Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza Pública (Galicia) 17 de Setembro de 2015 Mansilla Blanco

Siria e o novo status quo

Vladimir Putin e Abdel Fatah al Sissi durante a visita do presidente exipcio a Rusia en agosto pasado

Cunha crise de refuxiados sirios en Europa, os actores internacionais máis vinculados ao conflito sirio, en especial EUA, Rusia e Irán, comezan a deseñar un sórdido xogo de intereses dentro do complicado taboleiro xeopolítico en Oriente Próximo, onde Siria ocupa o epicentro de atención, anunciando así un novo pero incerto status quo rexional. O deseño de novas e inesperadas alianzas por mor da configuración de intereses creados en torno ao conflito sirio retrotrae na actualidade toda serie de dilemas trazados ao comezo do conflito que desangra ao país árabe desde 2011, en particular no referente ao futuro do réxime de Bashar al Asad e as consecuencias xeopolíticas do presumible novo status quo rexional.

As declaracións realizadas a semana pasada polo chanceler ruso Serguei Lavrov de manifestar o apoio de Moscova ao réxime de Bashar al Asad en Siria na súa loita contra o Estado Islámico e outros grupos yihadistas, en particular a Fronte Al Nusra, parece deixar entrever que algo esta movéndose no tráxico crebacabezas sirio. Neste sentido, o presidente ruso Vladimir Putin estaría afianzando esforzos para crear unha conferencia internacional de paz para Siria, toda vez diversas informacións aínda non confirmadas establecen un aparente incremento da cooperación militar entre Moscova e Damasco, coa finalidade de loitar contra o Estado Islámico.

Esta posición do Kremlin semella levemente intuír unha reacción á decisión do presidente francés François Hollande de utilizar drones para atacar posicións do Estado Islámico en Siria. Con todo, o contexto actual anunciaría cómo Europa, sacudida pola peor crise humanitaria da posguerra en relación á masificación dos refuxiados sirios, tenta adiantar iniciativa claramente deseñada dende Washington vía OTAN e Alianza Atlántica, a tenor das posibilidades de amplitude dunha segunda fase da ofensiva trazada en novembro pasado polo presidente Barack Obama, dentro do seu plan para Siria, orientado a acabar non só co Estado Islámico senón tamén co réxime de al Asad.

Putin move as súas pezas

A eventual caída do réxime de al Asad é interpretada dende Moscova non só como un paso atrás no relativo aos seus intereses estratéxicos rexionais senón como o apéndice dun caos xeopolítico de maior amplitude en Oriente Próximo. Esta perspectiva semella igualmente aceptada polos aliados rexionais rusos, en particular Irán pero igualmente por parte dun novo socio xeopolítico, militar e económico como é o Exipto baixo o represivo réxime militar establecido polo xeneral Abdel Fatah al Sissi desde o golpe de Estado contra o goberno islamita en xullo de 2013.

Durante unha visita a Moscova a finais de agosto, al Sissi, quen foi elixido como presidente exipcio a mediados de 2014, concretou con Putin diversos acordos estratéxicos en materia enerxética, xeopolítica e militar. Durante esta visita, Putin propuxo a Exipto como membro asociado á Unión Económica Euroasiática que Moscova impulsa con Kazajstán, Armenia, Belarús e Kirguizistán(1).

Igualmente, o mandatario ruso anunciou que o seu país colaborará con Exipto na construción dunha planta nuclear, toda vez Rusia ansía posicionarse con forza nos proxectos de desenvolvemento e ampliación da Canle de Suez, concibido como un proxecto de gran calado estratéxico para Exipto. Paralelamente, o Kremlin semella observar a Exipto como un novo socio militar ante as dificultades de mantemento do réxime sirio, en particular pola repercusión que un cambio político abrupto e radical en Damasco signifique unha alteración estratéxica para Rusia, con especial incidencia no mantemento da base militar rusa establecida na localidade mediterránea siria de Tartus.

Non se debe esquecer que Putin foi o primeiro mandatario internacional en visitar a al Sissi tras o golpe militar de 2013(2), nun momento en que Occidente mantiña unha actitude distante cara o novo réxime no Cairo, sancións internacionais mediante. Nesa conxuntura, al Sissi só mantiña o apoio tácito de Israel, Arabia Saudita e Qatar. Se ben posteriormente EUA e Europa avaliaron ao réxime militar de al Sissi, pasando por alto as violacións aos dereitos humanos coa represión contra os islamitas, Moscova xa tiña asentado un pe estratéxico como novo socio do réxime exipcio.

Coas expectativas trazadas nesta eventual apertura dun eixe entre Moscova e O Cairo, Rusia e Irán fortalecen a súa cooperación tras anunciar a súa respectiva axuda militar ao réxime de al Asad, cuxas posicións militares vense cada vez mais limitadas a manter o seu cerco en torno á capital Damasco e outras provincias do oeste sirio, en particular a provincia de Latakia, de maioría alauíta, comunidade confesional que sostén ao clan al Asad dentro do complexo mosaico sectario sirio. Neste sentido, os alauítas, con pouco mais do 10% da poboación siria, mantén determinadas alianzas con outras comunidades sunnitas e xiítas atemorizadas polo avance do Estado Islámico e da fronte Al Nusra.

Paralelamente, outros aliados do réxime de Bashar al Asad, como é o caso do grupo islamita libanés Hizbulah, semellan igualmente decididos a tomar partido dentro do conflito sirio a través dunha maior determinación de loita contra os yihadistas do Estado Islámico e de Al Nusra. Este contexto suxire igualmente advertir toda serie de complexas perspectivas e rivalidades existentes no seo das diversas faccións do islamismo político a nivel rexional.

Os (des) equilibrios estratéxicos

En perspectiva, a inestabilidade siria afecta escenarios veciños como Líbano e Iraq, con  complicados mosaicos étnicos e confesionais, e onde diversos actores externos pulan por manter intactos os seus intereses estratéxicos. Independentemente do que suceda co Estado Islámico e o propio réxime de al Asad, o crebacabezas sirio eventualmente implica predicir unha partición de feito do país árabe, razón pola que as potencias externas están xogando as súas cartas para conformar un novo status quo rexional.

Neste sentido, Arabia Saudita, Turquía, Qatar e indirectamente Israel, estarían apostando por evitar unha maior influencia rusa e iraniana en Siria que signifique un desequilibrio do status quo rexional, onde Teherán poida sacar beneficios xeopolíticos.

Este aspecto inclúe a perspectiva de qué facer cos refuxiados sirios que foxen dun conflito que provocou máis de 250.000 mortes desde 2011. Por tomar un exemplo: a negativa oficial das “petromonarquías” do Golfo Pérsico, en particular Arabia Saudita, Kuwait, Qatar, Emiratos Árabes Unidos e Bahrein, de acoller a refuxiados sirios, a diferenza doutros países que se viron desbordados pola afluencia destes refuxiados, en particular Turquía, Líbano e Xordania, creou un nivel de indignación no mundo árabe, en particular a través das redes sociais, ferramenta chave de difusión de ideas, tal e como se viu na degradada Primavera árabe que curiosamente tivo en Siria un bastión simbólico de expresión cando comezou o conflito en 2011.

Malia enviar fondos caritativos, as “petromonarquías” lexitiman a súa posición de non aceptar refuxiados sirios ante os presuntos temores de desequilibrio demográfico dentro dos seus respectivos países, así como pola presunta infiltración de grupos radicais entre os refuxiados, o cal podería intensificar aínda máis conflitos seculares dentro do mundo islámico, en particular o existente entre as comunidades sunnitas e xiítas.

Uns temores intuídos por Turquía, un dos países que conta con maior cantidade de refuxiados sirios, aproximadamente dous millóns de persoas. Entre outras razóns, o goberno de Recep Tayyip Erdogan, sumido nunha forte crise política con expectativas electorais en portas, tenta evitar un reforzamento das milicias kurdas espalladas desde o Norte de Iraq e o sueste turco ata Siria.

Esta milicias kurdas alcanzaron notables éxitos na súa loita contra o Estado Islámico, tal e como se viu fai uns meses pola súa resistencia na localidade de Kôbane, ao norte sirio fronteirizo con Turquía. No fondo, Ankara quere evitar un reforzamento xeopolítico da causa kurda que eventualmente procree a posibilidade de dar curso a unha tentativa soberanista independente, tomando en conta a indefinición de posicións dentro do conflito sirio, alterando así os intereses xeopolíticos turcos. Velaí a renovación da loita contra a guerrilla kurda do PKK, anunciada por Erdogan en agosto pasado.

Pola súa banda, o primeiro ministro israelí Benjamín Netanyahu, fixo causa común coas “petromonarquías” ao declarar que o seu goberno non aceptará refuxiados sirios debido ao “perigo de radicalización interna” dentro do igualmente complexo mosaico étnico e confesional existente entre Israel e Palestina. No fondo, a preocupación de Tel Aviv igualmente tradúcese en factores de equilibrio demográfico que poñan en perigo a supremacía xudía a nivel estatal.

Resulta igualmente curioso o feito de que, a diferenza de al Qaeda, considerado como o seu rival no corazón do yihadismo rexional, o Estado Islámico nunca lanzou algunha ofensiva, verbal ou terrorista, contra obxectivos israelís, así como tampouco proclamou publicamente o seu apoio á causa palestina. Unha posición levemente similar á dun Netanyahu que a penas realizou declaración algunha sobre o Estado Islámico, que permita intuír en qué medida o grupo yihadista é unha ameaza real para o Estado israelí. Estas perspectivas fortalecen as especulacións cunha irónica e indirecta conxunción de intereses entre Israel e o Estado Islámico, no sentido de debilitar a integridade estatal siria, tradicional inimigo histórico israelí, e en particular do réxime de al Asad.

Doutra banda, Irán comeza a observar que a súa posición diplomática e xeopolítica pode claramente aumentar a súa capacidade de influencia a nivel rexional, en caso de lograr crear un marco de actuación contra o Estado Islámico, facendo causa común cos obxectivos occidentais.  Todo iso axuntado aos avances do pacto nuclear alcanzado en xullo pasado en Viena e as expectativas dunha hipotética apertura de relacións con EUA, toda vez en Teherán proliferan as misións diplomáticas e de negocios por parte de países occidentais, particularmente europeos, coa finalidade de aproveitar as vantaxes de apertura do mercado enerxético iraniano.

O ascenso emerxente de Irán está creando unha forte polarización a nivel rexional, en particular con respecto a Arabia Saudita, Qatar e Israel, cuxas posicións comezan a cohesionarse en torno a recrear unha especie de fronte anti-iraniano en Oriente Próximo.

No apartado de Exipto, o réxime de al Sissi sempre observou a Irán como unha ameaza a súa seguridade, en particular pola afinidade de intereses entre Teherán e a Irmandade Musulmá que gobernou Exipto entre 2012 e 2013. Con todo, o marco de cooperación entre Exipto e Rusia pode significar, a mediano prazo, un eventual temporizador das relacións entre O Cairo e Teherán, dentro da estratexia rusa por adiantar alternativas estratéxicas en Oriente Próximo ante a cada vez menor influencia occidental, e particularmente estadounidense, na rexión.

Esta mesma perspectiva obsérvase no diletante e non menos incerto achegamento entre Rusia, Arabia Saudita e Qatar, en principio motorizado polas perspectivas do mercado petroleiro. A eventualidade dunha apertura entre Washington e Teherán crea fortes preocupacións en Riad e Doha, tomando en conta a alteración do equilibrio estratéxico entre rivais aparentemente irreconciliables como son Irán, Arabia Saudita e Qatar, incluíndo ás demais “petromonarquías” do Golfo Pérsico, que recrean o secular e histórico conflito entre xiítas e sunnitas dentro do mundo islámico.

A intervención militar saudita en Iemen está claramente orientada a frear as perspectivas de que Teherán gañe posicións neste enclave estratéxico entre o Golfo Pérsico e o Golfo de Adén, tomando en conta os contactos iranianos coa comunidade houtí iemenita actualmente no poder. Por tanto, está por ver se Moscova ten a capacidade suficiente para contemporizar as rivalidades existentes entre Irán e o “eixe sunnita” aparentemente liderado por Arabia Saudita, Qatar e Exipto, en aras de crear un novo status quo rexional ante as expectativas de retirada xeopolítica e militar por parte de EUA.

Neste sentido, Rusia semella xogar a carta siria como reválida do que considerou como a intromisión occidental, vía Washington e a OTAN, en Ucraína e a periferia xeopolítica rusa desde a caída da presidencia de Viktor Yanúkovich en Kiev (febreiro de 2014). Moscova ten fortes intereses xeopolíticos en Siria, país que é socio militar e enerxético ruso, ademais de albergar a única base militar rusa no Mediterráneo, a do porto sirio de Tartus, que prové de abastecemento á Mariña rusa.

A anexión rusa de Crimea en marzo de 2014 como consecuencia do conflito ucraíno, revitalizou históricas teses xeopolíticas rusas de apertura de canles de comunicación entre o Mar Negro, o Mediterráneo e Oriente Medio. Isto intensificou o nivel de relacións entre Rusia e Turquía, feito que crea preocupación en Washington, Europa e a OTAN, recreando así un clima de “guerra fría” en plena degradación do interregno da “posguerra fría” iniciada trala desintegración do campo soviético.

A conxunción de intereses entre Rusia e Turquía desde 2012 permitiu igualmente ampliar as expectativas de autonomía turca dos imperativos xeopolíticos atlantistas, tomando en conta o consecuente achegamento de Ankara cara China e as bases de cooperación establecidas anteriormente por Erdogan con Irán. Dentro da complexa rede de alianzas e rivalidades existentes con crebacabezas de Oriente Próximo, Putin deberá igualmente nivelar as friccións establecidas entre Turquía e Exipto desde o golpe militar de al Sissi contra a Irmandade Musulmá, movemento que mantén fortes afinidades co partido islamita turco AKP de Erdogan, no poder desde 2003.

A pregunta: qué facer con Bashar al Asad?

Aínda que a posición turca á hora de manter a Bashar al Asad no poder en Damasco non comulga completamente cos intereses rusos, o Kremlin acelera os seus contactos con Teherán á hora de conxuntar intereses xeopolíticos orientados a tentar manter ao réxime de Bashar al Asad en pé, aínda que non se sabe si con el mesmo como presidente ou ben apostando por outros actores.

No marco dos recentes movementos de Putin para concretar unha especie de Plan Siria que desestime o plan Obama de finais de 2014, o propio Bashar al Asad anunciou a súa intención de negociar con actores non radicais dentro do complexo conglomerado da oposición siria, nunha clara intención por gañar tempo e aliados, sempre baixo o amparo de Moscova e Teherán.

Pero aínda que estas opcións xa foron trazadas infrutuosamente no pasado, as interrogantes do contexto actual son diametralmente similares das que se formularon en febreiro de 2011, cando comezou a guerra en Siria. A crise de refuxiados sirios en Europa e o fait accompli ilustrado no reforzamento do Estado Islámico como actor non estatal con cada vez maior dimensión rexional, volveu a colocar no centro do tapete a pregunta inicial de 2011, cando estalou o conflito sirio: qué facer co réxime de Bashar al Asad? 

 

 



(1) “Putin and Sissi pledge to boost Russia-Egypt ties”, Al Jazeera, 27 de agosto de 2015. Ver en: http://www.aljazeera.com/news/2015/08/putin-sisi-pledge-boost-russia-egypt-ties-150826201113441.html Consultar  tamén: “Putin y Al Sisi: afinidad y eje político”, esglobal, 10 de setembro de 2015. Ver en: http://www.esglobal.org/putin-y-al-sisi-afinidad-y-eje-politico/

 

(2) “Putin and Sissi pledge to boost Russia-Egypt ties”, op.cit. 

 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais