Refuxiados

Como é costume, o cumio de Nacións Unidas sobre refuxiados e migrantes celebrado en setembro último en Nova York rematou cunha declaración; e, como tamén é habitual, o seu ton, xeneroso co respecto formal dos dereitos humanos de todas as persoas, compleméntase coa restrición do seu carácter non vinculante. Resultan así meras declaracións de intencións que representan unha moi feble resposta ante a importancia deste problema na axenda global. As expectativas de que o cumio signifique un punto e aparte son pouco alentadoras. Só no Mediterráneo, 2015 rematou con máis de 3.700 mortos e no que vai de 2016 xa case se alcanzou esa cifra. Europa, afectada directamente polo problema ata o punto de suxerir unha perigosa inestabilidade, leva a dianteira nesa incapacidade.

Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

España vai polo cumprimento do 3 por cento do obxectivo de acollida de solicitantes de asilo que subscribiu en Bruxelas hai un ano: 552 de 17.387. E non é dos peores. No total da UE, a cifra non supera o 7 por cento do comprometido. A Comisión Española de Axuda ao Refuxiado deixouno claro: somos superlentos na acollida pero superrápidos á hora de dispoñer medidas para impedir o acceso. Os muros proliferan en Europa e os valores cristiáns polos que algúns tanto pelexaron por levar á Constitución quedan asulagados en acordos como o celebrado con Turquía, encomendando á OTAN a devolución dos refuxiados, multiplicándose as misións aéreas e navais despregando todo tipo de armamento militar en aras de protexer a Europa fortaleza. O perdón divino está garantido.

No mundo hai uns 65 millóns de refuxiados e uns 220 millóns de desprazados por diversos motivos. En numerosos casos, son os nosos Estados, que tanto reparo poñen á acollida, parte da orixe do problema, ben sexa pola vía da lucrativa venda de armas ou por intervencionismo directo ou indirecto por causas xeopolíticas. E tamén pola vía do mantemento dun sistema económico inxusto que perpetúa a pobreza e agranda as desigualdades.

A guerra está na orixe de boa parte destas hecatombes humanitarias. E en moitas delas, os países occidentais teñen especiais responsabilidades chegando ao extremo de alentalas simplemente para derrocar gobernos hostís con mil escusas e substituílos por outros afíns aos seus intereses. Representamos un actor clave co anceio común de promover o control dos recursos naturais ou para pechar o paso a outros competidores.

Para o noso mundo rico, os migrantes e refuxiados son unha ameaza. O peche de fronteiras para os pobres e os parias contrasta coas facilidades dadas a outros, os que poden pagarse a Visa Gold. Iso dío todo da natureza última da deriva europea.