Ruleta bélica en Oriente Próximo

A misteriosa explosión acaecida a mediados de novembro nunha base militar próxima a Teherán, con saldo mortal de 17 efectivos pertencentes á Garda Revolucionaria Islámica iraniana, así como outro ataque similar nunha base dos servizos secretos sirios en Damasco, reivindicada por un ata agora descoñecido Exército de Liberación Nacional Sirio (ELNS), son sucesos que presuntamente identificarían un abano de operacións encubertas orientadas a, eventualmente, preparar outra guerra en Oriente Próximo.

Apartados xeográficos Oriente Medio
Idiomas Galego

A misteriosa explosión acaecida a mediados de novembro nunha base militar próxima a Teherán, con saldo mortal de 17 efectivos pertencentes á Garda Revolucionaria Islámica iraniana, así como outro ataque similar nunha base dos servizos secretos sirios en Damasco, reivindicada por un ata agora descoñecido Exército de Liberación Nacional Sirio (ELNS), son sucesos que presuntamente identificarían un abano de operacións encubertas orientadas a, eventualmente, preparar outra guerra en Oriente Próximo.

Paralelamente, a Liga Árabe anunciou a suspensión temporal de Siria deste organismo, ao mesmo tempo que recibiu a visita de membros do Consello Nacional Sirio (CNS), unha plataforma política creada en 2005 e que agruparía aos sectores e movementos opositores ao réxime de Bashar al Asad e principal activador das protestas nese país desde febreiro pasado. Con isto, a Liga Árabe establecería un tácito compromiso de recoñecemento do CNS como actor lexitimado no contexto político sirio.

A cruenta represión por parte das forzas armadas e de seguridade sirias, que segundo diversas fontes alcanzarían aproximadamente os 3.500 mortos desde febreiro pasado, persuadiu á Liga Árabe a enviar un ultimátum a Damasco esta semana, so pena de sufrir sancións económicas e unha posible expulsión do organismo no cumio que actualmente se celebra en Rabat. Nesta discusión, Irán asumiu a defensa do seu aliado xeopolítico sirio mentres o goberno de Bashar anunciou a liberación de 1.000 presos políticos.

Accidente ou “operacións encubertas”?

Diversos factores permiten especular cunha eventual implicación occidental e, posiblemente israelí nos recentes sucesos en Siria e Irán. Un cable de Wikileaks asegurou que Arabia Saudita e Emiratos Árabes Unidos premeron recentemente a Washington para adoptar unha “actitude mais decidida” cara Teherán. O ministro de Defensa israelí, Ehud Barak, recibiu con beneplácito a noticia da explosión en Teherán, incluso desexando que ocorran “moitas mais” accións similares no país persa.

A pesar de que as autoridades iranianas informaron que esta explosión correspondeu a un “accidente interno”, a natureza do mesmo consideraría toda serie de variables. Como revelara o xornalista estadounidense Seymour Martin Hersh, desde 2004 existen probas do presunto apoio e financiamento da CIA e, posiblemente, do Mossad israelí, cara determinados grupos insurxentes en Irán, especialmente dentro do mosaico étnico curdo, azerí e baluchí, así como da guerrilla islamita e marxista Mujahedin do Pobo de Irán (MEK pola súas siglas en persa), en conflito co réxime teocrático en Teherán, especialmente contra a Garda Revolucionaria Islámica, o corpo pretoriano con maior poder militar, político e económico dentro da estrutura de poder nese país.

Esta eventual e presunta implicación exterior cobraría vixencia ante as preocupacións israelís e occidentais cara o programa nuclear iraniano e o seu pulso coa Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA), en especial tomando en conta o seu recente informe no que se asegura que o programa nuclear de Teherán avanzaría cara fins militares.

No caso sirio, un comunicado do Exército de Liberación Nacional de Siria (ELNS), conformado por militares disidentes das Forzas Armadas opostos ao réxime de Bashar, reivindicou o ataque contra a base militar próxima a Damasco. A complexidade do panorama interno nese país árabe non permite identificar exactamente se o ELNS ten vínculos directos co Consello Nacional Sirio (CNS) ou se a presunta implicación exterior se realiza a través desta inédita formación paramilitar.

O que si resulta evidente é a campaña internacional do CNS para lexitimarse como órgano político. Representantes do CNS estiveron en Moscova para pedir ao goberno ruso que non apoie ao seu tradicional aliado Bashar al Asad. Paralelamente, e mentres pedía unha intervención dos “cascos azuis” da ONU en Siria, o CNS recibiu o recoñecemento do seu homólogo libio Consello Nacional de Transición (CNT), sendo este o único órgano político internacional dun país membro da ONU que recoñece a lexitimidade do CNS. Outros movementos políticos exipcios tamén recoñeceron a lexitimidade do CNS mentres a Unión Europea declarou publicamente que este organismo supón “un paso importante” para o proceso de democratización no país árabe.

Pode igualmente considerarse que a represión militar siria estea activando indirectamente un escenario de pre-guerra civil interna, unha especie de “libanización” ou “iraquización” do escenario sirio a tenor das rivalidades sectarias, relixiosas e étnicas. Diversos grupos políticos e, posiblemente, a configuración do ELS, estea orientada a confrontar ás elites de poder do réxime de Bashar, especialmente ante o predominio da minoría aleví nas estruturas de poder burocráticas e militares.

Un paréntese na Primavera árabe

Nesta hipotética ecuación prebélica contra Siria e Irán obrigaría a EE.UU e Israel a reactivar a presión a través da Liga Árabe como plataforma que lexitime diplomática e politicamente unha intervención exterior. Igualmente, Turquía xogaría un papel clave, a pesar de que este tradicional aliado occidental e israelí veña desenvolvendo nos últimos anos un claro distanciamento cara Washington e Tel Aviv, a cambio de inserirse nunha activa diplomacia en Oriente Próximo.

O goberno turco eríxese actualmente como un dos máis críticos e acusativos contra o réxime sirio, incluso albergando a membros do Consello Nacional Sirio nunha clara estratexia de previa lexitimación deste organismo e dun posicionamento de Ankara ante unha eventual Siria post-Bashar. Paralelamente, e a pesar de subscribir en 2010 o seu apoio ao programa nuclear “pacífico” por parte de Teherán, as autoridades turcas anunciaron esta semana que desestimaban a posibilidade de construír plantas nucleares con Irán.

A perspectiva de “operacións encubertas” en Siria e Irán aceleraría unha serie de preparativos prebélicos, moi similares aos acontecidos contra o Iraq de Saddam Hussein en 1991 e 2003 e mais recentemente contra a Libia de Gadafi. O obxectivo trazaría unha transformación radical do mapa xeopolítico de Oriente Próximo, tentando colocar fora de xogo a dúas pezas incómodas para EE.UU e Israel como son Siria e Irán, nunha estratexia que igualmente derrubaría o apoio que Damasco e Teherán outorgan a actores e movementos islamitas e políticos rexionais, tales como o libanés Hizbulah e o palestino Hamas.

Con isto, EE.UU, Europa e indirectamente Israel, buscarían alterar a dinámica de cambios emanada das revolucións políticas no mundo árabe, situando os seus intereses como factores de persuasión e disuasión dirixidos a premer (ou ben derrubar) a réximes inimigos como Siria e Irán, e os seus aliados rexionais. Esta alteración trazaría unha fenda significativa na evolución desta dinámica de cambios, especialmente agora que estanse levando a cabo procesos constituíntes en Tunisia e Exipto (con escasa atención informativa occidental) e a Libia post-Gadafi se mergulla nun incerto labirinto de rivalidades e intereses, aderezados coa aparente preponderancia do ingrediente islamita “salafista”.

Non obstante, a estratéxica implicación siria e iraniana noutros escenarios de elevado risco para a seguridade rexional, como son Líbano, Iraq e en menor medida Palestina, amortecen dalgún modo os plans estratéxicos de Washington e Tel Aviv no caso dunha hipotética acción militar contra Damasco e Teherán. En todo caso, os recentes acontecementos ilustran un sinuoso escenario prebélico en Oriente Próximo.