Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
OPCh 6 de Marzo de 2017 Ríos
Hebdomadario da Política Taiwanesa

Taiwan Hebdo 10-2017

Semana do 27 de Febreiro ao 5 de Marzo de 2017
li-keqiang.jpg

China vaise opoñer firmemente ao separatismo taiwanés, dixo o primeiro ministro Li Keqiang na sesión anual da Asemblea Popular Nacional (APN) inaugurada en Beijing o 5 de marzo.

“Opoñerémonos decididamente e conteremos as actividades para a independencia de Taiwán”, dixo Li, revalidando o compromiso de protección da soberanía nacional e a integridade territorial. 

Li tamén quixo contemporizar esa firmeza co habitual anuncio de que China continuará os esforzos para aumentar os vínculos con Taiwán, que inclúen o aumento do investimento a través do Estreito, voos directos diarios e aumento do turismo. “A xente de ambos lados do Estreito de Taiwán debe ter en conta os maiores intereses da nación” e traballar pola “reunificación de China”, sinalou. 

En Taipéi, o Consello de Asuntos Continentais dixo que a política do goberno para promover o desenvolvemento pacífico e estable das relacións a través do Estreito permanece sen cambios, instando ao goberno de Beijing a considerar o benestar da xente como a súa prioridade na formulación de políticas.

Tralo episodio de tensión provocado pola conversa telefónica entre a presidenta Tsai Ing-wen e o presidente Donald Trump así como as dúbidas lanzadas sobre o respecto da política de “unha soa China” por parte de EUA, se especula con que a APN promova algún tipo de iniciativa destacada nesta orde durante as lianghui. Recentemente foi obxecto de remodelación no continente parte do equipo xestor dos asuntos taiwaneses.

2. Observacións de contexto.

- As conmemoracións do Incidente 228 resultaron particularmente intensas este ano. Enfrontamentos entre manifestantes dun e outro signo, debate entre investigadores, forte discusión entre os partidos políticos, reivindicación do PCCh do incidente como parte da loita de emancipación do pobo chinés co KMT tratando de deslexitimar o ton “independentista” da celebración... A Sala Conmemorativa Chiang Kai-shek foi pechada para evitar conflitos á vez que o Ministerio de Cultura anunciou a súa intención de transformalo nun espazo neutral. Tanto a venda de souvenires como a transmisión do himno conmemorativo a Chiang quedaron prohibidos na contorna do monumento. 

- A presidenta Tsai anunciou a creación dun novo órgano para impulsar a xustiza transicional, unha institución independente chamada a realizar a “misión inacabada” de identificar aos responsables da represión. Tamén o primeiro ministro Lin Chuan chamou a facer fronte a este trauma histórico. A xustiza transicional comprende tres partes principais: a xestión dos vestixios do autoritarismo, a restauración da verdade histórica e a promoción da democracia.

- Diversas universidades taiwanesas (Shih Hsin, Tsing Hua, entre outras) foron duramente criticadas por facilitar “cartas de conformidade” a universidades continentais nas que se promete evitar os temas politicamente sensibles nos cursos ofrecidos a estudantes procedentes do outro lado do Estreito. A demanda das institucións continentais é completamente innecesaria e inapropiada, dixo a ministra Katharine Chang, e podería violar a lei.

- O Goberno completou unha serie de regulacións polas que prohibirá a altos funcionarios e oficiais militares xubilados participar en eventos oficiais de China continental presididos polo seu líder. Impoñeranse fortes multas aos infractores.

- Funcionarios taiwaneses visitaron a provincia de Guangdong para informarse das formas de combate contra o virus da gripe aviar H7N9.

- O ministro de Asuntos Exteriores David Lee reuniuse con dous centos de representantes de ONGs locais instándolles a axudar aos poderes públicos a reforzar a presenza internacional de Taiwán. 

- A Comisión de Pesca entre Taiwán e Xapón reunida en Tokio abordou numerosos temas de interese común pendentes de resolución. Ademais de acordar manter as normas vixentes de pesca nas augas próximas ás illas Diaoyutai, seguirán discutindo para crear un modelo operativo que sexa seguro para os pescadores dos dous países. 

- O Comando dos Mísiles para a Defensa Aérea pasou a depender do Exército do Aire (antes, baixo o mando do Ministerio de Defensa). Trátase da primeira unidade militar reestruturada desde que Tsai Ing-wen asumiu o poder. Tamén se anunciou o emprazamento de mísiles Patriot en zonas dos condados de Hualien e Taitung como medida de resposta á nova doutrina militar de China continental. Taiwán seguiu de cerca o paso dunha flota militar continental polo Estreito.

3. Datos relevantes

- A Fundación Estilo Taiwán divulgou os resultados dunha enquisa segundo a cal a taxa de satisfacción coa presidenta Tsai elevouse ao 43,3 por cento cun nivel de insatisfacción do 51,8 por cento. O 56,8 por cento manteñen o seu apoio á presidenta fronte a un 39,1 por cento que lle retirou a confianza. 

- En xaneiro, as exportacións de Taiwan aos países de ASEAN creceron un 11,3 por cento, representando xa o 18,7 por cento do total das exportacións de Taiwán. 

- Os investidores institucionais estranxeiros en Taiwán rexistraron US$3.320 millóns en ingreso neto de fondos en febreiro do ano en curso. 

- Os gastos con tarxeta de crédito en xaneiro rexistraron o récord máis alto no mesmo mes nos últimos anos chegando á cifra de US$6.570 millóns. 

- O número de traballadores domésticos estranxeiros en Taiwán aumentou 5,77 por cento en 2016.

4. Nomes relevantes

- O ex presidente Ma Ying-jeou iniciou unha visita a EUA que lle levará a New York, Boston e Washington. 

- O historiador Chen Yi-shen presentou novo libro sobre o Incidente 228 no medio de protestas polo seu contido, cualificado de “falso”.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais