Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
CIDOB 23 de Decembro de 2016 Ríos

Taiwan na fala da xente

taiwan.jpg

Da noite para a mañá, a resultas da vitoria de Donald Trump nas eleccións estadounidenses e o seu cuestionamento da política dunha Soa China, Taiwan pasou nun instante do ostracismo internacional a estar na fala da xente. As declaracións do presidente electo viñan precedidas dun acordo subscrito polas dúas cámaras que permitirá elevar en 2017 o nivel dos intercambios militares entre Taiwan e EUA. E todo iso prodúcese nun contexto de tensión crecente entre Beijing e Taipei desde o pasado 20 de Maio cando a soberanista Tsai Ing-wen, do Minjindang ou PDP, ao asumir o poder, negouse a ratificar o chamado “Consenso de 1992”, un entendemento tácito subscrito polo KMT e o PCCh a favor da reunificación e que serviu de base para o achegamento propiciado durante o mandato da formación nacionalista (2008-2016). 

Poida que as declaracións de Trump sexan expresión da inexperiencia, como apuntaron algúns, ou pola contra respondan a precisos tanteos orientados a unha estratexia de reforzamento do poder de negociación comercial co xigante asiático. A China, que esperaba un Trump máis duro no económico pero condescendente no estratéxico, pouco lle importará. A mobilización da súa forza aérea foi inmediata para expresar a contundencia da súa mensaxe: si hai cambios na política cara a Taiwan, haberá unha resposta substancial.

Pola súa banda, Taiwan ve perigar a defensa do statu quo, un principio erixido en política gobernamental para responder de forma equidistante tanto ás demandas continentais como ás presións dos movementos independentistas da illa. Taipei móvese entre o alborozo polas expectativas que esperta o republicano Trump e o temor a converterse en moeda de cambio nas relacións sino-estadounidenses.

EUA vén apoiando a política dunha Soa China desde 1972, cando Nixon asinou con Zhou Enlai o Comunicado de Shanghai. Dez anos despois, Ronald Reagan sumou a iso as “Seis Garantías” que aseguran a continuidade da venda de armas e exclúen calquera presión a favor da reunificación. Na súa última conferencia de prensa, Obama advertiu a Trump que os chineses non tratarán o problema de Taiwan do mesmo xeito que outros asuntos, nin sequera o Mar de China meridional. Taiwan é un asunto central, o nervio máis sensible das relacións entre EUA e China, e o potencial desestabilizador dunha controversia sobre este asunto non debese ignorarse. Un estreito inestable en Taiwan podería conmocionar todo o nordeste de Asia.

Os cambios de Administración en EUA adoitan incorporar abaneos en políticas clave en relación a China. Pasou con Clinton en 1995 cando autorizou a “visita privada” do presidente taiwanés Lee Teng-hui, irritando a Beijing. Dous anos máis tarde, as augas volveron á súa canle. 

China necesita estabilidade interna e externa para culminar a súa transición cara un novo modelo de desenvolvemento pero sería un grave erro crer que iso lle obrigará a facer concesións en asuntos centrais, máis cando a correlación de forzas na rexión sopra ao seu favor. Taiwan segue sendo cassus belli. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais