Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza Pública (Galicia) 6 de Maio de 2016 Mansilla Blanco

Sykes-Picot, 2016

A devastada cidade siria de Aleppo. Fonte: International Business Times

Cúmprese o próximo 16 de maio o centenario do acordo de Sykes-Picot, a repartición territorial secreta dos antigos dominios otománs establecida polos intereses imperiais de Gran Bretaña e Francia, e que delimitou o mapa actual de Oriente Próximo, cos seus trazos limítrofes e os seus conflitos derivados. A onomástica non é menos importante tomando en conta o que está a ocorrer precisamente nesa rexión, con epicentro na guerra de Siria, e que advirte doutra transformación territorial determinada por todo tipo de intereses xeopolíticos e por vellos e novos actores. Está por ver se o Sykes-Picot de 2016 está mais ben deseñado en Washington e Moscova, coma sempre a expensas dos actores autóctonos, testemuñas inmutables doutro reparto ás portas de Oriente Próximo.

Non deixa, por tanto, de ser igualmente significativa a constante proclama impulsada dende as redes yihadistas vinculadas ao Estado Islámico (Daesh), a través dos seus efectivos canais de comunicación, de “enterrar Sykes-Picot” e “acabar co Século XX” en Oriente Próximo. No reparto imperialista franco-británico de 1916, Siria e Iraq constituían as evidentes chaves xeopolíticas desa transformación territorial, baixo esferas de influencia (Siria e Líbano para Francia, Iraq e Transxordania para Gran Bretaña) que posteriormente, trala II Guerra Mundial, levou á descolonización e configuración dos modernos Estados iraquí e sirio. Curiosamente, hoxe no 2016, ambos países encamíñanse ao efecto contrario, a súa desintegración estatal, precisamente nunha porosa franxa territorial onde o Daesh ten o seu principal epicentro de irradiación.

 

Se en 1916 foron París e Londres os que pactaron secretamente este reparto, en 2016 está por ver cales son os actores da configuración que se prevé para o “novo Oriente Próximo”. E aquí aparecen mais nítidos os intereses de Washington e Moscova por trazar esferas de influencia que traspasen os actuais límites territoriais de Oriente Próximo cara a contorna mediterránea e euroasiática.

Nos derradeiros meses de administración Obama, a degradación do conflito sirio resulta un imperativo colateral das incertas expectativas que se abren na aínda pouco definida tentativa de apertura de Washington con Irán, factor que alterará o equilibrio estratéxico en Oriente Próximo, particularmente de cara a Israel e Arabia Saudita, tradicionais aliados de Washington e inimigos de Teherán.

Pola súa banda, a audaz pero non menos inquietante intervención rusa en Siria supón a baza estratéxica do presidente Vladimir Putin para delimitar ante Occidente as intencións do Kremlin de recuperar o seu peso global. O mantemento, incluso baixo mínimos, do réxime de Bashar al Asad en Damasco a través dunha cooperación militar que mitigue a fortaleza do Daesh e certifique a debilidade política dunha desunida oposición siria, se engade a procreación dunha mascarada electoral que provea algún tipo de lexitimación democrática a este réxime. Isto supón para Putin un imperativo estratéxico que lle permita manter o seu peso estratéxico desde o Mediterráneo (base militar rusa de Tartus), Oriente Próximo e o Cáucaso Sur.

Nestes (re) equilibrios de poder, Washington e Moscova aplican todo tipo de estratexias e alianzas que atizan as incertezas sobre o que está a acontecer na rexión. Agardando qué pasará con Irán, sen menoscabar cómo será observado este escenario  dentro do actual contexto electoral estadounidense e ante a evidencia dun novo goberno na Casa Branca a partir de xaneiro de 2017, a “recuperación” de Turquía como aliado atlantista vía OTAN así como a través do infame pacto coa Unión Europea para deter as vagas de refuxiados sirios, supón un elemento estratéxico para Washington, en particular ante a evidencia de verse contrarrestado polos achegamentos (non menos incertos) de Moscova con Arabia Saudita, Israel e un Exipto aparentemente aplacado dende a perspectiva de líder do mundo árabe. A esta triangulación de intereses de poder comeza igualmente a emerxer a perspectiva de Teherán de xogar un papel mais decisivo na eventual configuración deste “novo Oriente Próximo” en cernes.

Con todo, existen efectos colaterais que poden transfigurar aínda mais a tramitación deste eventual equilibrio xeopolítico rexional. Aquí visualízanse a eventualidade de presenciar un Curdistán independente dentro da conflitiva fronteira territorial que transita entre Siria, Turquía e Iraq, así como os trazos de novos mapas territoriais causados polos constantes desprazamentos de poboacións de refuxiados que fuxen do conflito sirio, da caótica posguerra iraquí e incluso das tensións sectarias emerxentes no Líbano. Con este panorama, o pacto Sykes-Picot non semella ser tan distante no tempo.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais