Un balance da “Primavera” árabe

Constatar a realidade do mundo árabe trala irrupción da súa denominada Primavera obriga a ofrecer un balance controvertido, considerando como indubidable que os cambios políticos no Magreb e o seu espallamento cara Oriente Próximo e o Golfo Pérsico coparon a atención internacional ao longo de 2011 e, con toda seguridade, seguirán a converterse nun tema de capital importancia a mediano prazo.

Apartados xeográficos Oriente Medio
Idiomas Galego

Constatar a realidade do mundo árabe trala irrupción da súa denominada Primavera obriga a ofrecer un balance controvertido, considerando como indubidable que os cambios políticos no Magreb e o seu espallamento cara Oriente Próximo e o Golfo Pérsico coparon a atención internacional ao longo de 2011 e, con toda seguridade, seguirán a converterse nun tema de capital importancia a mediano prazo.

A caída de catro líderes árabes (Ben Alí en Tunisia, Mubarak en Exipto, Gadafi en Libia e Saleh en Iemen) ofreceu inmediatamente a variable dunha incerta democratización lastrada pola persistencia dea estruturas de poder monolíticas, determinadas por elites enquistadas a través da sinuosa perspectiva da corrupción e das lealdades. Non obstante, o ambiguo optimismo inicial deu paso á constatación dun necesario progreso socioeconómico e de participación política que non é nin uniforme nin homoxéneo. Cada país obedece a unha realidade distinta, cos seus propios matices.

En principio, o actor político máis relevante da Primavera árabe se focaliza cara os movementos islamitas, vencedores de procesos electorais democráticos en Tunisia, Marrocos e, polo momento, no prolongado e violento escenario exipcio. Por décadas estigmatizado dende Occidente e reprimido polos seus réximes árabes aliados, o islamismo político constitúe a principal fonte de lexitimación, mobilización e participación política nunhas sociedades árabes que, igualmente, observan o ascenso doutros movementos laicos. Por tanto, o pulso político e social (tensamente pacífico ou violento) entre islamitas e laicos abórdase como o escenario máis visible, na pretensión por canalizar diversas demandas de desenvolvemento.

Doutra banda, a indefinición occidental cara a Primavera árabe revelou a súa escasa visión e perspectiva de achegamento cara estas sociedades e a persistencia por manter incuestionables alianzas con elites de poder corruptas e represoras. Sorprendidos pola imparable mobilización popular, nin Europa nin EE.UU lograron descifrar unha dinámica que ameazaba con alterar os seus tradicionais intereses xeopolíticos.

Como reacción, Occidente activou a súa acostumada “vara de dobre medición”: interveu militarmente en Libia defendendo a Responsabilidade de Protexer mentres aplicaba o silencio ante a represión en Bahrein, co apoio saudita. No caso sirio, a súa actitude segue a reproducir esta escaseza de amplitude e pluralidade de visións. Por tanto, poucos apostan pola estabilidade nos escenarios de intervención occidental (incluso baixo o amparo da ONU e da OTAN) como foi o caso libio, esvaecido nun labirinto de rivalidades sectarias baixo o apetito de provisión dos recursos enerxéticos.

Pode que a Primavera árabe estea dando curso a unha nova xeopolítica rexional. O ascenso de Turquía como referente para o mundo árabe (incluso parcialmente substituíndo ese tradicional rol outorgado a Exipto) así como a reactivación das tensións entre Israel e Irán determinan un mapa inédito para Occidente, cuxa perda de peso na rexión resulta evidente. Noutro apartado, as elites e estruturas de poder existentes tentan “tutelar” os cambios baixo unhas reformas cosméticas que, paralelamente, poden tensar un escenario xa salpicado pola violencia (como no caso exipcio) ou ben “modernizar” o status quo, como no caso marroquí.

En perspectiva, a rebelión activada nunha rexión periférica para a xeopolítica occidental ilustra igualmente a contrariedade popular cara un modelo económico e político ata agora vixente. Así, a Primavera árabe tamén interpreta unha reacción e resistencia cara a homoxeneización cultural imposta por Occidente a través dunha hexemónica e incuestionable globalización neoliberal. A faísca espallada polo mozo tunisiano inmolado en sinal de protesta fai exactamente un ano identifica esa dinámica de resistencias orientadas a construír outro mundo posible.