Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
La Voz de Galicia 4 de Febreiro de 2017 Mansilla Blanco

Trump nun “mundo en apuros”

Donald Trump

O mundo está en apuros pero ímolo endereitar”. A lapidaria frase do novo presidente estadounidense Donald Trump para xustificar as súas primeiras medidas en materia de política exterior, incrementan dun xeito irreversible o caudal de preocupación que amosa a súa polémica presidencia.

Trump semella navegar con certa comodidade no terreo das expectativas. Polo momento, acelera o ritmo para cumprir co guión preestablecido das súas promesas electorais: acabar co Medicare; erguer o muro antiinmigración na fronteira con México; vetar a entrada a EUA de cidadáns provenientes de países islámicos como Iraq, Siria, Irán, Afganistán, Sudán; abrir unha fronte con China a través de achegamentos con Taiwán; e recrear unha especie de eixe anglosaxón con Gran Bretaña que defina un “neoatlantismo” post-Brexit co obxectivo de neutralizar á OTAN e, especialmente, acosar a unha Unión Europea a quen non dubidou de catalogar como un “consorcio”.

O nomeamento de Rex Tillerson como secretario de Estado e do ex marine John Kelly para a secretaría de seguridade interna reforzan a perspectiva estratéxica que Trump lle outorga á seguridade nacional. E aquí apóiase en “falcóns” do poderoso complexo militar-industrial, do sector enerxético e dos “duros” do Pentágono. Nadando nas augas do proteccionismo comercial e recreando un obsesivo “cordón sanitario” ante as consideradas ameazas exteriores, está por ver cómo será a pretendida realpolitik de distensión co seu “amigo” Putin.

A Trump non semellan preocuparlle os roces diplomáticos (México, Australia) nin o maioritario repudio que a nivel global ven manifestando unha opinión pública escandalizada ante as súas decisións, aínda que as mesmas foran previsibles. Asumindo que non haberá “lúa de mel” nos tradicionalmente simbólicos “100 primeiros días” dun presidente na Casa Branca, Trump semella decidido a impoñer o seu ritmo sen importarlle as consecuencias nin os seus efectos colaterais.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais