Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
OPCh 25 de Outubro de 2016 Ríos
Hebdomadario da Política Taiwanesa

Taiwan Hebdo 42-2016

Semana do 17 ao 23 de Outubro de 2016
estados_unidos_e_taiwan_tenen_diferenzas.jpg

1. Informe

As eleccións presidenciais estadounidenses espertan a natural preocupación en Taiwan, tendo en conta os importantes lazos que vertebran as relacións bilaterais. Quen sería máis beneficioso para Taipei: Trump ou Clinton? A candidata demócrata non gusta especialmente en China continental, o cal podería, por engadido, xerar maiores simpatías en Taiwan. Por outra banda, Hillary Clinton recadou importantes fondos entre os taiwaneses radicados en EUA (moito máis que Trump), mostrándose disposta a seguir a política de Obama neste aspecto. No entanto, algúns taiwaneses móstranse receosos co comportamento demócrata en aspectos chave como a venda de armas ou o aval á integración económica (o Acordo Transpacífico, que Clinton non ve con bos ollos). Hillary, en calquera caso, definiu a Taiwan como un importante socio económico e de seguridade de EUA, segura de que contribuirá ao éxito da súa política de Pivot to Asia.

Polo que se refire a Trump, o seu discurso foi errático en temas substanciais como o reordenamento estratéxico da rexión e as implicacións de EUA en materia de defensa, provocando preocupación. No entanto, os republicanos, tradicionalmente, sempre brindaron un apoio máis sólido a Taiwan. En xuño último, as dúas cámaras do Congreso aprobaron unha resolución afirmando que a acta de Relacións con Taiwan e as “seis garantías” (dadas polo republicano Ronald Reagan) constitúen a base política das relacións bilaterais. Foron os republicanos quen alentaron esta declaración.

Gañe quen gañe, o novo contexto rexional condicionado polo cambio de bando de Filipinas revalidará o papel de Taiwan na zona, o cal suporá unha previsible intensificación dos vínculos bilaterais, calquera que sexa o/a inquilino/a da Casa Branca. 

2. Observacións de contexto.

* O primeiro ministro Lin Chuan dixo ante o Yuan Lexislativo que a posición do goberno sobre o estatus da República de China non se identifica co dalgúns candidatos a xuíz supremo. O KMT acusou á presidenta de avalar a xuíces partidarios da doutrina de “dous estados” e facilitarlles unha posición determinante que lles dá dereito a emitir interpretacións dunha Constitución que non comparten. A presidenta Hung Hsiu-chu reclamou a retirada dos nomeados Hsu Chih-hsiung, Hsu Tzong-li e Hwang Jau-yuan por consideralos “non aptos”.

* O Consello de Grandes Xuíces rexeitou a petición subscrita por 35 deputados do KMT que solicitaban unha interpretación constitucional relativa á polémica norma que pretende clarificar as contas e o patrimonio do partido. A lei estipula un mínimo de 38 deputados para ser válida. 

* A alcaldesa de Kaohsiung, Chen Chu, pediu unha solución sobre a situación do ex presidente Chen Shui-bian, que debe abordarse como un problema legal e político. Fontes da presidencia reclamaron máis estudos sobre a cuestión de si débese conceder ou non un perdón especial ao ex líder do PDP. 

* O debate sobre o contido da entrevista que proximamente manterán a presidenta do KMT, Hung Hsiu-chu, e o secretario xeral do PCCh, Xi Jinping, subiu a tensión interna. A bancada lexislativa do partido nacionalista esixiu a Hung un aliñamento claro coas posicións tradicionais do KMT mentres esta restou importancia ás críticas. 

* O goberno de Hong Kong chamou a Taiwan a “absterse de interferir” nos asuntos internos do territorio.

* Un grupo de supervivintes e familiares de vítimas da represión política nos anos 50, época do “terror branco”, urxiron á presidenta Tsai a asinar un acordo de paz con Beijing. 

* A Fronte do Traballo de Taiwan reclama unha nova lexislación sobre o salario mínimo para combater o aumento dos empregos de baixa remuneración, especialmente dominante no sector servizos. Segundo fontes oficiais, o emprego precario afecta a uns 700.000 traballadores e máis do 75 por cento dos empregados en todo o país teñen unha renda inferior ao ingreso medio nacional, situado nos NT$31.100. 

* O Yuan Executivo aprobou unha emenda á lexislación laboral que elimina a obriga de que o traballador estranxeiro teña que abandonar Taiwan polo menos por un día tras cumprir tres anos de servizo no caso de querer empregarse novamente. 

* Varios tibetanos exiliados logo de 2008 manifestáronse en Taipei para reclamar a renovación dos seus pasaportes e o acceso ao sistema nacional de saúde. 

* Funcionarios de 15 ministerios e oficinas públicas reuníronse en Taipei baixo a presidencia do primeiro ministro Lin Chuan para analizar os avances rexistrados na Nova Política cara ao Sur.

* Un barco pesqueiro de bandeira taiwanesa foi capturado por patrullas indonesias por faenar na zona marítimo-pesqueira superposta entre Indonesia e Filipinas. A bordo ían 8 tripulantes taiwaneses e 6 empregados de orixe filipina. 

* Un tenente coronel do exército, xa xubilado, foi detido como sospeitoso de levar a cabo actividades de espionaxe para China continental. O oficial foi responsable de vixiar as telecomunicacións de China continental mentres traballou para o Ministerio de Defensa. 

3. Datos relevantes

* O prognóstico de crecemento do PIB para 2016 elevouse ao 1,03 %, cun aumento de 0,19 puntos en comparación co 0,84 por cento prognosticado anteriormente pola Institución Chung-hua para as Investigacións Económicas. 

* Unha diminución dos turistas de China continental podería recortar o crecemento do PIB de Taiwan nunha décima. A baixa experimentada en outubro, mes de afluencia pola coincidencia de festivos, foi do 47,8 por cento, cunha notable redución do 70,6 por cento no caso dos grupos.

* Segundo Taipower, o uso eléctrico alcanzou a cuarta taxa de transferencia eléctrica máis baixa da historia, acendendo as alertas sobre a crise do fornezo de enerxía. O executivo reiterou que non se contempla a reactivación do primeiro reactor da Central Nuclear Nº1. 

* Cinco cidades e condados taiwaneses (Chiayi, Keelung, Tainan, Tiaoyuan e o condado de Yilan) sitúanse en lugar preferente da lista de Comunidades Smart21, segundo o Foro de Comunidades Intelixentes. 

* As perdas agrícolas como consecuencia das fortes choivas e os sucesivos tifóns ascenden a máis de 73 millóns de dólares.

* Os pedidos de exportación de produtos de Taiwan experimentaron un aumento anual do 3,9 por cento en setembro. 

* As violacións dos dereitos de autor representaron a maior parte dos crimes económicos cometidos en Taiwan nos primeiros oito meses do ano. 

4. Nomes relevantes

* Mark Chen, presidente da fundación Prospect representará á presidenta Tsai na vixésima edición da conferencia Foro 2000 que se realizará en Chequia. O enviado taiwanés podería reunirse co Dalai Lama en Praga. 

* Le Ruey-tsang será o novo presidente do Consello de Supervisión Financeira. 

* Foron aceptadas as renuncias do secretario xeral da Oficina Presidencial, Lin Pi-chao, e do director xeral da Oficina de Seguridade Nacional, Yang Kuo-chiang, sendo substituídos, respectivamente, por Jason Liu e Peng Sheng-chu. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais