Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
ECO 1 de Novembro de 2016 Ríos

Un Celta chinés?

rc-celta-citic-group.jpg

Sentimentalmente, o Celta é dos seus seareiros; materialmente, é dos seus accionistas. Un negocio. Industria deportiva pura e dura que polo tanto opera no mercado, agora global. Nesas coordenadas, está “exposto” ao capital internacional, sexa do país que sexa. Non sei se as reaccións de desconfianza vistas en Galicia serían as mesmas caso de tratarse de investimento doutro país, pero o caso é que é China quen está desenvolvendo unha ambiciosa estratexia para posicionarse neste segmento da industria do deporte. Ao líder chinés Xi Jinping gústalle o fútbol, pero alén diso e dos propios obxectivos crematísticos, trátase de sumar un deporte de tanta repercusión global como o fútbol ao seu poder brando. Nese investimento, no Celta ou noutros equipos, hai interese económico pero tamén doutra natureza ata o punto de ser a súa motivación inicial.

O investimento no Celta, calle ou non, é outra mostra dunha presenza maior do capital chinés en Galicia que abarca máis sectores. Estaleiros, caldeirería pesada, conserveiras, servizos públicos, etc., forman parte da súa carteira. O balance xeral desas operacións non é negativo, a pesar dos temores iniciais e das diferenzas, que subsisten, na cultura mercantil. Con diferenza sobre calquera outro, mesmo o tamén asiático Xapón, China vai por diante como un investidor avantaxado e significativo na nosa economía.

A onde quero chegar é que a presenza de China en Galicia non é casual, obedece a unha estratexia: identifica preferencias, analiza as posibilidades, traza plans e actúa. En suma, leva a iniciativa. Mentres, Galicia segue a velas vir. Non hai estratexia ningunha que engarce os diferentes elementos que converxen na relación co xigante asiático, a segunda economía do mundo, de xeito que tiremos proveito de forma proactiva do seu interese. O noso “despiste asiático”, confundindo intereses da nosa economía co papanatismo da paradiplomacia principesca, celebra as fotos cos visitantes de Oriente pero mentres eles levan a batuta e teñen claros os seus obxectivos, nós conformámonos con “vender” o instante ante unha opinión pública, a miúdo escéptica. E aí acostuma a quedar todo.

Pase o que pase co Celta, China fíxose presente na nosa economía, non só a pequena escala senón como actor económico significativo e tamén como colectividade. Galicia é unha das principais autonomías españolas receptoras de capital chinés. Se como se di, a nosa acción exterior debe estar asociada preferentemente ao desenvolvemento da nosa economía, non se entende que datos desta natureza non merezan unha acción oficial de máis envergadura e con maior altura de miras. 

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais