Hebdomadario da Política Taiwanesa
Semana do 3 ao 9 de Outubro

Taiwan Hebdo 40-2016

1. Informe

En vésperas do Dobre Dez, a presidenta Tsai Ing-wen concedeu unha reveladora entrevista ao diario estadounidense The Wall Street Journal. Tsai recordou que xa no seu discurso de investidura afirmou que respectaría a Constitución da República de China e os acordos subscritos nos últimos anos entre ambos pobos do Estreito, ademais do feito histórico das conversacións bilaterais de 1992. Para Tsai, isto demostra a boa vontade e flexibilidade da súa presidencia, elementos que deben servir para acurtar a distancia coa posición continental. No entanto, os feitos recentes (bloqueo internacional de Taiwan ou intromisión nas políticas internas) “demostran que Beijing volveu ao seu antigo xeito de facer as cousas”, apostilou.

Apartados xeográficos China e o mundo chinés
Idiomas Galego

1. Informe

En vésperas do Dobre Dez, a presidenta Tsai Ing-wen concedeu unha reveladora entrevista ao diario estadounidense The Wall Street Journal. Tsai recordou que xa no seu discurso de investidura afirmou que respectaría a Constitución da República de China e os acordos subscritos nos últimos anos entre ambos pobos do Estreito, ademais do feito histórico das conversacións bilaterais de 1992. Para Tsai, isto demostra a boa vontade e flexibilidade da súa presidencia, elementos que deben servir para acurtar a distancia coa posición continental. No entanto, os feitos recentes (bloqueo internacional de Taiwan ou intromisión nas políticas internas) “demostran que Beijing volveu ao seu antigo xeito de facer as cousas”, apostilou.

A presidenta reiterou o seu compromiso co mantemento do statu quo á vez que salientou a súa vontade de non transitar por camiños impropios por moita presión que reciba. “Ningún goberno taiwanés pode ir en contra da vontade do seu pobo”, afirmou tallante, sinalando que China continental podería errar no seu xuízo si cre que a presión dobregará a Taiwan. 

Por outra banda, a presidenta pediu “sentarse a falar sen dilación”. A posibilidade dun encontro co presidente Xi Jinping, hoxe altamente improbable, estaría supeditada en calquera caso ao non establecemento previo dun marco político asociado co principio de “Unha soa China”. Ese marco poría barreiras ao desenvolvemento das relacións bilaterais, dixo.

Tsai tamén se referiu á dependencia económica de Taiwan respecto ao continente, manifestando a súa intención de impulsar a transformación do modelo industrial e establecer relacións económicas máis estreitas con Asia meridional e sudoriental.

Noutra entrevista concedida esta vez ao diario xaponés Yomiuri Shimbun encomiou a “actitude moi positiva” de Tokio cara a Taipei e expresou a súa esperanza de encarreirar prontamente a cooperación marítima entre ambos países. 

No seminario internacional que o Instituto de Seguridade Nacional de Taiwán organizou o día 8 sobre os conflitos no Mar de China Meridional e a paz para a rexión de Asia e o Pacífico no Centro de Convencións do Hospital da Universidade Nacional de Taiwán, a presidenta Tsai Ing-wen destacou que a democracia de Taiwán é un modelo a seguir dentro dos países asiáticos. Manter o statu quo da relacións entre ambos lados do Estreito é unha elección de todos cidadáns de Taiwán, e non soamente dela. Altas doses de reafirmación, pois, para o seu primeiro Dobre Dez na presidencia. 

2. Observacións de contexto.

* Na primeira reunión do Comité de Coordinación Política que preside Tsai Ing-wen instouse unha reforma legal para introducir a semana laboral de cinco días con dous días de descanso obrigatorio.

* Traballadores emigrantes de diferentes nacionalidades manifestáronse en Taipei en demanda da supresión do requisito que lles obriga a abandonar o país polo menos durante un día cada tres anos si queren volver ser contratados. A modificación da Lei do Servizo de Emprego que permite ás axencias cobrar elevadas comisións por estas xestións non foi incluída entre as prioridades lexislativas do PDP. 

* O ministro de Transportes, Hochen Tan, informou que os turistas continentais reducíronse nun 19 por cento no que vai de ano; pola contra, o número de turistas internacionais aumentou un 6,4 por cento. 

* O ministro de Exteriores, David Lee, criticou a Beijing polo bloqueo de Taipei ao impedir a asistencia a varios eventos internacionais, incluíndo a OACI, a CMNUCC, a Interpol ou a COP22. Lee asegurou que Taiwan seguirá buscando o apoio internacional para sortear estes impedimentos. 

* A propósito da participación de Taiwan no próximo cume de APEC, a Oficina de Asuntos de Taiwan en Beijing recordou que “os representantes de Taiwan deben apegarse aos estatutos do memorando de entendemento da APEC para participar nos foros do organismo”. Aínda que o portavoz presidencial Alex Huang descualificou esta alusión ao memorando, desde Exteriores, Eleanor Wang recordou que si existe un memorando que Taiwan subscribiu en 1991 cuxo contido especifica a denominación para participar nos foros de APEC.

* A importación de carne porcina estadounidense tratada con clembuterol parece estar máis cerca trala 10ª reunión do Acordo Marco de Comercio e Investimento con EUA. Taipei tamén podería levantar as restricións aos produtos alimenticios procedentes das cinco prefecturas afectadas polo desastre nuclear de Fukushima en Xapón. 

* Na conferencia da industria de defensa de EUA e Taiwan, o deputado do PDP, Lo Chih-cheng, asegurou que os empresarios estadounidenses teñen a oportunidade de participar no proxecto nacional de construción de buques e avións.

3. Datos relevantes

* Un total de 66 empresas expresaron a súa vontade de investir uns US$5.300 millóns en Taiwan nos próximos tres anos, segundo detallouse na Conferencia da Alianza Comercial de Taiwan 2016. 

* O Índice de Xestores de Compras do sector manufactureiro subiu en setembro ao seu nivel máis alto desde marzo de 2015. 

* Taiwan ocupa o 4º lugar no mundo por horas traballadas en 2015, un promedio de 2.104 horas, só por detrás de Singapur (2.371), México (2.246) e Corea do Sur (2.113). 

* Máis do 30 por cento dos traballadores taiwaneses menores de 40 anos gastan todo o seu soldo mensual e algúns descobren que é difícil lograr un equilibrio financeiro, segundo resultados dunha enquisa realizada pola axencia de traballos en liña "yes123". 

4. Nomes relevantes

* James Soong, líder do PPP, foi nomeado representante de Taiwan na próxima reunión de APEC. Soong, máis próximo aos nacionalistas que aos soberanistas, recoñeceu que se comunicou con China continental con carácter previo ao anuncio. 

* Ding Kung-wha, presidente da Comisión de Supervisión Financeira, presentou a súa dimisión polo caso de lavado de diñeiro do Banco Mega Internacional.

* O ex vicepresidente de Taiwan, Wu Dean-yih, pediu a Beijing que non adopte medidas que amplíen a distancia psicolóxica entre os pobos dos dous lados do Estreito. 

* Ante as críticas recibidas, o ex director do Museo Nacional do Palacio, Feng Ming-chu, dimitiu do seu cargo de asesor no Museo de Palacio de Beijing “para evitar causar máis problemas”.

* O ex presidente Chen Shui-bian, en liberdade condicional por enfermidade, solicitou das autoridades da prisión de Taichung, permiso para acudir ás celebracións do Dobre Dez, ás que foi invitado pola Comisión de Celebracións e o presidente do Yuan Lexislativo.