Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
REVISTA ECO 12 de Novembro de 2020 González Palau

Un compromiso fundacional en tempos de pandemia

O compromiso coa lingua galega é un trazo fundacional do IGADI que vivenciei desde o primeiro día que entrei pola súa porta, na sede histórica de Baiona no ano 2009. O motivo dese empeño do IGADI, de 29 anos xa (1991-2020), ten dúas razóns esenciais. Primeiro, se o galego é a nosa lingua e un dos propósitos do IGADI é sensibilizar á nosa sociedade na transcendencia dos asuntos globais para desenvolver ideas e proxectos acordes cos nosos intereses exteriores, iso, por coherencia, débese facer na lingua propia. Segundo, porque se o IGADI ambiciona proxectar a Galicia no exterior debe facelo a partires de si propio, coa súa identidade xenuína, e iso, tamén, fai que só teña sentido partindo do galego e defendendo ao tempo que ese empeño non é excluínte con outras perspectivas, complementares e multiplicadoras, reafirmando a plenitude do noso compromiso, así como coa diversidade lingüística, coa vantaxe comparativa a todos os niveis da natureza internacional do galego na conexión co portugués.

Algo tan natural e de respeto non é sempre doado de facer comprender. Por estraño que pareza, segue habendo quen pensa, sobre todo entre nós, que hai ámbitos nos que o uso do galego é unha excentricidade que carece de sentido. No Foro de de La Toja non tivemos ningunha sorte neste sentido. A política internacional é cousa seria e debe abordarse só dende as “grandes linguas” porque, a fin de contas, o galego desmerece. Xa se sabe, os grandes temas, dende a economía á tecnoloxía, poñamos por caso, non deben mesturarse cos pasatempos menores da literatura e afíns.

O IGADI sempre quixo demostrar tamén que é posible facer análise sobre temas internacionais na nosa lingua. E aí están miles de artigos, informes anuais, unha revista de estudos internacionais como “Tempo exterior”, etcétera.  A pesar de ter tropezado moitas veces coa obstinación de quen non vía oportuna a utilización da nosa lingua para abordar esta temática, as mesmas análises podían ser publicadas noutras linguas en medios peninsulares ou internacionais sen a máis mínima obxección, recoñecéndose a súa competencia e calidade.  En galego tamén podería ser, se todos quixeramos.

Polos méritos contraídos neste aspecto, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, agasallou ao IGADI co seu premio anual en 2001, recoñecendo o esforzo de toda unha década neste propósito. Dende entón, o IGADI mantivo invariable o seu compromiso a sabendas de que este é un labor no que cómpre perseverar. Confiemos en que o tempo, a pedagoxía e a mellora da nosa autoestima acaben por dar os froitos esperados.

Agora, nestes tempos e neste tan especial ano 2020, reafirmámonos nestes principios e na necesidade de continuar a furar no esforzo de normalizar a nosa lingua en todos os ámbitos da na nosa sociedade, aumentando a nosa autoestima e utilidade coa súa proxección internacional, sumando e achegando forzas para ser nós no mundo e célula de universalidade. Sen exclusións e desde o respecto mutuo, aínda hoxe somos nacionalidade histórica desde o Estatuto á Constitución española.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais