Distribuir

Distribuir contido
Praza 5 de Maio de 2015 Ríos

Remedio para este país

Contrasta soberanamente o flagrante silencio rexistrado no debate da autonomía de outubro pasado sobre cuestións exteriores co acaloramento da mais recente liorta parlamentaria a propósito de Venezuela. Semella que só o tema importa cando outras consideracións se cruzan por medio. A diferenza na intensidade aplicada polas súas señorías ten a ver mais cun debate rebordante de ideoloxía mesturado co afán de prexudicar ao contrario e menos coa necesidade e conveniencia de xerar propostas construtivas que salienten o que pode achegar Galicia nestes contextos.

Resulta obvio que por razóns históricas e demográficas, o noso non debería ser o papel de imitadores da confrontación, tan abundante tamén noutros lares, senón todo o contrario, apostando por tender pontes que beneficien ás persoas.

Outro tanto podiamos dicir da viaxe do vicepresidente da Xunta a Cuba do pasado abril. Un pensaba que podería desatar unha fervenza de propostas con certa altura de miras para poñer en valor a nosa modesta influencia na illa e beneficiar con iso, con iniciativas concretas, ás persoas de un e do outro lado. Isto nun momento en que na Habana se perfilan posibilidades de tecer iniciativas innovadoras.

En ambos os dous países, Galicia conta cun capital demográfico e relacional significativo, ás veces inmerso no conflito, pero rico en todo caso. Isto lévanos á necesidade de pensar por nós mesmos, en función dos nosos intereses, procurando tirar proveito das oportunidades que nos pode brindar sen nos deixar levar por ventos que chegan de Bruxelas ou Madrid, sen medo a practicar a diferenza sempre e cando concorde con políticas beneficiosas para Galicia. Facer o contrario, imitar aquí o que xa se deu noutros foros obviando as nosas vantaxes comparativas, por desgraza o mais común, é simple pailanismo parlamentario.

Produce mágoa tanta enerxía malgastada, tanta política de suma cero, tanta incapacidade para pensar desde nós, con creatividade e xenerosidade pensando simplemente nos beneficios para as persoas, que debera ser o centro da política. E de aí, coma se nada, pasamos a esas unanimidades declarativas exentas de compromiso que todos sabemos que ao pouco serán nada mais que papel mollado…

Actuando así, este país ten difícil remedio.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais