Unha análise de José Corrochano Ponte (alumno en prácticas da USC)

Un Cáucaso Sur estratéxico pero esquecido

Enclavado dentro do estratéxico espazo euroasiático ex soviético, o Cáucaso Sur dirime un pulso de intereses xeopolíticos e de carácter enerxético do que non escapan seculares conflitos internos de carácter político, etno-lingüístico e incluso cultural-relixioso. Aparecen así conflitos sen resolver en entidades estatais de feito (Nagorno Karabaj, Osetia do Sur, Abxasia), expresións de irredentismo secesionista e de presenza xihadista no Cáucaso Norte ruso (Chechenia, Daguestán, Ingushetia, Osetia do Norte), penetración de intereses occidentais (“revolucións de cores” en Xeorxia, ampliación da OTAN, OSCE e UE), un breve pero intenso conflito rexional (guerra entre Rusia e Xeorxia en 2008) e incluso as implicacións indirectas do conflito ucraíno, en particular o retorno de Crimea á soberanía rusa (2014). Deste xeito, o Cáucaso Sur amosa un marcado pulso de intereses entre diversos actores rexionais (Rusia, Turquía, Irán) e outros externos (UE, EUA, OTAN, Israel, China), comprometidos na tramitación de esferas de influencia e de control das rutas de distribución dos recursos enerxéticos do Mar Caspio, escenario que abre unha nova etapa dentro das estratexias xeopolíticas rexionais.

Apartados xeográficos Rusia
Idiomas Galego

Enclavado dentro do estratéxico espazo euroasiático ex soviético, o Cáucaso Sur dirime un pulso de intereses xeopolíticos e de carácter enerxético do que non escapan seculares conflitos internos de carácter político, etno-lingüístico e incluso cultural-relixioso. Aparecen así conflitos sen resolver en entidades estatais de feito (Nagorno Karabaj, Osetia do Sur, Abxasia), expresións de irredentismo secesionista e de presenza xihadista no Cáucaso Norte ruso (Chechenia, Daguestán, Ingushetia, Osetia do Norte), penetración de intereses occidentais (“revolucións de cores” en Xeorxia, ampliación da OTAN, OSCE e UE), un breve pero intenso conflito rexional (guerra entre Rusia e Xeorxia en 2008) e incluso as implicacións indirectas do conflito ucraíno, en particular o retorno de Crimea á soberanía rusa (2014). Deste xeito, o Cáucaso Sur amosa un marcado pulso de intereses entre diversos actores rexionais (Rusia, Turquía, Irán) e outros externos (UE, EUA, OTAN, Israel, China), comprometidos na tramitación de esferas de influencia e de control das rutas de distribución dos recursos enerxéticos do Mar Caspio, escenario que abre unha nova etapa dentro das estratexias xeopolíticas rexionais.

Un punto de inflexión das tensións actuais no Cáucaso Sur comezou coa “Guerra dos cinco días” (8 a 13 de agosto de 2008) entre Rusia e Xeorxia, coa agresión de Tbilisi ás rexións de Abxasia e de Osetia do Sur, co caso particular de que esta última buscaba unirse coa república federativa rusa de Osetia do Norte.

Este conflito rematou coa derrota militar xeorxiana e a secesión de feito de Abxasia e Osetia do Sur, ambas as dúas inmediatamente recoñecidas diplomaticamente por parte de Rusia, así como de países latinoamericanos como Venezuela e Nicaragua, mais sen recoñecemento oficial por parte da ONU. Dende entón, a breve guerra ruso-xeorxiana mudou subitamente o equilibrio estratéxico e as relacións existentes dentro do establishment caucásico, cunha implicación rexional que igualmente amplíase de cara ás veciñas Armenia e Acerbaixán.

As repúblicas do Cáucaso, situadas entre os mares Negro e Caspio, conforman unha marcada diversidade. No Norte atópanse aquelas repúblicas que forman parte da Federación Rusa, en particular Osetia do Norte, Chechenia, Daguestán ou Kabardino Balkaria, entre outras. Na parte Sur existen Estados independentes da ex URSS: Xeorxia, Armenia e Acerbaixán. Igualmente, trala guerra de 2008 aparecen outras dúas entidades estatais de feito, Osetia do Sur e Abxasia, ambas as dúas dependentes e politicamente amparadas por Rusia.

O taboleiro de intereses

Dende unha perspectiva global, os países e territorios do Cáucaso caracterízanse por posuír escaso desenvolvemento económico e industrial, gobernos de baixo perfil político, excesiva dependencia de potencias estranxeiras, forte influencia mutua, fronteiras moi pouco definidas e unha marcada diversidade étnica, lingüística (habitan 70 etnias e fálase aproximadamente un cento de linguas e dialectos) e relixiosa (principalmente musulmá e cristiá ortodoxa), que frecuentemente provocan numerosas friccións.

Por tanto, resulta imprescindible coñecer con exactitude en que medida a diversidade étnica, lingüística e relixiosa existente no Cáucaso, as súas peculiares características e o pulso de intereses xeopolíticos por parte de diversas potencias, conforman un complexo labirinto, igualmente potenciado pola disputa existente polo control dos recursos combustibles do Mar Caspio e a súa distribución a través do corredor caucásico.

Neste sentido, o Cáucaso é un gran taboleiro que expresa a diversidade de intereses e movementos existentes por parte de diversas potencias, particularmente á hora de atraer toda serie de influencias e o dominio das reservas petrolíferas e de gas natural. Por tanto,  establécense dúas estratexias diverxentes, segundo os plans que cada actor teña para dito escenario: unha de carácter mais activo, particularmente por parte de Turquía, Irán, Rusia e recentemente con maior énfase, Israel; e outra máis pasiva, na que destacan Europa, EUA e China.

A complexa situación xeopolítica fai que países limítrofes como Turquía e Irán teñan moito que dicir neste novo “Gran Xogo”, xa que a súa influencia modifica as relacións entre os países caucásicos. No primeiro caso, o Goberno de Ankara, por unha banda, é aliado e socio estratéxico de Acerbaixán([1]) e de Xeorxia, mentres que, por outra, as súas relacións diplomáticas con Armenia están rotas e as súas fronteiras pechadas([2]).

No segundo caso, Irán mantén unhas relacións complexas co seu veciño Acerbaixán polo feito que supón ter a 25 millóns de habitantes de orixe ou ascendencia azerí nun país de 80 millóns, así como as posibles intencións secesionistas. Tamén está a disputa pola República Autónoma de Najicheván, un enclave que limita con Armenia, Turquía e o propio Irán. E por último, as relacións deste con EUA e Israel.

Non obstante, Teherán emprega o pragmatismo a través das súas boas relacións con Armenia, un país cristián ortodoxo per tamén rival dentro do conflito do Nagorno Karabaj, toda vez mantén unha maior tensión con Acerbaixán, se ben de maioría musulmá e xiíta pero recentemente embarcado nun rumbo pro-occidental así como polos seus estreitos vínculos con Tel Aviv.

A potencia con máis alicientes e esferas de influencia no Cáucaso é indiscutiblemente a Federación Rusa. O Kremlin sempre tivo un enorme interese nestes países, moito mais acentuado coa chegada de Vladimir Putin á presidencia rusa a partir de 2000, para estender a súa área de influencia dentro deste espazo euroasiático ex soviético. Non obstante, Moscova busca principalmente converterse na potencia cuxa autoridade e influencia supoña un avance na obtención de recursos enerxéticos e a sitúe nunha posición privilexiada por diante do resto das potencias igualmente interesadas.

Tras Rusia, outro país cunha gran disposición a aumentar a súa esfera de influencia no Cáucaso é Israel, tanto dende un punto de vista económico como militar. No primeiro caso, Tel Aviv quere que os oleodutos e gasodutos transiten dende os xacementos do Mar Caspio á terminal portuaria turca mediterránea de Ceyhan, alterando así a rede de distribución enerxética rusa. Nese sentido, Israel concretou unha serie de acordos([3]) con Acerbaixán, Xeorxia e Turquía. Con respecto ao ámbito político e militar, Tel Aviv quere igualmente erixirse como un destacado aliado ante o avance do Estado Islámico, co foco no conflito sirio.

Por outra banda atópanse a Unión Europea e EUA, á espera de que se desenvolvan os novos réximes do Cáucaso Sur como democracias e Estados consolidados. Mentres tanto, buscan que os países limítrofes coa Federación rusa reduzan a súa dependencia desta, ben sexa a través de accións políticas achegándoos á esfera política occidental e as súas institucións, ben cunha serie de importantes investimentos que melloren e impulsen o desenvolvemento económico.

A única potencia que, polo momento e aparentemente, non traza liñas orientadas a aumentar as súas esferas de influencia na rexión caucásica é China. Non obstante, Beijing asinou importantes acordos económicos con Xeorxia, Armenia e principalmente Acerbaixán, particularmente de orde enerxética para o aproveitamento das reservas de petróleo e gas natural vitais para o funcionamento da economía chinesa. Paralelamente, China desenvolve para as próximas décadas importantes proxectos de construción dunha vasta rede de infraestruturas de vía terrestre que conecten a esta potencia con Europa a través de Turquía dentro da estratexia da Nova Ruta da Seda.

Xeorxia, Armenia e Acerbaixán

Por tanto, a importancia estratéxica do Cáucaso Sur deu unha notable viraxe trala disolución da ex URSS en 1991 e principalmente co comezo do século XXI. É cada vez mais evidente que o Cáucaso ocupa progresivamente un papel relevante nas axendas xeopolíticas de diversas potencias, en particular polos intereses establecidos en aumentar as súas respectivas influencia no petróleo e o gas natural do Mar Caspio. Por tanto, pódese intuír que a próxima década será decisiva no pulso de intereses determinado polo control destas reservas enerxéticas e das respectivas esferas de influencia no Cáucaso Sur.

Un punto estratéxico deste pulso está concentrado en torno a Xeorxia. Desde a súa independencia da URSS en 1991, Tbilisi emprendeu unha pragmática diplomacia complementaria con Rusia, EUA e a Unión Europea, que decatou mais claramente cunha visión mais pro-occidental tralo triunfo da “revolución das rosas” impulsada polo ex presidente Mikhail Saakashvilli en 2003.

Dende entón, Saakashvilli impulsou un claro afastamento da esfera de influencia de Moscova, o que levou a constantes friccións nas relacións ruso-xeorxianas,  cuxo punto máis álxido foi a breve guerra de agosto de 2008. O seu substituto, Giorgi Margvelashvili, na presidencia desde 2013, mantén moderadamente esta orientación pro-occidental xeorxiana, aínda que comezan a apreciarse notables fracturas e unha crecente polarización cidadá co respecto a esta orientación.

Con todo, Xeorxia está claramente na órbita occidental. É membro pleno do Consello de Europa, toda vez a súa incorporación á OTAN e á Unión Europea está aínda pendente. No caso europeo, Tbilisi está na lista de 16 países que conforman a “Política de Veciñanza” con Bruxelas. Con todo, está por ver se nos próximos anos Xeorxia seguirá aliñándose na esfera de intereses e de influencias occidental, vía OTAN, EUA e UE, e se a mesma termina desencadeando unha nova serie de tensións e de hostilidades dentro do contexto do Cáucaso Sur.

Outro elemento a ter en conta é o papel da República de Armenia, que está nunha posición comprometida, xa que na actualidade só mantén boas relacións diplomáticas con Rusia([4]) e comeza a desenvolver canles de actuación con Irán, e atópase xeograficamente entre dous países cos que ten as fronteiras pechadas e ningún tipo de comunicación cos seus gobernos.

En política exterior, Ereván guíase polos principios de complementariedade e co-participación. Co primeiro se fai referencia a unha situación na que hai diferentes niveis nas influencias que realizan outros países nos ámbitos económicos, político, militar e cultural. Co segundo, establécese que hoxe en día o Goberno armenio está levando a cabo liñas de actuación exterior na zona coas principais potencias para a consecución dos seus respectivos intereses([5]).

Por último, non debemos esquecer o rol clave que ten Acerbaixán en todo isto. Dende 1994 o poder político e a máxima representación do país estivo nas mans da familia Aliyev; primeiro foi o pai, Haydar dende a independencia da URSS, o colapso económico e a fin dos conflitos militares con Armenia polo territorio de Nagorno Karabaj([6]), ata que, tras as elección de finais de 2003 lle sucedeu o seu fillo, Ilham.

O actual presidente acerí busca proxectar unha imaxe de nova democracia multicultural que  “abraza os valores europeos como a laicidade, a tolerancia e o pluralismo político” ([7]). Aínda que a oposición destaca o desemprego estrutural, extensión da corrupción e o recrudecemento das violacións dos dereitos civís e a liberdade de expresión.

Esta situación política complexa, xunto co feito de que sexa o país con maiores reservas de recursos enerxéticos (aproximadamente entre un 5 e un 8% das reservas mundiais de petróleo e un 1% das reservas mundiais de gas natural)  provoca que o país este chamado a adquirir un gran protagonismo na próxima década e as principais potencias mundiais estean moi pendentes do que acontece con este país e as súas relacións cos Estados fronteirizos do enclave caucásico

Así están as relacións exteriores neste pequeno recuncho do mundo no que nos próximos anos disputarase unha verdadeira batalla polos seus recursos enerxéticos e a influencia tanto das principais países fronteirizos como das potencias mundiais e os seus plans para esta zona do globo, sendo estas a Unión Económica Euroasiática promovida por Rusia; A Nova Ruta da Seda impulsada por China; e o aumento de competencias na Política de Veciñanza por parte da Unión Europea.

 



([1]) Turquía é un importante aliado azerí, baixo o principio de “Dous Estados, unha Nación”. Dende ambos gobernos se destaca a relación de amizade  baseada no parentesco étnico, cultural e relixioso de ambos pobos.

([2]) Esta situación prodúcese pola busca do recoñecemento por parte da comunidade internacional do xenocidio armenio perpetrado durante a I Guerra Mundial polo entón Imperio Otomán; así como pola cuestión relixiosa:  Armenia, xunto con Xeorxia, son os únicos países cristiáns da zona do Cáucaso.

 

([3])           Israel ten un proxecto de conectar o oleoduto Bakú-Tbilisi-Ceyhan (BTC) dende Ceyhan con catro conducións submarinas para transportar auga, electricidade, gas natural e petróleo, ao porto israelí de Ashkelon, e dende alí ao porto de Eilat, logo á Canle de Suez e posteriormente ao Mar Vermello para o seu transporte cara as potencias asiáticas (China e India principalmente).

([4])           De feito Armenia é o único pais da zona que forma parta da Unión Económica Euroasiática, o que supón que a partir do próximo 2 de xaneiro de 2017, formará parte dun vasto mercado común de 180 millóns de consumidores, así como a libre circulación de mercadorías, capitais, servizos e forza de traballo.

([5])           Armenia está desenvolvendo relacións estratéxicas con Rusia, participando en proxectos de integración coa Unión Europea, e colaborando con EUA e Irán

([6])           Un enclave de poboación maioritaria armenia en Acerbaixán. O conflito rematou coa ocupación armenia da rexión (1994), así como dalgunhas zonas anexas.

([7])           O que resulta moi contraditorio xa que en 2009 convocou un referendo para cambiar a Constitución, e abolir o límite de mandatos tras dúas lexislaturas. O resultado foi dun 92% a favor cunha participación do 71%.