Referendos

Non deixa de ser significativo que mentres Colombia vive con expectación os primeiros pasos cara a consolidación do acordo de paz asinado na Habana a semana pasada entre o goberno de Juan Manuel Santos e a guerrilla das FARC, a veciña Venezuela afronte tamén, pero con tensa e preocupante expectación, a renovación nas rúas da interminable confrontación política entre goberno e oposición. Ambos casos teñen similar transcendencia, especialmente orientadas na tramitación de dous procesos de carácter plebiscitario: o referendo acordado para o próximo 2 de outubro en Colombia sobre os acordos de paz; e a incerta celebración dunha consulta revogatoria en Venezuela contra a presidencia de Nicolás Maduro, foco gravitacional na que se atiza actualmente a crise política venezolana.

Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

Non deixa de ser significativo que mentres Colombia vive con expectación os primeiros pasos cara a consolidación do acordo de paz asinado na Habana a semana pasada entre o goberno de Juan Manuel Santos e a guerrilla das FARC, a veciña Venezuela afronte tamén, pero con tensa e preocupante expectación, a renovación nas rúas da interminable confrontación política entre goberno e oposición. Ambos casos teñen similar transcendencia, especialmente orientadas na tramitación de dous procesos de carácter plebiscitario: o referendo acordado para o próximo 2 de outubro en Colombia sobre os acordos de paz; e a incerta celebración dunha consulta revogatoria en Venezuela contra a presidencia de Nicolás Maduro, foco gravitacional na que se atiza actualmente a crise política venezolana.

Ambos casos son curiosamente relevantes pola súas respectivas conexións, sexan estas directas ou indirectas. Venezuela é, xunto con Cuba, Noruega e Chile, un dos países garantes dos acordos de paz en Colombia, cun peso salientable na capacidade do goberno venezolano para convencer ás FARC da necesidade de transitar polo camiño da finalización do conflito armado, a fin de posibilitar a súa inserción na vida política e civil colombiana.

Este factor ten un peso significativo, en particular tomando en conta a progresiva historia de inmigración de ida e volta entre ambos países e da influencia do conflito armado colombiano dentro desta relación fronteiriza con Venezuela. Pero agora, cun proceso de pacificación en curso en Colombia, é mais ben a crise política e a gravidade do contexto socioeconómico venezolano o factor que constitúe un problema de carácter transfronteirizo que, inevitablemente, involúcrase como un elemento de preocupación para Bogotá.

Se no pasado recente fora unha importante emigración colombiana a que se refuxiara en Venezuela, moitos deles con categoría de refuxiados fuxindo da violencia do conflito armado, son agora milleiros os venezolanos que cruzan a fronteira entre ambos países pero, desta vez, para acceder a produtos básicos de primeira necesidade que xa non poden conseguir no seu país, lastrado pola súa peor crise económica. A magnitude deste problema verificouse coa crise fronteiriza intensificada a partir de 2015, entón co peche da fronteira decretado por Maduro e pola posterior (re) apertura a partir de 2016, que deu paso a un inédito e multitudinario fluxo migrante venezolano.

Aínda que parcialmente distantes destes problemas fronteirizos, atópanse as vías plebiscitarias. O presidente colombiano Santos xógase o 2 de outubro unha estratéxica carta política nun plebiscito que permitirá coñecer con maior veracidade que é o que pensa e sinte a sociedade colombiana tralos acordos coas FARC, que comezaron a ser efectivos a partir do 29 de agosto co histórico e ansiado cese ao fogo bilateral.

Este referendo é por tanto un test imprescindible para Santos, así como para as FARC, á hora de medir a confianza cidadá sobre estes acordos. Pero o mesmo é igualmente estratéxico para aqueles sectores e forzas políticas opostas a estes acordos de paz, principalmente lideradas polo ex presidente Álvaro Uribe Vélez, e con expectativas igualmente cifradas de cara ás eleccións presidenciais 2018. As enquisas amosan unha clara polarización, incluso con amplas posibilidades de vitoria do Non ao acordo de paz, que ameazan con contrariar as expectativas de Santos e da guerrilla.

Revogatorio “maduro”?

Pola súa banda, o presidente venezolano Maduro xógase igualmente o seu cada vez mais erosionado capital político de cara á posibilidade de celebración doutro referendo, neste caso de carácter revogatorio contra o seu mandato, e cuxas posibilidades se enfocan mais ben para celebrarse o próximo 2017.

Tanto como para Maduro, este escenario luce igualmente vital para Cuba, garante dese proceso de paz colombiano que busca lexitimarse co plebiscito de outubro pero igualmente expectante ante a posibilidade dun revogatorio en Venezuela que, eventualmente, defina un final de ciclo “chavista”, alterando así a relación estratéxica entre Caracas e A Habana vixente desde 2000.

O pulso por celebrar este referendo revogatorio está incrementando o clima de confrontación política en Caracas. As enquisas de opinión presentan unha clara tendencia favorable ao revogatorio de Maduro, por mor dunha impopularidade fraguada pola crise económica e a desconfianza cara o seu liderado, incluso dentro do campo “chavista”.

Con todo, as derradeiras semanas observan un “tira e afrouxa” entre o Consello Nacional Electoral (CNE) e a oposición agrupada na plataforma Mesa pola Unidade Democrática (MUD), no cometido da verificación das firmas recollidas para a petición deste referendo, os cales deben alcanzar como mínimo o 20% dos votos obtidos por Maduro na súa elección presidencial en abril de 2013.

Neste sentido, o clima de confrontación política entre goberno e oposición está concentrado nos prazos temporais previstos pola Constitución Bolivariana para celebrar esta consulta. A oposición estima que a mesma debe celebrarse agora no 2016, toda vez o goberno claramente busca obstaculizala ou ben retrasala para despois de xaneiro de 2017, a fin de evitar un posible adianto electoral dos comicios presidenciais previstos para 2019.

Nos días previos á manifestación opositora a favor do referendo pautada para este 1º de setembro en Caracas, Maduro afondou o clima de confrontación e de represión intimidatoria argumentando sobre a activación dun presunto plan golpista, rememorando os tensos momentos previos á crise de abril de 2002, que levou á breve remoción do ex presidente Hugo Chávez. Medios gobernamentais informan que 15.000 tropas teñen tomada a capital e as súas vías de comunicación co interior os días previos desta manifestación, toda vez milleiros de cidadáns camiñan cara a capital dende diversos puntos do interior do país.

Así, esta semana, o goberno venezolano incrementou as medidas represivas, tales como a detención de líderes opositores adscritos á MUD e reforzando ó mesmo tempo as medidas de seguridade en torno a aqueles líderes opositores na cárcere, denominados pola oposición como “presos políticos”. Medidas intimidatorias con carácter represivo por parte do goberno que poden resultar politicamente contraproducentes, por mor da impopularidade de Maduro e da sensación de declive do “chavismo”.

Unha nova etapa

Se a paz de Colombia xógase no plebiscito de outubro, a crise venezolana tramítase nunha preocupante confrontación en torno á eventual celebración dun revogatorio que comeza a erixirse a nivel hemisférico como a única solución política viable, posición visiblemente observada tanto na OEA como por parte doutros mecanismos de integración.

Ambos escenarios, os de Colombia e Venezuela, corresponden igualmente a consecuencias colaterais dos recentes cambios xeopolíticos acaecidos a nivel hemisférico, traducidos na normalización das relacións entre EUA e Cuba e no cambio de ciclo electoral na rexión.

Estes cambios ilústranse particularmente ante o retroceso político e electoral das esquerdas, observados nos recentes comicios en Arxentina (2015) e Perú (2016) e ante o impeachment contra a ex presidenta brasileira Dilma Rousseff. Este contexto define igualmente un cambio de correlación de forzas hemisféricas vixentes nos organismos de integración (OEA, MERCOSUR, CELAC) que gravitan como eixes de influencia, principalmente de cara á crise venezolana, onde Maduro ven perdendo forza nos apoios exteriores (a excepción do eixe ALBA) ante o cambio político en Brasilia e Bos Aires.

A paz en Colombia, pendente do plebiscito de Santos, supón un peche substancial a cinco décadas dun conflito armado progresivamente internacionalizado (con rémoras da “guerra fría”), con directas consecuencias cara países veciños como Venezuela, Ecuador, Perú e Brasil. Pero a crise venezolana, agora focalizada en pós dun referendo revogatorio aínda de carácter incerto, pode colateralmente converterse nunha bomba de reloxería a nivel hemisférico de consecuencias imprevisibles.