Surrealismo en Caracas

A tensión hemisférica causada polo súbito agravamento da crise venezolana contextualiza un escenario de punzantes pulsos e (des) equilibrios que, a nivel rexional, vense manifestando polo recente cambio de ciclo político. O choque de poderes en Venezuela provocado polas tentativas de monopolización de poder por parte do presidente Nicolás Maduro, non deixa de ter certa similitude coa repentina violencia política presentada en Paraguai ante as expectativas reeleccionistas do presidente Horacio Cartes. Crises ambas que non escapan á previsible atomización política ecuatoriana, particularmente tralo triunfo electoral pola mínima do “post-correísmo” en mans de Lenín Moreno, e as tentativas opositoras de impugnar ese proceso electoral. 

Liñas de investigación Relacións Internacionais
Apartados xeográficos Latinoamérica
Idiomas Galego

A tensión hemisférica causada polo súbito agravamento da crise venezolana contextualiza un escenario de punzantes pulsos e (des) equilibrios que, a nivel rexional, vense manifestando polo recente cambio de ciclo político. O choque de poderes en Venezuela provocado polas tentativas de monopolización de poder por parte do presidente Nicolás Maduro, non deixa de ter certa similitude coa repentina violencia política presentada en Paraguai ante as expectativas reeleccionistas do presidente Horacio Cartes. Crises ambas que non escapan á previsible atomización política ecuatoriana, particularmente tralo triunfo electoral pola mínima do “post-correísmo” en mans de Lenín Moreno, e as tentativas opositoras de impugnar ese proceso electoral. 

O contexto rexional anuncia así un (re) equilibrio de forzas basicamente propiciado pola fragmentación e a erosión das recentes hexemonías políticas gobernantes a nivel rexional. A consecuencia debe observarse o automático efecto propiciado polo ascenso de movementos opositores reaccionarios igualmente atomizados, pero que inevitablemente traducen unha nova cartografía política, presta a potenciarse nas próximas citas electorais.

No trasfondo visualízase igualmente en qué medida a crise socioeconómica propicia esta reestruturación política, aspecto moito mais perceptible no caso venezolano. A posibilidade dunha crise humanitaria en Venezuela e as súas implicacións a nivel hemisférico pulsan outra variable estratéxica dentro desta crise: hiperinflación, escaseza alimentaria, disfuncións dos servizos públicos e drama sanitario que derivan nun éxodo migratorio cada vez mais intenso e grave.

Dentro deste contexto, a crise venezolana apréciase como a mais preocupante a nivel hemisférico e a que mais riscos afronta para os países veciños. A tentativa de atrincherarse no poder por parte da presidencia de Maduro vía Tribunal Supremo de Xustiza (TSX) e, particularmente, a inesperada reacción contraria ao mesmo tanto dentro das filas do “post-chavismo” como da por parte dunhas forzas opositoras convencidas a tomar accións de rúa, anuncia a apertura da fase mais intensa dentro da crise crónica que afronta a polarización venezolana.

Unha crise que xa leva instalada no seo da Organización de Estados Americanos (OEA), e cuxa evolución pode dar un súbito cambio ante os recentes acontecementos. A reacción internacional contraria a esta medida, en especial os persistentes cualificativos de “golpe de Estado”, de “autogolpe” e de “ditadura” proferidos contra Maduro, moi probablemente persuadiron a un cambio na correlación política posterior, e que influíron na súbita decisión de Maduro de instar ao TSX a dar marcha atrás a estas sentencias.

“Auto” e “contra” golpe

A insólita decisión do TSX a través das sentencias 155 e 156 de asumir as funcións do poder lexislativo personificado nunha Asemblea Nacional dominada pola oposición, ilustra ese choque de poderes que pode reconfigurar o campo político venezolano. A inmediata reacción a esta inédita decisión motivou igualmente outra inesperada saída: o propio TSX e o goberno de Maduro deron marcha atrás á medida dous días despois.

Os inmediatos termos comparativos, algúns deles improbables, con experiencias anteriores (Alberto Fujimori en Perú en 1992; Boris Ieltsin en Rusia en 1993; Daniel Ortega en Nicaragua en 2015) realizados desde os mass media cara esta especie de “autogolpe post-moderno” de Maduro vía TSX, simplifica un achegamento da realidade moito mais complexo.

Con todo, e pola súa efectividade, o exemplo nicaraguano semellaba ser revelador á hora de observar o que está sucedendo en Venezuela. Pero os resultados desta bufa e surrealista tentativa de Maduro vía TSX e as reaccións posteriores dificultan analizar a realidade venezolana nun contexto similar á ocorrida en Nicaragua.

A recente decisión (30 de marzo) do TSX de asumir as funcións lexislativas propias da Asemblea Nacional venezolana non só supón un descoñecemento da división, do equilibrio de poderes e da soberanía popular manifestada nas autoridades electas para o poder lexislativo, senón que coloca nunha difícil situación calquera iniciativa de diálogo, desacreditando particularmente a misión Zapatero vía UNASUR e os esforzos negociadores do Vaticano.

Se ben o TSX e Maduro finalmente deron un paso atrás nesta insólita decisión (que o propio Maduro confesou que descoñecía, atizando aínda mais a confusión e estupor), anunciando a posibilidade de reactivar un diálogo golpeado e desacreditado, a mesma moi probablemente foi motivada polo oprobio e rexeite internacional causado por esta medida que, no plano interno, foi secundada polo público desmarque por parte da Fiscal Xeral da República, Luísa Ortega, argumentando a ruptura constitucional, así como da negativa da Asemblea Nacional a aceptar esta medida. Tampouco se descartan as posibles fisuras dentro do “post-chavismo” manifestadas contra esta medida, ou incluso a presión militar.

Compre por tanto considerar como providencial a súbita aparición da fiscal Ortega condenando a ruptura constitucional da medida TSX de Maduro. Se ben posteriormente foi recibida por Maduro, Ortega non asistiu ao Consello de Defensa da Nación organizado polo presidente venezolano, no que esixiu ao TSX que “rectificase” as sentencias 155 e 156. Igualmente, o silencio do ministro de Defensa, xeneral Vladimir Padrino López, evidencia a posible negativa do estamento militar cara estas sentencias.

Nun momento en que a crise venezolana decídese a nivel hemisférico vía OEA, a tentativa de “autogolpe” de Maduro a través do TSX e a confusión posterior, encara unha fuxida cara diante que radicalizará a de por si tensa e imprevisible crise venezolana. A Asemblea Nacional acelerará os procedementos para a destitución dos maxistrados do TSX, un aspecto que evidencia en qué medida o impasse institucional e o choque de poderes establecido entre a Asemblea, o TSX e agora a Fiscalía erosionará aínda mais o complexo marxe de manobra de Maduro.

Toda vez, a petición opositora de intervención e de definición de posicións por parte dunha Forza Armada Nacional Bolivariana (FANB) ata agora bastión de apoio da lexitimidade presidencial de Maduro, determina unha crise que entra nun rueiro sen aparente saída, e que pode decatarse violentamente ante os anuncios da oposición de accións de rúa contra o denominado “Madurazo” e a presumible represión gobernamental.

Non obstante, a balanza pode desequilibrarse a través da presión internacional contra Maduro. Perú retirou o seu embaixador en Caracas, toda vez Brasil e Colombia condenan enerxicamente esta medida e piden revisar as súas relacións bilaterais con Venezuela. México impulsa o bloque vía OEA de aplicación da Carta Democrática contra Venezuela, toda vez o secretario xeral da OEA, o uruguaio Luís Almagro, define precisamente esa posición.

O presidente arxentino Mauricio Macri tamén lidera unha presión hemisférica contra Maduro vía MERCOSUR, coa anuencia brasileira, e que alcanza dimensión internacional coa recente implicación da Unión Europea esixindo un calendario electoral para a resolución da crise. Mentres o “autogolpe” ocorría en Caracas, Macri recibía a Lilian Tintori, esposa de Leopoldo López, o mais célebre preso político venezolano.

As razóns da decisión da TSX de descoñecer e usurpar as funcións do poder lexislativo vense tramitadas polo bloqueo da opositora Asemblea Nacional, primeiro polo desacato á presidencia de Maduro impulsado a comezos de 2017 e, principalmente, pola negativa a aprobar unha Lei de Hidrocarburos que permite a conformación de empresas mixtas.

A oposición venezolana denuncia presuntas manobras de Maduro para outorgar por esa lei diversas concesións petroleiras a aliados exteriores, principalmente Rusia. Non obstante, a decisión do TSX de outorgar a Maduro plenos poderes en materia penal, xudicial e militar (a través do Estado de Excepción) que, entre outras disposicións, permitiría o eventual enxuízamento de deputados opositores por parte de tribunais militares, confirma unha inexplicable ampliación e usurpación de poderes a favor de Maduro, factor que provocou a inmediata reacción nacional e internacional en contra, a tenor das expectativas de observar unha deriva autoritaria.

Este proceso víase consolidado ante as recentes decisións do Consello Nacional Electoral (CNE) de iniciar en abril un proceso de legalización de partidos e formacións políticas con notables obstáculos para os partidos opositores, principalmente as formacións mais militantes e radicais dentro da Mesa pola Unidade Democrática (MUD). A oposición critica os escasos marxes temporais para levar a cabo esta legalización, así como innumerables obstáculos para a recadación de firmas.

O obxectivo de neutralización opositora por parte de Maduro avanza na medida en que o goberno arremete as súas medidas para combater unha “guerra económica” que semella un pretexto para o control da actividade económica. Para isto activa o fortalecemento dos CLAP como ferramentas de distribución alimentaria e incluso de expropiación (panaderías neste último caso), a través dunha estratexia de tenaza orientada a afogar ao sector privado.

Tras este surrealista suceso, o pulso entre Maduro e a OEA anúnciase mais intenso e radical, así como prolongado pola activación das eventuais medidas punitivas trazadas na Carta Democrática.

A pesar dun maioritario consenso das forzas hemisféricas (Brasil, Arxentina, México, Perú, Colombia) por solucionar, vía Carta Democrática, a crise venezolana, o clima está radicalizado polas presións de Almagro por un inmediato calendario electoral en Venezuela so pena de expulsala do organismo. Maduro atiza o fogo respondendo coa saída venezolana da OEA, toda vez o MERCOSUR preme tamén pola expulsión venezolana.

Maduro interpretaba que a OEA activaría a Carta Democrática ao superar os votos necesarios (20 países), toda vez probablemente buscaría gañar tempo unha vez o seu aliado, Bolivia, asumira este 3 de abril a presidencia do Consello Permanente da OEA. Pulsando eses activos internos para bloquear a discusión na OEA, Maduro buscou unha saída inesperada vía TSX que terminou sendo, polo de agora, contraproducente.

Tomando en conta os seus elevados índices de impopularidade, Maduro vese persuadido a evitar a vía electoral como medida de resolución da crise, toda vez desacredita un diálogo lastrado polo desengano a pesares dos seus inmediatos chamamentos a reactivar o mesmo posteriores á revisión das sentencias do TSX. A súa fuxida cara diante revela unha táctica de atrincheramento no poder cuxas consecuencias poden ser contraproducentes, contrariadas pola igualmente radical reacción na súa contra.

Crises paralelas: Paraguai e Ecuador

Non obstante, e a pesar da súa gravidade, visualízase unha notoria diferenza de atención e de cobertura informativa entre a crise venezolana e a violencia paraguaia, traducida esta nos disturbios acaecidos na capital Asunción contra as tentativas de reelección do presidente Horacio Cartes. Unha violencia que levou ao incendio do Congreso paraguaio por parte de manifestantes opositores, e ao deceso dun militante da opositora Fronte Guasú, movemento político do ex presidente Fernando Lugo, a través dunha arremetida policial nunha sede deste movemento.

A raíz do problema ven establecido pola aprobación, por parte de varios senadores, dunha emenda constitucional que permitira a Cartes presentarse a unha reelección presidencial en 2018. Esta prerrogativa está prohibida pola Constitución paraguaia aprobada en 1992.

Non obstante, esta votación realizouse en privado nunha oficina da Fronte Guasu, sen presenza do resto dos deputados nin do presidente da Cámara lexislativa. Por tanto, este proxecto de emenda constitucional está apoiado pola Fronte Guasú e o Partido Colorado de Cartes. Esta emenda, que xa foi rexeitada polo Parlamento en 2016, debe ser aprobada pola Cámara de Deputados e sometida a referendo popular.

Moitos observan detrás desta movida política a eventual pretensión de Cartes e Lugo de presentarse ás eleccións presidenciais de 2018 e así inaugurar un binomio bipartidista en Paraguai entre o Partido Colorado e a Fronte Guasú.

Os lexisladores que apoian esta emenda lograron aprobala o pasado 28 de marzo, dous días antes que o TSX venezolano anunciara que asumira as funcións do poder lexislativo en Caracas. A reacción foi violenta: manifestantes enfrontándose nas rúas contra as forzas policiais e o asalto e incendio do Congreso o pasado 31 de marzo.

As crises venezolana e paraguaia conservan o paralelismo de procrear tentativas de perpetuación no poder por parte de dous presidentes, Maduro e Cartes, diametralmente separados nas súas cores políticas. Curiosamente, as respectivas forzas opositoras en Venezuela e Paraguai, que igualmente poden interpretar determinadas diferenzas de cores políticas e ideolóxicas, amosaban o seu consenso a través das súas mensaxes contra os seus respectivos presidentes, atinxíndoos de “ditadores”.

Noutro contexto, a situación post-electoral en Ecuador ante o triunfo pola mínima (51%) do candidato “correísta” Lenín Moreno pode manifestar situacións de tensión post-electoral ante as acusacións de presunto fraude por parte do opositor Guillermo Lasso (49%).

Toda vez Lasso chama a descoñecer o impugnar o escrutinio argumentando a presunta “ilexitimidade” da vitoria de Moreno, o escenario político ecuatoriano anuncia unha atomización neste etapa “post-Correa” que difire notablemente da hexemonía política mantida desde 2007 polo ex presidente ecuatoriano e o seu partido Alianza País.

A crise venezolana tamén gravitou no escenario electoral ecuatoriano previo á segunda rolda do pasado 2 de abril. E semella que os seus efectos, así como o aleccionador exemplo da violenta rebelión paraguaia, non só poderían planear sobre Ecuador senón tamén dentro do contexto hemisférico.