Un “crítico” 2014 para Palestina

Con escasa difusión nos mass media, o pasado 26 de novembro, a través da votación a favor de 110 membros, 7 votos en contra (Israel, EUA, Australia, Canadá, Micronesia, Palau e Illas Marshall) e 56 abstencións (principalmente europeos), a Asemblea Xeral das Nacións Unidas decretou considerar ao 2014 como o Ano Internacional de Solidariedade co Pobo Palestino. 

Apartados xeográficos Oriente Medio
Idiomas Galego

Con escasa difusión nos mass media, o pasado 26 de novembro, a través da votación a favor de 110 membros, 7 votos en contra (Israel, EUA, Australia, Canadá, Micronesia, Palau e Illas Marshall) e 56 abstencións (principalmente europeos), a Asemblea Xeral das Nacións Unidas decretou considerar ao 2014 como o Ano Internacional de Solidariedade co Pobo Palestino. 

 

Posteriormente, o secretario xeral da ONU, Ban Ki Moon, inaugurou o pasado 16 de xaneiro os actos oficiais sobre esta conmemoración, argumentando que o 2014 “é un ano crítico e decisivo para alcanzar a solución dos dous Estados(1).

Paralelamente, o 2014 conmemorará o 20º aniversario dos Acordos de Oslo, oficialmente establecidos un ano antes pero asinados en Camp David (EUA), e que permitiron crear un marco de negociación coa institucionalización da Autoridade Nacional Palestina (ANP) Así e todo, pouco queda da vixencia destes acordos, tomando en conta a radicalización política en Israel e Palestina, a aparición da Segunda Intifada (2000) ou a política unilateral de Washington en Oriente Medio (Iraq, 2003), entre outros factores.

Non deixa de ser relevante que este 2014 considere a súa atención a Palestina, claramente desfavorecida pola recente riada de acontecementos en Oriente Medio, contextualizado desde diversos ángulos como o Outono da Primavera árabe. Na actualidade, practicamente non existe ningún marco firme de negociación entre palestinos e israelís, toda vez a progresiva “dereitización” da sociedade israelí evidencia o obxectivo de deixar definitivamente establecidas as súas “fronteiras históricas” cos seus veciños árabes, conxelando e estancando indefinidamente a solución do problema palestino.

A guerra que desangra a Siria, o golpe militar en Exipto, o caos libio, a inédita e non menos incerta distensión entre Irán e Occidente, o labirinto iraquí, as ambicións xeopolíticas das “petromonarquías”, especialmente Arabia Saudita e Catar, entre outros, son factores que obstaculizan calquera tentativa por reconducir o problema palestino cara unha negociación firme e duradeira. Igualmente, a materialización dunha separación de feito en Palestina entre unha Cisxordania política e territorialmente atomizada pola presenza militar e de colonos israelís, e unha Gaza acosada e illada pola pretensión de Tel Aviv, amparada por boa parte da comunidade internacional, de asestar un golpe definitivo ao islamismo palestino en mans do partido Hamás, escurece un panorama de por si desolador para o pobo palestino.

Un contexto igualmente fraguado pola indiferenza internacional, “xustificada” actualmente polos efectos da crise económica global e dos reacomodos xeopolíticos, pero en realidade fomentada en gran medida pola evidente incapacidade estadounidense por desvincular os seus estratéxicos intereses con Israel, a pesar das recentes tensións entre Tel Aviv e Washington(2). Toda vez esvaécese a prioridade de Washington cara Oriente Medio, retirada militar mediante, persuadido polo estratéxico pulso en Asia/Pacífico. Este escenario, que afondará aínda máis o clima de indiferenza cara o problema palestino, moi seguramente definirá novos contextos e pautas de actuación en Oriente Medio a mediano e longo prazo.

O único cambio “tanxible” ten que ver coa riada de recoñecementos estatais para Palestina, principalmente impulsados polos países latinoamericanos, asiáticos e africanos entre 2011 e 2013, e que superan os 140 Estados membros da ONU, un aspecto que permite alterar levemente este clima de indiferenza. Con todo, outros problemas, como a seguridade alimentaria, están causando crises sociais en Oriente Medio ó carón dos conflitos políticos, tal e como asegurou recentemente o director xeral da Axencia da ONU para a Alimentación (FAO), o brasileiro José Graziano da Silva(3).

O problema palestino é, esencialmente, un problema da ONU, cuxos orixes datan precisamente da creación deste organismo internacional. Neste sentido, a Axencia da ONU para os Refuxiados de Palestina, creado en 1949, foi o primeiro amparado pola organización para atender un problema específico que, historicamente, cobra intensidade cada vez que se discute internacionalmente o estatuto palestino. A pesar deste compromiso acadado, o contexto actual confirma porqué Ban Ki Moon observa un 2014 “crítico” para Palestina.

 

 



(1) “2014: Año Internacional de Solidaridad con el Pueblo Palestino”, Centro de Noticias ONU, 16 de xaneiro de 2014. Ver en: http://www.un.org/spanish/News/story.asp?NewsID=28493#.UxBW_tJdVQU

(2) Desde a chegada de Barack Obama á Casa Branca (2009), as relacións entre Israel e EUA entraron nunha fase de certa tensión e distanciamento, sen que isto repercutira sensiblemente nos intereses estratéxicos entre ambos países en Oriente Medio. Se ben o golpe militar en Exipto foi basicamente lexitimado por Tel Aviv e Washington (con maior incidencia no caso israelí), o pacto nuclear entre Irán e Occidente fraguado en novembro de 2013 é observado de forma intransixente polo goberno israelí de Benjamín Netanyahu, abrindo unha nova fenda nas relacións entre ambos países. Igualmente, a comezos de febreiro, o secretario de Estado estadounidense, John Kerry, foi etiquetado de “antisemita” por diversos membros do goberno de Netanyahu, toda vez advertira a Israel da posibilidade dun boicot económico por parte de EEUU, en caso de que Tel Aviv non alcanzara un acordo de paz firme cos palestinos. Para maior información, consultar o artigo de TAIT, Robert: “John Kerry labeled ‘Anti Semite’ for Warning of Possible Boycott to Israel”, The Telegraph (Gran Bretaña), 2 de febreiro de 2014. Ver en: http://www.telegraph.co.uk/news/worldnews/middleeast/israel/10613055/John-Kerry-labelled-anti-Semite-for-warning-of-possible-boycott-of-Israel.html   

(3) “FAO: conflito no Oriente Médio piora segurança alimentar”, Agência de Notícias Brasil-Árabe (Brasil), 27 de febreiro de 2014. Ver en: http://www.anba.com.br/noticia/21863062/diplomacia/fao-conflito-no-oriente-medio-piora-seguranca-alimentar/