Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza 13 de Agosto de 2013 Ríos

Snowden non é George Blake

Despois de máis dun mes na zona de tránsito do aeroporto moscovita de Sheremetievo, as autoridades rusas decidiron conceder a E. Snowden asilo temporal  por un ano. Nos seus cálculos están fóra de lugar as consideracións humanitarias ou sequera o compromiso mínimo co ideario e os valores que sustentan o loable proceder de Snowden. Alén do relativo interese nas informacións que o ex analista da CIA poida facilitar, o caso permitiulle a Putin gañar estatura internacional nun tempo en que os seus teimudos intentos de proxectar unha imaxe de gran potencia semellaban condenados ao fracaso ao centrárense prioritariamente na presunta excelencia da súa industria militar e nunha política exterior errática. Non conceder o asilo evidenciaría a súa submisión e frouxidade ante as presións estadounidenses, sería recoñecer a súa impotencia e erosionar indefectiblemente aquel presunto capital político baseado na exaltación da “gloria” rusa. Por iso mesmo, a situación de Snowden en Rusia semella fráxil e de escaso futuro, á espreita do que diten as comenencias do momento. No fondo, as autoridades rusas concordan coas estadounidenses en que a acción de Snowden só contenta aos “revolucionarios radicais”. Xa non todo o que prexudica a EUA beneficia proporcionalmente a Rusia como nos tempos da URSS. Non é o mesmo que cando o ex espía británico George Blake, dobre axente ao servizo da URSS, lograba fuxir en 1966 dun cárcere británico onde cumpría unha longa condena por traizón, e chegar ata a URSS. O Kremlin estará imaxinando a forma de desfacerse de Snowden canto antes.

O impacto deste caso nas relacións ruso-estadounidenses tamén está a ser limitado por ambas as dúas partes. Pese á suspensión do cumio Putin-Obama previsto para os días 3 e 4 de setembro, o pasado venres, na xuntanza 2 + 2 (ministros de defensa e de exteriores de ambos os dous países), constatouse a vontade de evitar retrocesos nas relacións bilaterais, de por si estancadas tralo intento de “reinicio” promovido en 2009 con escasos resultados. Moscova mantén o convite a Obama e di que o cumio foi “aprazado”. Por outra banda, viñan de reunirse en xuño último en Irlanda do Norte, no marco do cumio do G-8. E volverán a verse no cumio do G-20 en San Petersburgo, en setembro.

Obama alegou “falta de progresos” nos diferentes dosieres das relacións bilaterais e eludiu a “decepción” causada polo caso Snowden. Algo tiña que facer para contentar aos republicanos. Pese a todo, a Casa Branca desautorizou novamente as voces que xa viñan reclamando en Washington o boicot aos Xogos de Sochi 2014 pola adopción da lei que prohibe a propaganda homosexual entre menores. Moscova e Washington necesítanse mutuamente en cuestións clave da seguridade internacional, dende Afganistán ata Corea do Norte ou Siria e Irán, con quen o Kremlin está a punto de pechar un acordo para a construción dunha segunda central nuclear. Rusia dificilmente fará concesións en tanto non logre maiores garantías na súa seguridade estratéxica no marco do escudo antimísiles que proxecta Washington con apéndices navais nos mares de Barents e no Báltico e que, sobre todo, representa un gran dique político para impedir o achegamento entre Rusia e a submisa UE. As posicións están moi afastadas en asuntos como a entrada de Xeorxia na OTAN.

A realidade, por outra banda, empuxa a ambas partes noutra dirección. Aínda que moi por baixo da súa potencialidade, os datos do comercio exterior ruso revelan o crecente peso de China nas súas relacións económicas (que contrasta coa escasa motivación do comercio bilateral con EUA), converténdose xa no seu primeiro socio comercial, por diante de Alemaña ou Holanda. Beijing esquivou o caso Snowden para non danar as relacións con EUA, prioritarias en calquera circunstancia e cun nivel de interdependencia económica que tempera a potencialidade da confrontación política. Estes días, China e Rusia culminan nos Urais unhas importantes manobras militares no marco da Organización de Cooperación de Shanghai, impensables hai poucos anos.

Washington é consciente de que un maior distanciamento de Moscova significa que Rusia pode verse tentado de reforzar os vínculos con Beijing, o seu principal rival estratéxico. O contacto de Putin con Xi Jinping é moito mais fluído co que mantén con Obama. Cabe lembrar que a primeira viaxe oficial ao estranxeiro de Xi Jinping foi a Moscova e o primeiro destino de Putin trala súa reelección foi Beijing. As prioridades de ambos os dous parecen claras, confabulados para facer contrapeso á actitude de EUA e os seus aliados sen chegar ao enfrontamento aberto pero defendendo con contundencia a non intromisión nos asuntos internos doutros países. China, por outra banda, permítelle a Rusia compensar a caída da demanda enerxética de Europa ofrecendo un suculento mercado. Esta fin de semana representantes de ambos países reuniranse en Moscova para consultas sobre seguridade estratéxica. O desenvolvemento da próxima reunión do G20 pode enviarnos algunha mensaxe sobre a probable evolución desta diplomacia trilateral.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais