Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
OPCh 29 de Maio de 2016 Ríos
Hebdomadario da Política Taiwanesa

Taiwan Hebdo 21-2016

Semana do 23 ao 29 de Maio de 2016
dscn4507.jpg

1. Informe

A participación de Taiwan na Asemblea Mundial da Saúde celebrada en Xenebra (Suíza) entre os días 23 e 28 de Maio permitiu visibilizar unha primeira (e fría) toma de contacto a nivel ministerial entre representantes de ambos lados do Estreito. O ministro de sanidade Lin Tsou-yen despregou un discurso poñendo o acento na despolitización da participación e o énfase nunha abordaxe profesional e pragmática de interese para a comunidade internacional. O ministro taiwanés apelou á OMS a permitir a participación estable da illa nas súas actividades.

Por tratarse do primeiro evento diplomático con participación taiwanesa trala investidura da presidenta Tsai Ing-wen, a atención estaba máis que xustificada. 

Na delegación oficial incluíronse representantes funcionariais e partidarios, incluíndo ao PDP, KMT, PPP e PNP. Lin mantivo un breve saúdo co representante continental Li Bin á marxe da asemblea, pero non houbo avances nin resposta á súa invitación para soster unha reunión bilateral. Esta negativa abunda na idea de que Beijing non dará o seu brazo a torcer e puidera ser o primeiro sinal dunha suspensión das relacións a través do Estreito.

O representante taiwanés mantivo reunións con delegacións de EUA ou Xapón. Nos últimos anos tamén había encontros coa comitiva continental. Desde 2009, Taiwan participa como observador.

Algúns integrantes da delegación expresaron a súa disconformidade coa participación baixo o nome “Chinese Taipei”. No entanto, o primeiro ministro Lin Chuan defendeu que os problemas relacionados coa denominación non deben obstruír a participación taiwanesa nos organismos internacionais. O KMT chegou a esixir no lexislativo unha desculpa por parte do ministro Lin por non usar a palabra “Taiwan”. Algúns grupos de estudantes no estranxeiro tamén mostraron a súa protesta pola actitude “submisa” do ministro e o novo goberno.

O ministro Lin Tzou-yien despediuse da AMS cunha carta de protesta ante a OMS pola demora en enviar a invitación e por incluír nela a esixencia de respecto ao principio de “Unha soa China”. Ao seu regreso, anunciou o establecemento dun grupo ad hoc de asesoramento para promover a participación nas diferentes actividades da OMS á vista de que devandito interese, neste momento, aseméllase máis a unha hipótese. 

2. Observacións de contexto.

* O Diario do Pobo e outros medios continentais seguiron demandando da presidenta Tsai Ing-wen que deixe de adoptar unha actitude ambigua cara á “cuestión fundamental” do Consenso de 1992. Richard Bush, ex representante do Instituto Americano en Taiwan, cualificou a reacción de Beijing ao discurso inaugural de Tsai como “non tan mala” como cabía esperar. 

* Trala investidura presidencial, Tsai Ing-wen recibiu a varias delegacións estranxeiras, incluíndo aos máximos representantes de varios aliados diplomáticos.

* Tsai Ing-wen reiterou o interese de Taiwan de unirse ao TPP liderado por EUA na segunda rolda de negociacións. Washington é o segundo maior socio comercial de Taipei e Taiwan o noveno maior socio comercial de EUA. Ante o subsecretario de comercio Marcus Jadotte, Tsai expresou a súa vontade de cooperar con EUA en ámbitos como a ciberseguridade, os intercambios comerciais e os investimentos.

* Taiwan non renovará as negociacións comerciais co continente ata dispoñer dunha lei de supervisión, en trámite no Yuan lexislativo.

* Zhang Zhijun, director da Oficina de Asuntos de Taiwan, sinalou que a Nova Política cara ao Sur promovida polo goberno do PDP “vai en contra dos principios económicos” ao carecer de sentido o intento de remprazar a China continental por outros mercados.

* Taiwan e Xapón acordaron establecer un mecanismo de diálogo e cooperación para os asuntos marítimos. Taipei anunciou “axustes” na protección dos seus pesqueiros sen chegar a comprometer a súa continuidade. 

* Colombia notificou a rescisión dun memorando asinado en setembro de 2015 relacionado co comercio xusto. A decisión vincúlase con hipotéticas presións de China continental. Taipei asinou memorandos similares con oito países sendo esta a primeira vez que se produce unha rescisión unilateral. 

* Taiwan proponse crear unha cuarta rama nas súas Forzas Armadas centrada na ciberseguridade co propósito de participar na guerra dixital asimétrica e actuar como elemento disuasorio contra as forzas inimigas. 

3. Datos relevantes

* Un 39,6 por cento da poboación cre que Tsai Ing-wen debe recoñecer o Consenso de 1992, segundo unha enquisa realizada polo United Daily News. Un 29,7 por cento opoñeríase e o 30,7 por cento abstívose. Un 76 por cento afirmou estar satisfeito co discurso presidencial. Un 60 por cento non estaría preocupado polas consecuencias dunha ruptura da comunicación a través do Estreito. 

* Outra enquisa da Fundación de Opinións Públicas Taiwanesas demostrou que o 80,8 por cento dos cidadáns identificábanse como taiwaneses fronte a un 8,1 por cento que se consideraban como chineses. Un 51,2 por cento dos preguntados mostráronse favorables á independencia fronte a un 14,9 por cento de partidarios da unificación. 

4. Nomes relevantes

* Tsai Ing-wen visitará Panamá e Paraguai a finais do mes de xuño na que será a súa primeira vira presidencial polo exterior. 

* Shen Lyu-shun, ex representante de Taiwan en EUA, viuse envolvido nunha polémica pola súa renuncia e a substitución polo seu sucesor Stanley Kao, a quen Tsai cualificou de “embaixador” provocando a inmediata reacción de Beijing. 

* Chiou I-jen, foi elixido novo presidente da Asociación para as Relacións en Asia Oriental. 

* Wang Zaixi, ex vice director da Oficina de Asuntos de Taiwan, sinalou que os problemas de Taiwan deben ser resoltos nun prazo de trinta anos.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais