Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
OPCh 26 de Febreiro de 2017 Ríos
Hebdomadario da Política Taiwanesa

Taiwan Hebdo 9-2017

Semana do 20 ao 26 de Febreiro de 2017
dscn4402.jpg

1. Informe

Taiwán conmemora nestas datas o 70 aniversario do coñecido como Incidente 228, a masacre cometida o 28 de Febreiro de 1947 cando as tropas de Chiang Kai-shek reprimiron duramente un levantamento popular. O incidente ocorreu dous anos antes de que o KMT se trasladara do continente a Taiwán. As tropas foron mobilizadas trala brutalidade exercida por un inspector gobernamental contra unha humilde muller que vendía na rúa tabaco de contrabando. Como consecuencia da represión militar, ducias de miles de taiwaneses inocentes foron asasinados. A lei marcial imposta entón durou case catro décadas. Calcúlase que entre 18.000 e 28.000 persoas morreron a consecuencia da represión. Taiwán perdeu case toda unha xeración da súa elite.

Beijing condenou o ton das celebracións aplicado por Taipéi denunciando unha “estrataxema das forzas independentistas para secuestrar” as conmemoracións distorsionando os feitos históricos para crear antagonismo na sociedade. Un portavoz continental situou aquela protesta como “parte da liberación do pobo chinés” e para sorpresa de non poucos programou un evento a fin de reflexionar e conmemorar aquel episodio nun esforzo por disputar a versión e capitalización da masacre. 

A Oficina Presidencial cualificou a protesta como unha “acción xusta” contra unha ditadura. A presidenta Tsai Ing-wen recibiu aos familiares das vítimas e anunciou que o Goberno encabezará as investigacións para coñecer toda a verdade sobre o sucedido entón. A Academia Histórica publicou unha versión máis actualizada da recompilación dos arquivos daquel suceso. Tsai comprometeuse a presentar un informe sobre a xustiza de transición no prazo de tres anos. 

A conmemoración non é allea ao debate sobre o destino das estatuas de Chiang Kai-shek que nalgúns campus universitarios esténdese ás de Sun Yat-sen nun contexto de incremento do vandalismo e do apoio á xustiza de transición. En cidades como Tainan acordouse a eliminación de varias estatuas de Chiang no medio de protestas do KMT. Pola súa banda, a ministra de Cultura Cheng Li-chun indicou a necesidade de realizar transformacións no Salón Conmemorativo de Chaing Kai-shek, “construído durante o réxime autoritario e para conmemorar a gobernantes autoritarios”.

O KMT descualifica estas iniciativas que sinala como “ideolóxicas”. O PDP responde que é “inconcibible” que se opoña aos esforzos por librar a Taiwán dos símbolos da ditadura e invítao a vencer as resistencias a abandonar un legado de terror facendo fronte ao seu pasado. 

2. Observacións de contexto.

* Amnistía Internacional eloxiou a Taiwán polos seus avances en materia de Dereitos Humanos facendo mención especial da cuestión das unións homosexuais, a xestión dos casos de pena de morte e o proxecto de lei de refuxiados. Tamén aplaude a decisión de non procesar aos 126 manifestantes do Movemento dos Xirasoles que participaron na ocupación do Yuan Lexislativo en 2014. 

* O PDP creou unha Comisión de inmigrantes e Novos Residentes con participación destes colectivos, ademais de expertos e académicos. A iniciativa pretende incorporalos á sociedade taiwanesa como ponte cara ao Sueste Asiático.

* O Gabinete enumerou os seus prioridades lexislativas que estarán centradas na reforma das pensións, o desenvolvemento económico, a renovación urbana, as reformas tributarias, a xustiza transicional, os coidados a longo prazo e as relacións a través do Estreito. 

* O vicepresidente Chen Chien-jen mostrou a determinación do goberno na loita contra o quecemento global. En paralelo, anunciou a revisión das leis relativas á contaminación para mellorar a calidade do aire na illa. 

* O presidente do Consello de Agricultura, Lin Tsgung-hien, recordou que aínda que en Taiwán está prohibida a venda de carne porcina con ractopamina, débese ter en conta a normativa da Comisión Codex de Nacións Unidas sobre a cantidade de residuos. Lin tamén sinalou que a importación de carne de porco é un tema político e de seguridade pero ata o momento non hai indicios de negociacións por parte de EUA nin de ningún outro país. Ademais de anunciar compensacións substanciosas para os criadores locais de chegar a autorizarse a importación, anticipou a dificultade de resistir as presións de terceiros países para abrir o mercado taiwanés. 

* O Comité de Liquidación de Activos ilegalmente adquiridos polos partidos políticos dirixe agora os seus dardos ao coñecido ata 2000 como o Corpo Nacional de Salvación da Mocidade Chinesa Anticomunista, para determinar si se trata ou non dunha entidade afiliada ao KMT e os seus fluxos de caixa. 

* Varios think tanks continentais relacionados co problema de Taiwán foron obxecto de cambios. Así, Yang Mingjie foi nomeado director do Instituto de Estudos de Taiwán na CASS, e Dai Bingguo, presidente da Sociedade Nacional de Estudos de Taiwán. Os novos nomeamentos relaciónanse co empeño de Beijing de impulsar os seus esforzos cara a Washington para tratar as súas relacións con Taiwán. Outros anuncian cambios no pensamento estratéxico continental en relación ao Estreito. O responsable da Oficina de Asuntos de Taiwán do Consello de Estado, Zhang Zhijun, advertiu de complicacións serias no futuro inmediato e pediu aos investigadores máis consellos e esforzos para mellorar a situación. 

* China continental protestou ante Tokio despois de que un grupo de expertos do Ministerio de Defensa de Xapón emitise un informe sobre a seguridade de China na que Taiwán foi posto en paralelo coa parte continental como entidade política. 

* Centos de veteranos, incluíndo militares e membros do colectivo Huang Fu-hsing do KMT, manifestáronse en Taipéi contra os recortes propostos nas pensións. O vicepresidente do KMT, Hau Lung-bin apoiounos. O deputado do PDP, Wang Ding-yu, acusoulles de “desvergoña”. 

* O Ministerio de Defensa negou a intención de levar a cabo un exercicio militar programado para maio converténdoo nunha operación a gran escala para conmemorar o primeiro aniversario da toma de posesión de Tsai Ing-wen. Beijing criticou as manobras militares levadas a cabo recentemente en Taiwán nas que se simulou a “decapitación dun ataque”. As sospeitas, confirmadas nalgúns casos, de consumo de drogas no exército empanaron novamente a súa imaxe pública. 

3. Datos relevantes

* A taxa de popularidade da presidenta Tsai recuperouse da forte caída dos dous últimos meses: algo máis do 40 por cento recoñecen o seu desempeño, cun aumento de 7,6 puntos en relación ao mes anterior. A taxa de descontento caeu 13,1 puntos porcentuais. 

* Unha enquisa do portal my-formosa revelou que o 47,5 por cento dos cidadáns considera que a posición presidencial con respecto ao Estreito é prexudicial para a seguridade nacional. Un 55,9 por cento dos enquisados cre que conleva desvantaxes económicas. E un 66,5 por cento estima que se debería negociar a substitución do “Consenso de 1992”. 

* Por sexto mes consecutivo, as exportacións taiwanesas creceron en xaneiro, alcanzando un 5,2 por cento.

* A taxa de desemprego en xaneiro ascendeu a 3,78 por cento, a máis baixa desde xullo de 2015 e a segunda máis baixa do mesmo mes nos últimos 16 anos. 

* Os salarios reais en 2016 quedáronse á zaga dos do ano 2000 logo de tomar en consideración a inflación, segundo fontes oficiais. O promedio de ingreso mensual regular en 2016 ascendeu a US$1.277.

* A competitividade comercial de Taiwán caeu por cuarto ano consecutivo, baixando ao 16º lugar nos últimos rankings compilados pola Asociación de Importadores e Exportadores de Taipéi. É a posición máis baixa desde 2009. 

4. Nomes relevantes

* Le Yi-yang e Chen Tzu-yang foron nomeados vicepresidente e membro, respectivamente, do Yuan de Exames. 

* Hochen Tan, ministro de Transporte, podería verse obrigado a dimitir si prosperan as numerosas queixas polo tráxico accidente de autobús que deixou numerosas mortes e varios feridos. 

* Tri Astiningsih, traballadora indonesia, foi deportada a Yakarta tras descubrirse o seu achegamento ao Estado Islámico. 

* José Luís Echaniz Cobas, representante de España en Taiwán, foi convocado á Chancelería para reiterarlle a postura oficial contraria á decisión española de deportar a Chinesa continental a un grupo de taiwaneses involucrados en fraude telefónica. 

* Gong Qinggai, subdirector da Oficina de Asuntos de Taiwán do Comité Central do PCCh, foi encausado por corrupción. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais