de desinformación e de terxiversación da realidade.

Compre recoñecer, no entanto, que as novas ferramentas informáticas, as redes sociais, nunha palabra, Internet, abriron novos horizontes para a difusión de información.  É un dominio no que, polo de agora, non teñen hexemonía as grandes corporacións que controlan outros medios de comunicación.  Con todo, nos últimos tempos, hai síntomas de que Internet estase transformando.  Por exemplo, o invento da “nube” onde ún pode armacenar todo canto ata agora metía no disco duro do ordenador pode ter derivadas pouco atractivas porque, ¿quén pode garantir que elementos indeseables non vaia penetrar na “nube”, por moito que os creadores de Apple falen de inviolabilidade dese novo mundo gaseoso?  É fundamental manter a “neutralidade na Rede”, como dicía Tim Wu, quen, no seu libro máis recente, The Master Switch (“o interruptor mestre”) falaba do perigo de que Internet poida seguir o camiño doutros medios de comunicación anteriores, que, tras un período de esperanzas optimistas de que aqueles medios resolverían os problemas de comunicación da sociedade, remataron por cairen nas mans de novos emprendedores que trunfan no mercado coas suas innovacións.  Os consumidores aceptan esas innovacións, que melloran as prestacións dos medios, e os novos emprendedores son crecentemente exitosos, van desaparecendo os vellos competidores e, ao final do camiño, a industria é capturada por un monopolio ou por un cártel (como ten sido o caso da industria cinematográfica, en poder de Hollywood).  Péchase así “o ciclo”, como dí Tim Wu.

XLFG. Eres un viaxeiro incansable.  ¿Cúrase o nacionalismo viaxando?

Non se cura, mais - ¿cómo diríamos? – pódese flexibilizar.  Un célebre xornalista húngaro, Georg Mikes, que pasou a maior parte da sua vida na Gran Bretaña, escrebeu un libro humorístico e moi profundo, How to be an Alien (Cómo ser un estranxeiro, no Reino Unido, claro). Entre as moitas anécdotas sobre o carácter británico, conta que todolos pobos – franceses, alemáns, españois, etc. – proclaman en alta voz seren os millores do mundo. Todos, agás os ingleses... porque éstes saben que son os millores e non precisan proclamalo.

O que Georg Mikes dicía das nacións europeas pódese aplicar a todalas nacións do mundo.  E cando, logo de viaxar por moitos países, ún ten ouvido dicir que a comida chinesa, a india, a indonesia, a xaponesa, a turca, a peruana, ou as diversas comidas españolas (todas elas excelentes) son o millor do mundo, ún comeza a se flexibilizar e a recoñecer que o nacionalismo non é – ou non debería ser- unha categoría absoluta. Viaxando apréndese, entre moitas cousas máis, humildade. Digo viaxando, non indo de turista polo mundo adiante e querendo atopar nunha cidadeciña asiática o que ún ten na casa.  Como aquel español que, hai xa moitos anos (agora as cousas evolucionaron, no séi si para ben), queixábaseme de que en Lhasa, a capital do Tibet, non se atopaba un bon whisky.

Aparte da humildade, o viaxeiro aprende a ter paciencia.  Falo por experiencia propia. Nas miñas primeiras viaxes á India, alporizábame porque as cousas non se desenrolaban coa rapidez que eu desexaba.  Logo de escornarme varias veces contra a impenetrabilidade da burocracia ou dos servicios ao público, cheguei a decatarme de que, con paciencia, os trámites ían máis rápidamente. Con paciencia e con apertura de esprito para aceptar as reaccións dos naturais do país.  “Quero reconfirmar o noso vóo de Varanasi a Kathmandú”, dixo un mozo inglés que estaba facendo unha volta ao mundo, recén casado. O funcionario de Indian Airlines, dícelle: “Desafortunadamente, o vóo está cancelado”.  “¿Por qué razón?, pregunta amolado o inglés: “Por ningunha razón en particular” (For no particular reason!). E por moito que reclamou o interesado non tivo outra resposta.

Góstanos moito viaxar, tanto a Miren como a mín.  Tamén repetir os lugares de destino para poder ir entrando nos países.  E atopámonos ben en calquera lugar, con poucas excepcións.  Xa sabes, e tí recollíchelo no teu libro Os anos escuros, que eu defino o mundo como unha única entidade, dividida en bairros: o bairro Nova York, o bairro Hong Kong, o bairro Rio de Janeiro, etc.  Cando andaba de traductor freelance, levaba conmigo unha estatuiña de Garibaldi, de cerámica inglesa. Tan pronto me acomodaba no apartamento ou hotel correspondente, colocaba o meu Garibaldi nun lugar preferente, e iso representaba que estaba na miña casa. O Garibaldi preside hoxe unha parte central da miña biblioteca en Ciudad Real.  Xa non ando de conferencia en conferencia internacional, mais eso non siñifica que teñamos deixado de viaxar. Queda moito mundo por coñecer.

Borobó, director de La Noche e patrocinador de moitos escritores primeirizos (daba moi bons consellos e advertencias, especialmente para que os novicios non pretendéramos facer teses doctorais nun artigo de xornal), Borobó, digo, que tiña moita retranca, espricaba unha teoría, medio boutade medio afirmación sincera, consistente en que o folklore é un só e universal.  Viaxando, pouco menos que da para compartir a idea de Borobó.  Por exemplo, cando ún de súpeto escoita unha melodía interpretada nunha gaita, con ritmo de muiñeira, e que logo resulta ser unha tarantela tradicional de Calabria, tocada na zampogna calabresa, que talmente soa como unha gaita grileira.  Algo de razón debía ter Borobó ao falar da unicidade do folklore universal porque, según canta, ou máis ben recita, repetidamente, ao remate do seu disco máis recente o cantautor e profesor de socioloxía Patxi Andión, “en tiempos, no muy lejanos, todos fuimos africanos”.

Unha frase que da para meditar sobre nacionalismo e as viaxes, ¿non sí?


(1) “Galeguizar Galicia: O proxecto político-cultural de Ramón Piñeiro, a través dunha relación epistolar nos anos 50 e 60”, en Día das Letras Galegas 2009, Ramón Piñeiro, Edición ao coidado de Antón Santamarina. Universidade de Santgiago de Compostela, 2009, páxs. 75 a 87.

(2) Xulio Ríos, Nós no mundo.  Unha política exterior para Galicia, Biblioteca Fundación Isla Couto, Editorial Galaxia, Vigo, 2010.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais