Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza 31 de Outubro de 2020 Ríos

Retornos

bolivia-luis-arce-festeja-1603499549342.jpg

A esmagadora vitoria do MAS en Bolivia, que prolonga a onda renovadora previa de Arxentina de hai un ano, proxecta unha mensaxe de optimismo arredor da esperanza de que América Latina retorne á senda iniciada co novo século, aínda inzada de dificultades. Mal que pese a algúns, o compromiso coa superación da pobreza e as desigualdades, a aposta pola integración rexional e a soberanía nacional segue a contar cun importantísimo nivel de apoio social nalgúns países da zona. 

Se os poderes de sempre lograron retomar o poder na Paz foi en virtude de procesos anómalos, afastados de calquera aval democrático. Aínda así non lle faltaron activos valedores en capitais e organismos hemisféricos (a OEA de Luís Almagro, especialmente) e, por suposto, nos EUA. O afán por se asegurar o retorno ao poder ao prezo que fose atopou no estamento xudicial o argumento convalidante para tentar desbancar aos movementos promotores do cambio, esta vez co “soldadito boliviano” que cantara Nicolás Guillén en posicións discretas.

O acoso e derrube do PT no Brasil –como antes no Honduras de Zelaya- serviu de laboratorio para outras experiencias adaptables a situacións singulares. Como tamén a adulteración da vontade popular por parte de Lenin Moreno no Ecuador fixo medrar a frustración. Correa denunciaba estes días que a Fiscalía Xeral de Quito ordenou unha nova investigación, agora por presunto homicidio. E van máis de trinta procesos na súa contra.

Esta vitoria do MAS fai revivir a expectativa de que a regresión experimentada tralo fin de ciclo progresista coas alternancias en Arxentina, Brasil, Ecuador, Uruguai, a propia Bolivia, etc. represente tan só unha breve paréntese. As forzas progresistas de América Latina, coa súa rica diversidade, poden recuperar pola vía democrática a capacidade e a lexitimidade para retornar ao poder. Será con líderes diferentes da primeira onda pero con idéntico compromiso co desenvolvemento económico e social e coa reafirmación da autonomía estratéxica rexional.

Ecuador celebrará eleccións lexislativas e presidencias o próximo 7 de febreiro. De perder Trump o vindeiro martes, a posición de Bolsonaro volverase mais precaria, se ben haberá que agardar ata 2022. Ata en Chile, evocando as palabras de Salvador Allende cando se dirixiu por derradeira vez ao pobo chileno a través de Radio Magallanes, poden chegar a abrirse as grandes alamedas ….

O contraste entre as políticas aplicadas na rexión polos gobernos progresistas e as dereitas constitúe un caudal de simpatía cara o retorno, especialmente agora, en tempos en que as políticas públicas resultan de vital importancia para loitar contra a pandemia e os seus efectos. Todos saben que as demandas sociais só poden representar unha prioridade para determinadas forzas políticas.

Na axenda do retorno cómpre acompañar esa dimensión social para combater as desigualdades con programas políticos democratizadores que desenquisten a influencia dos poderes ultraconservadores asentados xa non nas forzas armadas, como en tempos puido ser común, senón na xustiza e ata nos medios de comunicación, actores reconvertidos en arietes da hostilidade mais intolerante contra o progresismo. 

Esa mudanza debe permitir tamén retomar unha política exterior sen servidumes. América Latina, que se conta entre as vítimas predilectas do hexemonismo do Tío Sam, levouse a peor parte da intervención estadounidense en todo o mundo. Segundo John Coatsworth, ex reitor da Universidade de Columbia e historiador especializado na rexión, Washington conseguiu cambiar gobernos en América Latina polo menos 41 veces entre 1898 e 1994. As intervencións estadounidenses "deixaron no aire o compromiso dos EUA coa democracia e o Estado de dereito nos asuntos internacionais", apuntou Coatsworth nun artigo publicado na “reVista The Harvard Review of Latin America". Eses tempos tamén retornaron…

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais