Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
IGADI 12 de Novembro de 2019 Mansilla Blanco

Sen Evo

Unha caída que pecha un ciclo político
Escenarios abertos trala caída de Evo Morales en Bolivia. Foto: Axencia Xinhua (China)

Lula libre pero Evo fóra. Mentres o ex presidente brasileiro saía da prisión tras verificarse que o seu xuízo estaba “politicamente viciado”, un dos seus mais estreitos aliados, o agora ex presidente boliviano Evo Morales, renunciaba á presidencia, tras presión das Forzas Armadas motivada por semanas de mobilizacións populares contra un presunto fraude electoral realizado nos comicios presidenciais do pasado 20 de outubro. Precisamente, unha auditoría da OEA ditaminou que eses comicios estiveron “viciados de irregularidades”, debido a que resultaba “estatisticamente improbable” que Evo gañara por maioría absoluta en primeira rolda electoral.

Independentemente da interpretación e da narrativa posterior establecida en torno ás causas da súa caída (se foi ou non “golpe de Estado”), a renuncia presidencial de Evo ten implicacións determinantes dentro do contexto rexional. Sen Evo no poder, o eixe da ALBA iniciado en 2004 por Hugo Chávez e Fidel Castro certifica a súa sepultura de feito. Dese eixe, hoxe só quedan en pe Venezuela, Cuba e Nicaragua, así como outras illas caribeñas beneficiarias de PETROCARIBE. Precisamente, o actual secretario xeral da ALBA era o ministro boliviano de Exteriores David Choquehuanca, hoxe sen carteira trala renuncia presidencial.

A desarticulación deste eixe ALBA acelerábase ante os recentes cambios políticos e electorais e a comprobación do colapso económico e petroleiro venezolano, principal bastión impulsor deste eixe. O Ecuador de Lenin Correa anunciou en 2017 a súa saída da ALBA. O novo presidente salvadoreño, Nayib Bukele, acaba de romper relacións diplomáticas con Maduro, afastando ao país centroamericano de calquera proxecto asociado á ALBA. Por tanto, e á espera do que aconteza coa incerta transición post-Evo en Bolivia, a súa caída supón un simbólico final de ciclo político.

A pesar da comprobación vía OEA do oprobioso fraude electoral e das multitudinarias manifestacións populares na súa contra, non deixa de ser sorprendente a caída de Evo. No poder desde 2006, estimábase que Evo acadaba un maior poder e aceptación popular. País produtor de gas natural e litio, a Bolivia de Evo viviu un boom económico que hoxe, vista a crise postelectoral e a gran mobilización popular, semella ser cousa do pasado.

Precisamente, ese boom económico en Bolivia posibilitou a aparición dunha clase media que, ás vistas da crise actual, moi probablemente resultou decisiva para a caída de Evo. Xa en 2016, os bolivianos rexeitaron vía referendo constitucional a posibilidade de que Evo se presentara para un novo período presidencial en 2019. En 2018, Evo reformulou a súa estratexia vía Tribunal Electoral para poder postularse, acrecentando os síntomas de malestar cidadá que hoxe, en 2019, terminaron posibilitando a súa caída.

Con todo, Evo tivo cando menos a altura política e a responsabilidade de renunciar, persuadido por un contexto que se lle volvía en contra tanto nas rúas como nos cuarteis militares. Coa súa decisión, contribuíu a evitar un posible “baño de sangue” que, vista a situación actual, non deixa de ser unha perigosa posibilidade, tomando en conta que os partidarios de Evo están dispostos a rebelarse ante o que consideran un “golpe de Estado”

A renuncia de Evo pode dalgún xeito interpretarse como unha táctica cesión xa observada noutros contextos de crise rexional. Lenin Moreno fíxoo en Ecuador, negociando coa indixenista CONAIE, desactivándose así as protestas. En Chile, o presidente Sebastián Piñera veuse na obriga de convocar un proceso de reforma constitucional, principal clamor dos manifestantes (moitos deles incomprensiblemente vandálicos), e as protestas semellan ir remitindo. Antes da súa renuncia, Evo invocou unha nova convocatoria electoral. Pero o malestar xa era imparable e terminou levándoo por diante.

A caída de Evo tamén terá incidencia noutros contextos críticos, como é o caso venezolano. Tras “celebrar” o papel das Forzas Armadas bolivianas “respectando a Constitución”, o presidente Donald Trump interpretou a caída de Evo como unha “advertencia” para os outros membros da desarticulada ALBA, sendo estes Maduro en Venezuela e Daniel Ortega en Nicaragua, sen menoscabar obviamente as súas presións contra Cuba.

Pero o “capítulo boliviano” non semella estar de todo pechado. Rumbo ao seu exilio mexicano, posibilitado en gran medida polas xestións diplomáticas do próximo presidente arxentino Alberto Fernández, Evo anunciou que volverá “con mais forza e enerxías”. Como sexa, a súa caída pecha un prolongado ciclo político, á espera de observar se outro ciclo, probablemente mais volátil e incerto, estaría por formarse na rexión.


 


 


 

 


 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais