Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
OPCh 8 de Maio de 2016 Ríos
Hebdomadario da Política Taiwanesa

Taiwan Hebdo 18-2016

Semana do 2 ao 8 de Maio de 2016
dscn4482.jpg

1.      Informe

Por fin, a OMS (Organización Mundial da Saúde) decidiu cursar a invitación a Taiwan para asistir á Asemblea Mundial da Saúde, que se inicia o 23 de maio, en calidade de observador pero, por primeira vez, co condicionante de facelo baixo a premisa da asunción do principio de “Unha soa China” e a aceptación do Consenso de 1992. Na invitación menciónase a Resolución 2758 da ONU, o que suxire directamente a pertenza de Taiwan á República Popular China. Nos últimos sete anos, a OMS invitou a Taiwan baixo o nome de “Chinese Taipei”. Algún documento interno suxire á OMS que se refira a Taiwan como provincia de China. O luns, a administración entrante terá que decidir si acepta ou non a invitación nestas condicións.

O tema suscitou un amplo debate. O KMT saudou a invitación presentándoa como un froito da sagacidade do presidente Ma Ying-jeou. Fontes do PDP, no entanto, cualifican a premisa de “unha soa China” de inaceptable. O portavoz da Oficina continental de Asuntos de Taiwan, Ma Xiaoguang, indicou que a participación está supeditada ao respecto das bases políticas que a fixeron posible no seu día. Si se danan, os acordos terían difícil continuidade. O Consello de Asuntos de China Continental cualificou de “pouco prudente” esta esixencia.

O portavoz do executivo taiwanés intentou deslindar as cuestións políticas das relativas á saúde, un dereito universal e que non debería sufrir ningún tipo de restrición. Pero a decisión corresponde ao PDP e supón unha primeira gran proba para a presidenta electa Tsai Ing-wen. Algúns dos seus deputados alertan de que transixir nisto suporá “negar a soberanía e traizoar á nación”.

2.      Observacións de contexto.

* Á fronte dunha importante comitiva que incluíu ex primeiros ministros e altos funcionarios, Ma Ying-jeou cursou unha nova visita á illa Taiping. A acción foi criticada pola aínda oposición, acusándolle de querer edulcorar o seu legado apuntándose á ola nacionalista. Tamén enviou unha fragata clase Lafayette en tarefas de apoio aos buques gardacostas. Frank Hsieh, representante do novo goberno ante Tokio, descualificou esta última medida denunciando que ten aires de “declaración de guerra”. O KMT replicoulle acusándolle de actuar como unha concubina ao servizo de Xapón e de exercitar unha “diplomacia de geisha”.

* O ex primeiro ministro Frank Hsieh descartou que Tsai Ing-wen mencione o Consenso de 1992 no seu discurso de toma de posesión. O PDP recoñece que se celebrou esa reunión en Singapur e entende o espírito que representa, pero non recoñece o termo. Esa, dixo, é a posición lóxica e teórica do PDP. 

* O Renmin Ribao, diario oficial do PCCh, advertía o 4 de Maio que as relacións a través do Estreito caerán de novo na turbulencia si Taipei non recoñece o Consenso de 1992, “que vai máis aló do acordo entre partidos políticos específicos”.

* A presidenta electa Tsai Ing-wen podería asistir ao acto de inauguración das obras de ampliación da Canle de Panamá, un dos aliados diplomáticos de Taiwan. Un barco da continental Cosco será o primeiro en facer uso das novas instalacións. Ignórase si o presidente Xi Jinping ou calquera outro líder chinés viaxará ao país centroamericano para tomar parte no evento. 

* Os membros do gabinete dimitirán en masa o 12 de maio para facilitar a asunción da nova administración. As diferentes oficinas públicas se turnarán para presentar informes co obxectivo de que a mediados de maio quede ultimado o proceso.

* Hung Hsiu-chu criticou as políticas de de-sinización e independencia cultural que a administración do PDP pretende relanzar, xa que provocaría unha división irreversible na identidade cultural entre o continente e a illa de Taiwan, o que levaría a un colapso total da base da relación a través do Estreito. Algúns lexisladores do PDP reclaman pasar páxina de cerimonias conmemorativas, habituais nos últimos anos, relativas ao Emperador Amarelo ou a Genghis Khan, entre outros, figuras que “nada teñen que ver con Taiwan”.

* Un informe do ministerio de Ciencia e Tecnoloxía sinalou que o sistema de posicionamento continental por satélite Beidou podería aumentar os riscos na seguridade da información, por ser bidireccional e ser usado para fins militares.

* Taiwan e Chequia asinaron un acordo para reforzar a cooperación na educación superior. Taipei asinou tamén con Londres un acordo para a transferencia de presos. 

* A Universidade arxentina do Salvador e a OEC de Taipei en Arxentina asinaron un acordo de cooperación para establecer unha Academia de Taiwan. O actual Papa Francisco foi o primeiro reitor da Universidade do Salvador. 

* Segundo o Liberty Times, Taipei ten previsto despregar mísiles na illa Taiping, no arquipélago das Spratley/Nansha. O anuncio foi desmentido polo ministerio de Defensa. 

3. Datos relevantes

* Grupos feministas protestaron polo baixo número de mulleres no gabinete de Tsai Ing-wen. Hai só catro nun goberno de 40 membros, a porcentaxe máis baixa dos últimos anos, inferior ata ao 10 por cento do goberno de Vincent Siew (1997) e, por suposto, ao 13,5 por cento do gabinete de Lien Chan (1993) e ao case 21 por cento de Ma Ying-jeou. 

* O índice de felicidade das nais taiwanesas alcanza 68 puntos. Segundo a Fundación da Liga de Benestar da Infancia, a presión de ser nai era para moitas difícil de soportar. Para o 46,6 por cento, resultaba difícil coidar ben aos seus fillos. 

4. Nomes relevantes

* Hsu Yung-ming, deputado do PNP, reclamou decisións sobre a permanencia do mausoleo de Chiang Kai-shek, un “símbolo do autoritarismo e o imperialismo que violou os dereitos humanos e os valores democráticos”.

* O primeiro ministro Simon Chang recibiu no peirao de Xiaoliuqiu ao capitán do pesqueiro Tung Sheng Chi Non.16, Pan Chien-hong, tras ser liberado polas autoridades xaponesas previo pago dunha fianza de US$55.000.

* O presidente do Yuan lexislativo, Su Jia-chyuan, e os portavoces dos diferentes grupos parlamentarios, reuníronse co primeiro ministro entrante Lin Chuan.

* Nobuo Kishi, deputado e irmán do primeiro ministro Shinzo Abe, visitou Taipei para desactivar a crise entre Taiwan e Xapón. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais