Riscos do feudalismo planetario

NAMENTRES permanecemos inmersos nas nosas miserias cotiás o planeta ten operado unha mutación de consecuencias non mensurables. Un efecto da crise que atravesa Occidente é a feudalización do mundo. Na súa orixe sitúanse factores tais como a auxe de países emerxentes, a desnaturalización do rol dos estados en detrimento de entidades supranacionais con vocación eminentemente económica, a irrupción de impredicibles actores como os mercados financeiros, amais das estreiteces europeas e americanas que fan que Bruxelas e Washington fuxan do compromiso cos grandes temas da axenda de seguridade. O novo mundo apolar caracterízase pola irresponsabilidade dos estados perante as crises na orde internacional. Cada nación persegue un interese reducido, desistindo da búsqueda -ou imposición- de avenencias máis aló dunha limitada área de influencia, deixando de lado os grandes dossiers conflictuais e calquera veleidade humanista.

Apartados xeográficos Outros
Idiomas Galego

Lonxe queda a guerra fría entre bloques antagónicos e aparentemente irreconciliables. Tamén o espellismo de mundo unipolar que Francis Fukuyama tildou de "fin da historia". O ataque contra o Pentágono e o Twin Center de Nova York e a irada reacción de George Bush Jr., fixeron crer na consolidación da hiperpotencia americana. No preludio do segundo mandato de Obama confírmase que Norteamérica fai da súa fronte interior a prioridade absoluta. Fracasado o intento de potencias como Francia, Inglaterra ou China de facer emerxer un mundo multipolar, en paralelo á falta de vontade dos estados os medios de intervención diminúen. A resolución de crises xa non forma parte da lóxica da potencia ou da estratexia dun bloque. Excepcións como a operación Atalanta contra a piratería nas costas de Somalia ou a operación Serval no norte de Malí para impedir o xurdimento dun califato yihadista a dúas horas de avión de Europa, a inacción é a tónica, de Siria a Corea do Norte pasando por Irán, Libia, Guinea Bissau... Fragmentación travestida en modernidade, alguén dubida dos riscos da feudalización planetaria?