Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza Pública (Galicia) 28 de Outubro de 2019 Mansilla Blanco

(Re) equilibrios rexionais tralas presidenciais arxentinas

O peronismo volve ao poder na Arxentina. Fonte: Axencia Xinhua

A contundente vitoria electoral de Alberto Fernández nas presidenciais arxentinas (48,10%) predín posibles reestruturacións tanto a nivel de liderados como de tendencias políticas a nivel rexional. Con crises persistentes a nivel institucional en Perú, socioeconómicas en Chile e Ecuador e postelectoral en Bolivia, a rexión tamén rexistrou comicios presidenciais en Uruguai (a definir en segunda volta) e municipais en Colombia (cunha severa derrota para o uribismo). O contexto ofrécese así proclive a eventuais cambios na recente configuración da arquitectura política e de integración rexional, particularmente en casos concretos como a incerta continuidade de plataformas como o Grupo de Lima, moi activas dentro da crise venezolana, e a recuperación de espazos dende a esquerda vía Foro de São Paulo e Grupo de Puebla.

Tras coñecerse a sua vitoria electoral, o peronista Fernández pediu a liberación do ex presidente brasileiro Lula da Silva, en prisión polo escándalo de corrupción do “Lava Jato”, e cuxa sentencia está sendo obxecto de controversia en Brasil por posibles motivacións políticas. Non semella casual a referencia de Fernández á liberación de Lula, aspecto que obsérvase como unha “bandeira política” dunha esquerda hemisférica que busca recuperar posicións trala orientación dereitista observada desde 2015 en países chave como Brasil, Arxentina, Chile, Perú, Paraguai e o Ecuador “post-Correa”.

O retorno do “kirchnerismo” en Bos Aires anunciaría a intensidade destes cambios eventualmente por vir. Durante a campaña electoral, Fernández declarou que sacaría a Arxentina do Grupo de Lima, plataforma creada en maio de 2018 por mor da crise institucional, política e humanitaria en Venezuela. Fernández aduciu que a presidencia do hoxe derrotado electoralmente Mauricio Macri busca a confrontación e a saída inmediata de Nicolás Maduro do poder en Venezuela. O próximo presidente arxentino anunciou a súa intención de apostar polo diálogo multilateral adoptado por países como Uruguai e México, para a resolución da crise venezolana. Por tanto, a certificación da vitoria electoral de Fernández significa un “balón de osíxeno” para Maduro á hora de reducir a presión internacional.

As recentes crises e o cambio de tendencias electorais condicionan por tanto a viabilidade deste Grupo de Lima. As convulsións sociais presentadas en Chile e Ecuador debido a restritivas medidas de axuste macroeconómico e a crise institucional en Perú trala disolución do Congreso provocan erosións internas que poden minar a capacidade de actuación desta plataforma rexional, particularmente de cara ao caso venezolano. Condicionados pola forte explosión social e presión política nas rúas, en Chile e Ecuador, os seus respectivos presidentes Sebastián Piñera e Lenín Moreno deron marcha atrás coas súas medidas económicas. En Perú, todo apunta a unha intensificación da crise institucional de cara aos comicios lexislativos de xaneiro de 2020.

Toda vez, as incertezas ante o contexto postelectoral en Bolivia, sen lexitimidade aceptada por consenso sobre o gañador nas presidenciais do pasado 20 de outubro entre o presidente Evo Morales e o opositor Carlos Mesa, poden abrir unha nova crise política e institucional no país andino que, como no caso venezolano, requira a urxente atención rexional. Entre acusacións de presunto fraude e “golpe de Estado” en curso, a OEA sospeita de irregularidades cometidas na contabilidade dos votos unha vez deuse como gañador na primeira volta ao presidente Morales toda vez, co 84% do escrutinio, se anunciaba unha segunda volta prevista para decembro, sendo a distancia entre Morales e Mesa notablemente reducida.

Paralelamente, a derrota política do “uribismo” e do presidente Iván Duque nas municipais colombianas, particularmente a súa perda nas estratéxicas alcaldías da capital Bogotá (histórico triunfo do feminismo político en mans de Claudia López) e de Medellín (tradicional feudo do “uribismo”, traduce un posible novo momento político en Colombia, toda vez as negociacións de paz vense obstaculizada pola volta ás armas dunha facción guerrilleira das FARC.

En Uruguai, está por ver se estamos ante un cambio político na segunda volta electoral entre o candidato oficialista da Fronte Ampla, Daniel Martínez, e o conservador Luis Alberto Lacalle. As tendencias darían unha vitoria á dereita conservadora no ballotage, rematando así con quince anos de gobernos progresistas da Fronte Ampla, dende Tabaré Vázquez ata Pepe Mújica. Un escenario diametralmente oposto á veciña Arxentina, na que o “kirchnerismo” volve ao poder tras un quinquenio “macrista”.

Diversos enfoques aducen que esta posible recuperación da esquerda rexional débese, entre outros factores, ás consecuencias sociais da persistencia do modelo neoliberal dentro da vaga dereitista dos derradeiros anos. Non obstante, compre observar a recomposición de forzas políticas e das axendas estratéxicas da esquerda continental tralo cumio do Foro de São Paulo de xullo pasado en Caracas e a actual activación do Grupo de Puebla. Ámbalas dúas son abertamente contrarias ás iniciativas mais radicais establecidas polo Grupo de Lima co respecto á activación do TIAR para premer pola caída de Maduro como resolución da crise venezolana. Recentemente, o presidente da oficialista Asemblea Nacional Constituínte de Venezuela, Diosdado Cabello, asegurou que a convulsión política rexional anuncia unha “brisa bolivariana” de cambios políticos continentais.

Para ambas plataformas complementarias (Foro de São Paulo e Grupo de Puebla), a liberación de Lula en Brasil supón un imperativo político estratéxico. Casualidade ou non, o propio Fernández xa lles deu unha “chiscadela” a esas expectativas, unha vez coñeceuse a súa contundente vitoria nas presidencias arxentinas. E pode que esas expectativas se confirmen cun eventual cambio de perspectiva rexional de cara á crise venezolana.

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais