Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
El Progreso 31 de Decembro de 2014 Ríos

Tempo de aceleración dos cambios

O panorama internacional ao longo de 2014 evolucionou sinalando tendencias que apuntan a cambios decisivos na orde mundial. O denominador común é a intensificación paralela tanto dos factores que inciden na desorde como aqueles outros que promoven transformacións estruturais nun contexto de acusadas resistencias. Un espello desa aceleración dos cambios foi o  anuncio da normalización das relacións entre Cuba e EEUU tras varias décadas de aplicación infrutuosa dun embargo amplamente condenado pola comunidade internacional.

En medio dun novo espertar da loita antiterrorista marcada pola eclosión do Exército Islámico e os espasmos talibáns, a revelación sobre as torturas da CIA completou a decapitación do “Bushismo” e a guerra de Bush contra o terrorismo, poñendo contra as cordas aos republicanos, valedores dunha estratexia que agora, coa revelación dos detalles recollidos nun informe oficial (máis de 6.000 páxinas das que só se coñece o contido de 480) pode provocar que as organizacións terroristas asasinen aos reféns estadounidenses ou decidan lanzar unha ofensiva maior nesa dirección.

Os acordos financeiros alcanzados en 2014 polo BRICS (Brasil, Rusia, India, China e Sudáfrica) no cumio de Fortaleza en xullo, anunciando a creación do Novo Banco de Desenvolvemento, sinalan unha iniciativa inédita entre países emerxentes. O banco, que nace con un capital inicial de 50.000 millóns de dólares, mobilizará recursos para proxectos de infraestrutura e desenvolvemento sostible tanto no ámbito dos BRICS como outras economías emerxentes e en vías de desenvolvemento. Ademais crearon un fondo de reservas de continxencia para apoiar a estabilidade financeira dos países membros. A desaceleración das economías do grupo e a inestabilidade rusa ameazan a relevancia final destas medidas que en 2015 deben ser ratificadas polos países membros asegurando entón a súa entrada en vigor. En calquera caso, os BRICS pasaron de analizar a situación global a propor accións transformadoras da orde mundial. Esa dinámica colleu pulo en virtude das dificultades constatadas para implementar as reformas do FMI, aprobadas en 2010, e que novamente, en 2014, quedaron pendentes da ratificación por parte de EEUU.

América Latina non pasa polo mellor momento

Afectada pola crise económica internacional, a economía de América Latina non pasa polo seu mellor momento e semella ter posto fin a unha década de expansión, se ben nunha rexión tan ampla e heteroxénea hai excepcións e algúns países presentan aínda un significativo crecemento económico. Segundo a CEPAL, organismo rexional de Nacións Unidas, América Latina rexistrará este ano un crecemento medio do 2,2 por cento, cifra inferior ao 2,5 por cento de 2013 e ao 3,2 por cento fixado na previsión inicial.

A desaceleración que viven as principais economías do mundo, como EEUU, China e a UE, levou a un freo na importación de commodities latinoamericanas como o petróleo, o carbón, o cobre ou o níquel. Ante unha menor demanda, os prezos caeron e as arcas dos países se resentiron. A caída do crecemento en Brasil (apenas o 0,3 por cento) afecta a moitos países da rexión, pero principalmente a Arxentina, o seu socio principal no Mercosur, onde tamén se atopan Uruguai, Paraguai e a recen chegada Venezuela, onde se vive a peor situación do continente (hiperinflación, problemas coa taxa de cambio e coa balanza de pagos, escaseza, perda de reservas internacionais, etc.). o empeoramento da situación en Venezuela ten efectos negativos nalgúns países de Centroamérica e o Caribe que reciben apoio, vía petróleo, de Caracas. Pola contra, a recuperación en EEUU pode beneficiar a países como México ou Panamá, entre outros.

Pese ás dificultades, o certo é que América Latina non atravesa a situación crítica que vivía permanentemente décadas atrás. As súas economías son máis sólidas, politicamente son países máis estables e dispoñen dun colchón de reservas que proporciona certa seguridade.

Europa, malas noticias

Europa foise convertendo ao longo de 2014 nun foco inevitable de malas noticias. No económico, se ben o período mais convulso da crise de débeda, que estalou en 2010, é cousa do pasado, aínda non se pode falar da tan anhelada recuperación económica xeral. Os reveses causados polas secuelas da crise de débeda, as reformas estruturais, o restritivo resultado da austeridade fiscal, ao que se sumou o impacto da crise de Ucraína no entorno comercial, propiciaron o estancamento. Incluso Alemaña ten dificultades para facer fronte ás actuais circunstancias. Por outra banda, o avance da ultradereita quedou de manifesto nas eleccións ao Parlamento europeo, resultado dunha perda de confianza social nas institucións como consecuencia das receitas para superar a crise. Á ultradereita e euroescépticos súmanse os procesos de reordenación estatal, con epicentro en Escocia, catalizador dun fenómeno que posúe ramificacións varias ao longo do continente. Por último, a volta da guerra a solo europeo coa crise de Ucraína, marcou tamén o regreso a Europa de EEUU fortalecendo o papel da OTAN, as sancións e activando a confrontación con Rusia.

Asia, entre o pasado e o futuro

En Xapón, Shinzo Abe tentou superar o cuestionamento das súas políticas económicas cunha nova maioría nas urnas a través dunha convocatoria anticipada dos comicios. Non obstante, a súa estratexia baseada na flexibilidade monetaria, os estímulos fiscais e o crecemento non permitiu ate o momento superar a prolongada deflación e revitalizar a economía. Por outra banda, o xiro cara a dereita na política do país, reflectido nas múltiples tensións nacionalistas e territoriais con algúns países veciños, xeran un importante nerviosismo na zona. Reunidos Xi Jinping, o líder chinés, e Shinzo Abe, no cumio de APEC en Beijing en novembro, sentaron as bases dunha normalización que puidera amosar pronto a súa fraxilidade.

A China, por outra banda, nada parece detela. Crecendo a unha taxa superior ao 7 por cento se ben recoñecendo o delicado do momento actual, a “nova normalidade” económica apunta a taxas de un só díxito para a presente década. En paralelo aos cambios estruturais no modelo, China apunta a un desenvolvemento ulterior da reforma política centrada na consolidación dun estado de dereito sui generis, chamado a fortalecer a hexemonía do Partido Comunista que igualmente vive horas convulsas en virtude dunha moi intensa loita contra a corrupción.

Os feitos e tendencias máis acusadas de 2004 nos ilustraron os fortes vínculos existentes entre as situacións económica e política tanto no plano estatal como rexional e global e os riscos engadidos á busca de solucións estatais ou que non teñen suficientemente en conta o ben común.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais