Distribuir

Distribuir contido
El País 13 de Xullo de 2016 Ríos

Tarxeta amarela para China

imaxes_vera_150.jpg

Tempo haberá para ler a letra pequena do fallo da arbitraxe e máis aínda para as interpretacións nun tema tan complexo -incluído a determinación do seu carácter vinculante e en que dimensión- pero sen dúbida, en si mesmo, o pronunciamento marca un punto de inflexión nas agres disputas en torno ao Mar de China meridional. Prevíase adverso para os intereses de Beijing e este reaccionou da forma esperada, negando ao tribunal a lexitimidade e a competencia para entender do asunto e recordando a súa adhesión ás cláusulas de reserva da convención de Montego Bay. A partir de agora, dado que o ditame é simplemente inaplicable pola vía da forza, China podería optar por acelerar a súa estratexia de consolidación de posicións nas áreas en disputa, o cal, lonxe de poñer xuízo e arbitrio nos contenciosos abertos pode conducir a unha elevación das tensións si as demais partes (e as grandes potencias que lles apoian, desde EUA a Xapón ou India) non se amilanan.

No plano bilateral, a recentemente estreada presidencia en Manila de Rodrigo Duterte pode abrir vías de entendemento que poñan sordina temporal a este fallo, pero xa forma parte desa historia convertida en principal argumento das reclamacións chinesas. No entanto, nunha orde máis ampla e no marco das relacións con EUA, situará a China á defensiva a menos que, sentado o seu rexeitamento, aposte por un cambio de escenario que sortee a dinámica de militarización, hoxe claramente ascendente e non da súa exclusiva responsabilidade. O fallo engade presión á urxencia de aportar credibilidade ao seu argumento de que a negociación bilateral non é unha estrataxema para simplemente gañar tempo e proxección sobre o terreo.

En tempos recentes, a confrontación aberta poucas veces foi o signo da política exterior chinesa. Tampouco a precipitación. Nos últimos anos, Beijing, á vista do seu novo estatus global, priorizou a satisfacción a curto prazo dos seus intereses vitais alentando unha política de feitos consumados cuxos réditos son máis que discutibles. O que necesita, pola contra, é materializar alternativas diplomáticas que confirmen que a negociación é a mellor, si non a única, saída posible. Feitos recentes, como o disparo accidental dun mísil antibuque pola Armada taiwanesa, advírtennos dos riscos dunha espiral de exacerbación das tensións con incidentes militares ao alza.

Para Xi Jinping, o fallo é un revés máis (e acumúlanse no plano territorial coa crise en Hong Kong ou os soberanistas no poder en Taiwan), unha afronta ante a cal non pode mostrar debilidade. Pero é tamén un fracaso ao que podería darlle a volta presentando a China como vítima de novo da andamiaxe dunha orde internacional construída a imaxe e semellanza dos intereses occidentais. En suma, outro 4 de Maio de 1919. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais