Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
30 de Xuño de 2020 VV.AA.

Sen tradución non hai Acción exterior galega

Por Silvia Montero Küpper. Este artigo fai parte do Nós No Mundo 2019-2020 "A paradiplomacia galega na nova normalidade"
Nós No Mundo 2019-2020

A tradución non está restrinxida a unha suposta dualidade textual entre unha lingua de partida e unha lingua de chegada. Pois, como calquera comunicación, trátase dunha acción social e forman parte dela a súa recepción intencionada como produto da industria cultural, as editoriais, os produtos cinematográficos, a dobraxe, as intérpretes etc. Atinxe os ámbitos económico, político ou cultural nos que participa como medio de comunicación interlingüístico e intercultural. O papel da comunicación transcultural resulta, así mesmo, relevante nos medios de comunicación polo carácter globalizador que a información e a propia prensa adquiren, xa que conforman a visión e o entendemento dos feitos e do mundo. É dicir que a tradución nos coloca no mundo e acaba sendo un factor fundamental para as sociedades.

Nun mundo cada vez máis globalizado, no que as relacións internacionais forman parte do noso día a día, e a pesar da preponderancia do inglés como lingua franca, a tradución está na base do funcionamento da economía mundial. O éxito das negociacións económicas, culturais e políticas depende da calidade da comunicación transcultural que lle ofrecemos ós socios ou ás interlocutoras.

As distintas culturas teñen diferentes maneiras de se comunicar, nas que as formas e fórmulas de cortesía, por poñer un exemplo, a miúdo non coinciden. Os actos de fala, as  palabras superpostas ou os silencios non teñen o mesmo valor en España e Alemaña ou China. A interpretación ou tradución intercultural realizada por mediadoras profesionais, sexa na fase de negociacións, for na de publicitación dun produto, favorece decididamente a internacionalización das empresas.

Nun estudo sobre sitios web de PYMES andaluzas, levado a cabo por investigadoras da Universidade Pablo de Olavide en Málaga, descubriron importantes eivas en relación á calidade da localización (i.e. a adaptación lingüístico-cultural), feito que repercute na efectividade da internacionalización destas empresas (Calvo & Reguera, 2017). Non manexamos datos obxectivábeis no que á xestión intercultural das empresas galegas se refire, mais opinamos que se require unha moito maior sensibilización neste sentido para non prexudica-los nosos produtos e marcas. Outorgarlle máis relevancia á tradución revélase, polo tanto, máis que pertinente.

No caso da tradución literaria, adoita recoñecerse  o papel constitutivo que esta desempeña para unha cultura ou a persistencia da súa identidade. É rara a sociedade ou sistema cultural que non teña contactos internacionais e intercambios que se basean na tradución de textos literarios. A internacionalización dos bens culturais a través da tradución de textos literarios e de divulgación, da creación de subtítulos para filmes etc. adoita estar integrada nas políticas culturais e así mesmo na política de comercio exterior. Estímase que a tradución é un elemento estratéxico para reforza-la visibilidade dunha sociedade nun contexto internacional (cada vez máis globalizado). Ademais, a venda de dereitos de tradución reverte de xeito positivo no sector do libro. No Estado español, por exemplo, un dos cometidos do ICEX é a promoción e venda de dereitos editoriais fóra do Estado como estratexia de internacionalización da industria do libro español (véxase New Spanish Books). Segundo a Federación de Gremios de Editores en España, en 2018, a venda de dereitos xa supuña uns 71 millóns de euros e amosa unha tendencia ascendente. Porén, só unhas poucas editoras galegas participan nesta contía xa que o tamaño destas empresas non permite investir en dereitos de explotación e tradución.

Unha lograda proxección internacional da propia cultura incide no desenvolvemento social e económico da sociedade; for esta hexemónica, for subalterna. Sabemos que para unha cultura subalterna como a galega, a tradución (en termos de importación e exportación) cumpre unha especial función na reconfiguración do sistema cultural. O que nos ensina o caso galego, é que a tradución de textos literarios desde e sobre todo cara ó galego non só repercute no ámbito cultural mais tamén incide na acumulación de capital económico e simbólico (p. e. en termos de visibilización externa como cultura propia). A incorporación de textos literarios e non literarios neste sistema implica, por unha banda, un paso cara á normalización cultural galega. A recepción da propia cultura por outras sociedades, pola outra banda, favorece que se vexan recoñecidas e reforzadas a identidade, a lexitimidade para o intercambio cultural así como a transmisión de ideas e produtos.

Algúns datos globais da edición e tradución en Galicia

 

Porcentaxe de libros editados en galego sobre a edición total no Estado español 2008-2018

 

2008

2009

2010

2011

2012

2013

2014

2015

2016

2017

2018

2,6 %

2,1 %

2,4 %

2,0%

1,7 %

1,7 %

2,1 %

1,9 %

1,5 %

1,5 %

1,7 %

Fonte: Ministerio de Cultura

Porcentaxe de títulos traducidos ó galego sobre a produción total do libro en galego 2008-2018

 

2008

2009

2010

2011

2012

2013

2014

2015

2016

2017

2018

19 %

19,5 %

24,2 %

27,1 %

14,4 %

13,2 %

12,7 %

8 %

11,9 %

11,9 %

14,1 %

Fonte: Ministerio de Cultura

Cronoloxía da tradución literaria do galego ás linguas do Estado e a outras linguas (“Exportación”), así como ó galego (“Importación”) 2008-2017 (Fonte: BITRAGA)

Semella obvio que Galicia aínda carece de suficiente visibilidade no panorama internacional e que o esforzo para poder contar cunha necesaria recepción fóra do país e do Estado require políticas de apoio especiais. Mais estas accións teñen que transcende-las habituais políticas que buscan superar trabas económicas. Para poder acadar certa sustentabilidade convén reforzar ademais apoios de índole política e loxística, orientados á visibilización e á preservación do propio espazo cultural e literario, independente do efecto hexemonía que exercen os memes e as estruturas arraigadas das industrias culturais españolas. É fundamental que quen configure as políticas de internacionalización sexa consciente que a imaxe que obtemos dunha sociedade tamén se conforma a través das traducións e que a imaxe que obtemos do outro depende da posición ou relación de poder que ostenta unha cultura con respecto a outras. Lembremos tamén que as políticas públicas ostentan as competencias e posibilidades para intervir nestas relacións. Neste sentido, unha estratexia de política de internacionalización a través da tradución debe procurar combina-lo incentivo económico co fortalecemento da autoimaxe e do autoconcepto dunha sociedade  —un mecanismo que, como é sabido, contribúe á sustentabilidade das diferentes culturas. Remito neste contexto á xornada A internacionalización do libro galego de 2018  (org. pola Comisión de Acción Exterior do CCG en colaboración coa AGE, coord. por Xosé Ballesteros) e á xornada A internacionalización da literatura galega en tradución ao inglés que tivo lugar en 2019 no CCG (coord. por O. Castro, L. Linares e D. Vilavedra) que nas súa conclusións recalcan na importancia das feiras do libro e concretan propostas de acción para promove-la exportación do libro galego.

 

Sen ánimo de querer simplifica-las relacións interculturais, convén destacar que a tradución literaria é unha das principais ferramentas para fomenta-la convivencia (pacífica e mutuamente proveitosa) de diferentes culturas, dando a coñecer diferentes maneiras de pensar e actuar. A propia Unión Europea cita nas súas convocatorias de programas culturais como Ariane e Cultura (Europa Creativa), a mutua comprensión e aproximación das culturas como obxectivo das súas políticas culturais e de tradución.

A tradución bríndanos un acceso para nos inserir na respectiva cultura ‘importada’ dende outro espazo ou tempo, sen necesidade de se apropiar dela e ‘domesticala’. Deste xeito, a recepción de textos doutras culturas convértenos en partícipes do alleo ou descoñecido.

Estas reflexións lévannos a considera-la tradución un acto de descubrimento, deixando nun segundo plano a perspectiva cuasi materialista da tradución como produto do que nos apoderamos para incorporalo ó noso sistema cultural. A tradución ofrécenos a posibilidade de coñecer e entender outras culturas, así como de ampliar horizontes ou traspasar fronteiras e convértenos en cosmopolitas (weltbürger) cunha actitude crítica e aberta. Lembramos neste contexto un obxectivo recollido no proxecto da Lei de acción exterior: “impulsarase a cultura da solidariedade internacional e a conciencia de cidadanía global na sociedade galega e promoverase o europeísmo e unhas relacións internacionais baseadas na paz e na xustiza” (p. 4). Este impulso non é factible sen tomarmos en conta a tradución, porque ela favorece decididamente o diálogo e posibilita traspasar fronteiras culturais.

A internacionalización da cultura galega co apoio e a través da tradución debería ser un dos eixos da acción exterior de cara ó desenvolvemento socioeconómico da sociedade galega e da súa sustentabilidade cultural e intelectual. Por isto sería conveniente que se valorase con máis ímpeto o traballo das intérpretes, tradutoras, editoriais entre outros e que se revisen as políticas de tradución e interpretación nun diálogo cos axentes involucrados. 

Resultaría asemade vantaxoso habilitar tradutoras e intérpretes xuradas en diversas linguas. A día de hoxe, no rexistro da Xunta de Galicia só figuran tradutoras e intérpretes xuramentadas para as linguas castelá, francesa e inglesa (as últimas probas convocáronse en 2009). Neste contexto tamén salta á vista que a firma dixital nestes documentos non ten validez legal e que aínda é obrigatorio entregar as traducións xuradas en formato físico. Tal vez a actual situación de confinamento pola covid-19 se converta nun aliciente para actualizar este ámbito profesional cuxas actividades son, a miúdo, imprescindibles para pechar un contrato ou para poder optar a un posto de traballo.

Para finalizar, e volvendo ó contexto de tradución editorial, sinalo as posibilidades que nos ofrece a Feira do Libro de Frankfurt 2021, na que España será invitada de honra. Non podemos ficar á espera de que nos descubran, temos que actuar de maneira proactiva de querermos que a globalización económica e cultural acabe por ser unha situación win-win.

Os limites da miña lingua non precisan se-los limites do meu mundo, como dicía Wittgenstein, sempre que saiba traducirme para o mundo e o mundo para o que é meu. 

Este artigo fai parte do Nós No Mundo 2019-2020 "A paradiplomacia galega na nova normalidade" Descarrégao aquí.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais