Distribuir

Distribuir contido
20 de Setembro de 2012 Ríos

Seis Consideracións en materia de Acción Exterior

Pronunciamento ante as eleccións do 21 de Outubro

Convocados os comicios autonómicos para o próximo 21 de Outubro, o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI, considera oportuno trasladar ao conxunto da opinión pública e ás diferentes formacións que concorren neste proceso, as seguintes consideracións e propostas.

1. Úrxelle a Galicia non extraviarse dando pasos atrás en materia de acción exterior, un eido onde vén acreditando certa solvencia e estratexia e que a pesares dos seus altibaixos incorpora as definicións precisas para aquilatala e culminala con éxito a pouco que se persevere nela sen amputacións.

2. Galicia está presente no mundo con ou sen acción exterior. Contamos con valores específicos que ningún goberno central vai potenciar na dimensión necesaria nin coa sensibilidade e coñecemento precisos. Que Galicia o faga para a promoción dos seus intereses é un exercicio de responsabilidade. Por iso cómprelle a Galicia desenvolver unha acción exterior centrada na defensa e promoción dos seus intereses específicos, isto é, que parta da nosa identidade no sentido máis amplo (lingua, condición marítima, presenza empresarial, diáspora, etc.) para proxectala no mundo con afán universalizador, poñendo en valor as nosas capacidades, atributos e singularidades, cunha taxa de retorno que se traduce en autoestima pero igualmente en oportunidades de crecemento, de creación de riqueza e de emprego.

3. Evitando reducionismos e dilucións, a acción exterior de Galicia debe asumir unha dimensión integral, tanto na súa orientación como na súa estrutura. Sen menoscabo da importancia da diplomacia económica debe integrar outras potencialidades que poden reforzar o seu peso específico e gañar impacto e efectividade. Entre elas, cabe destacar o potencial da Galicia exterior, a cooperación transfronteiriza e os vínculos coa lusofonía, a promoción educativa, científica e  cultural ou a acción das institucións independentes, entre outros.

4. Impórtanos defender unha acción exterior entendida como política pública que debe preservar un liderado desa natureza sen prexuízo de instrumentar todas as formas de colaboración precisa que contribúan á defensa dos intereses xerais da nosa comunidade. En tal sentido, cómpre garantir e potenciar a participación no nivel adecuado de todos os actores interesados evitando a súa mera instrumentalización lexitimadora para favorecer tanto a cooperación leal como unha converxencia de intereses e accións que reforce a dimensión integral do noso facer no exterior.

5. Desaconséllase, por suicida, secundar calquera hipótese recentralizadora neste eido que en aras dunha demagóxica economía de recursos elimine as achegas positivas e complementarias que poida aportar, mesmo afondando na necesidade dunha acción exterior dende a política do Estado que contemple estas especificidades. Cómpren accións decididas para que a realidade autonómica, sen prexuízo das medidas racionalizadoras que proceda nas autonomías e no goberno central, tome carta de natureza no servizo exterior do estado. Suxírese a creación dunha conferencia sectorial Estado-CCAA en materia de acción exterior acompañada de medidas de recoñecemento e dignificación dos servizos exteriores autonómicos que contribúan a renovar o facer diplomático estatal.

6. Importa rexeitar aquelas concepcións que ao abeiro da crise descualifican a acción exterior como un exceso ou unha extravagancia. Pola contra, en tempos de mundialización, segue a constituír un referente indispensable para identificar e aproveitar as oportunidades nun mundo globalizado que ao mesmo tempo potencia esa diversidade da que formamos parte natural. Prescindir da acción exterior é outra forma de localismo que vai á contra da evolución da sociedade internacional, confínanos na parálise e na dependencia e limítanos nese emprendemento que tantos encomios recibe noutros eidos. Cómpre ir construíndo unha marca propia no mundo, entre todos, de xeito teimudo e coordinado. O fomento da cooperación articulada arredor de redes de consenso no interior e no exterior é a fórmula idónea para consolidar os avances. Non temos futuro como sociedade sen potenciar a acción exterior.

Illa de San Simón, 18 de Setembro de 2012

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais