Distribuir

Distribuir contido
OPCh 18 de Setembro de 2016 Ríos
Hebdomadario da Política Taiwanesa

Taiwan Hebdo 37-2016

Semana do 12 ao 18 de Setembro de 2016
eric_chu_con_xi_jinping.jpg

1. Informe

Os alcaldes de 8 cidades gobernadas polo KMT (Nova Taipei, Hsinchu, Hualien, Taitung, Kinmen, Lienchiang, Miaoli e Nantou) encabezaron unha delegación a China continental. Foron recibidos, entre outros, por Zhang Zhijun, xefe de asuntos de Taiwan, e Yu Zhengsheng, membro do Comité Permanente do Buró Político do PCCh. China continental anunciou oito medidas para promover os intercambios cos territorios locais representados na delegación taiwanesa. Ambas partes coincidiron en sinalar a adhesión ao Consenso de 1992 e resaltaron a necesidade de incrementar os intercambios, incluíndo o sector agrícola, turístico ou cultural. Non houbo acordos -que requirirían autorización previa- pero si compromisos dun “trato especial” ao poder local do KMT, empeñado en reiniciar as relacións a ambos os dous lados. O primeiro ministro Lin Chuan destacou o valor positivo destes intercambios pero recordou que “non deben realizarse baixo ningunha premisa política”. 

A saída do punto morto en que se atopan as relacións a través do Estreito traza os signos dun escenario que nos remonta ao mandato de Chen Shui-bian: ante a desconfianza, Beijing sáltase ao PDP para establecer vínculos directos coas administracións gobernadas polo KMT. Taiwan quedará así dividido entre quen recoñecen o Consenso de 1992 e quen non. 

O vicepresidente do Consello de Asuntos de China Continental, Lin Cheng-yi, espera que Beijing acepte as mostras de boa vontade de Tsai e que regrese a confianza mutua, pero a espera pode ser en balde.

2. Observacións de contexto.

* Tralas manifestacións do sector turístico en Taipei, o primeiro ministro Lin Chuan asegurou que o seu goberno evitará que subsista o modelo de orixe única dos turistas. Así mesmo, instou ao goberno de Beijing a disuadir aos seus cidadáns de unirse a grupos de viaxe baratos que só causan problemas. Lin reivindicou a elevación da calidade da industria turística. 

* O primeiro ministro presentou ante o Yuan lexislativo o seu informe de política xeral. Lin Chuan pormenorizou nos seis grandes obxectivos do seu equipo e detallou aspectos relativos a temas sensibles como a reforma das pensións ou as relacións co continente. A oposición desenvolveu unha ruidosa protesta pero non impediu a presentación do informe. 

* A taiwanesa SEF (Fundación para os Intercambios do Estreito, siglas en inglés) organizou un foro de irmandade entre empresarios taiwaneses en China continental que contou coa participación da presidenta Tsai Ing-wen. No evento, esta reiterou a súa determinación para manter o desenvolvemento estable e pacífico dos vínculos bilaterais.

* A portavoz da Oficina de Asuntos de Taiwan do Consello de Estado de China continental, Ma Xiaoguang, asegurou que a suspensión da comunicación a través do Estreito afectará á negociación e firma de novos acordos así como á execución dos convenios existentes. 

* As perspectivas non son moi optimistas para a participación de Taiwan na asemblea anual da OACI (Organización de Aviación Civil Internacional) que debe ter lugar o 27 de setembro. En 2013, Taiwan participou por primeira vez neste foro. Tampouco para a asemblea de Interpol a celebrarse en novembro. Mentres, unha delegación non gobernamental de Taiwan desprazouse a EUA para promover o ingreso na ONU. 

* Taipei espera que a Comisión Europea reconsidere a súa tarxeta amarela á industria pesqueira de Taiwan imposta fai un ano por supostas malas prácticas. No tempo transcorrido, aprobáronse varias disposicións legais, incluíndo unha Lei de Pesca, que poderían permitir a superación desta advertencia. 

* Taiwan e Austria asinaron dous convenios para ampliar a cooperación e os intercambios educativos. Taiwan e India tamén asinaron acordos de cooperación agrícola e en materia de servizos aéreos. 

* Taiwan planea reducir o número das súas oficinas representativas no exterior. Actualmente posúe 117 e poderían eliminarse 10, especialmente en América e Europa, potenciando o sueste asiático.

* Taiwan e o BERD (Banco Europeo de Reconstrución e Desenvolvemento) celebraron os seus 25 anos de cooperación. Taipei é o cuarto donante en importancia do BERD, presente en máis de 30 países.
* Altos funcionarios de EUA e Taiwan analizaron a implementación do programa de entrada global de Estados Unidos que inclúe a exención de visados. Taiwan é o sétimo país do mundo que se incorpora a este programa.
* Varios membros da Cámara de Representantes de EUA promoveron a acta de Viaxes de Taiwan que pretende levantar as restricións para permitir a todos os funcionarios gobernamentais de alto nivel da illa, incluíndo ao seu presidente, visitar EUA. O proxecto debe ser aprobado no Senado e asinado polo presidente de EUA antes da súa entrada en vigor. 

* O novo think tank Instituto Global de Taiwan foi presentado en EUA. Este novo centro busca fortalecer os vínculos bilaterais e a proxección internacional de Taiwan.

3. Datos relevantes

* Os tifóns Meranti e Malakas causaron importantes danos en Taiwan. As perdas agrícolas do primeiro foron avaliadas en 21 millóns de dólares.

* O número de pemes alcanzou un máximo histórico: 1,38 millóns en 2015, representando o 97,69 por cento do total. 

* Taipei sitúase no 11º lugar no Networked Society City Index 2016 elaborado por Ericsson, que mide o rendemento de 41 cidades de todo o mundo desde dúas perspectivas: o desenvolvemento urbano sostible e a madurez das TICs.

* No ano 2015, Taiwan situouse no 30º lugar no Índice de Percepción de Corrupción entre 168 países no informe de Transparencia Internacional (en 2008 figuraba na posición 39). 

* Un total de 11 sospeitosos de fraude telefónica foron deportados a Taiwan por Indonesia. 

4. Nomes relevantes

* Raymond Burghardt, presidente do Instituto Americano de Taiwan, recordou a condición estratéxica da alianza con EUA na súa despedida do cargo -que desempeñou desde 2006- nun encontro mantido en Taipei coa presidenta Tsai Ing-wen. 

* Altos funcionarios do KMT como o ex director do Museo Nacional do Palacio, Feng Ming-chu, ou o subxefe da Oficina de Investigación do Ministerio de Xustiza, Wu Li-chen, estiveron no ollo do furacán por aceptar un cargo como consultor en Beijing no primeiro caso ou visitar China continental no segundo, apenas un mes logo de cesar na súa responsabilidade, aproveitando lagoas na lexislación vixente que regula as relacións entre o pobo do área de Taiwan e a parte continental. 

* O director da Axencia Central de Noticias, Chen Kuo-hsiang, denunciou ser vítima dunha campaña de acusacións fabricadas e politicamente motivadas para forzar a súa renuncia e interferir na independencia da axencia. 

* Renho Murata, política xaponesa e líder do Partido Democrático, foi obxecto de críticas por posuír a dobre nacionalidade de Taiwan e Xapón. Nunhas declaracións á CNA pediu aos taiwaneses “apoio moral”.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais