Distribuir

Distribuir contido
Apartados temático/xeográficos
Idioma
Praza 2 de Outubro de 2020 Ríos

Un debate post-electoral

ytck6btdd2y3fw7sypmql5ovpu.jpg

En realidade, o debate que se celebrou recentemente, o primeiro de tres, en Cleveland, Ohio, entre o presidente dos EUA, Donald Trump, e o seu rival demócrata, Joe Biden, foi pre-electoral tan só cronoloxicamente. De certo, o que foi, no seu ton, é un adianto do que podería resultar unha grande controversia post-electoral tralo reconto.

O moderador do debate e presentador da Fox News, Chris Walace, abriu xogo interesando de Trump unha explicación da súa decisión de nomear a xuíza federal Amy Coney Barrett, de filiación conservadora, para substituír á defunta maxistrada liberal Ruth Bader Ginsburg na Corte Suprema a escasas semanas das eleccións de novembro. Trump resolveu de forma expeditiva: nós gañamos as eleccións e estamos no noso dereito, viu a dicir. Biden, discordou, pero veremos se é quen de impedilo.

Asuntos como a asistencia médica, a xestión da pandemia, a situación económica, China, naturalmente, estiveron presentes no “debate”, amosando dúas visións contrapostas en moitos aspectos. Tamén coincidencias de fondo. Pero hai un feito evidente: a Administración Trump semella ser a causa inmediata dun descrédito global de proporcións históricas para os EUA produto da incapacidade para resolver os seus problemas internos ou cando menos para non empeoralos. O manexo da pandemia, superada a cifra dos 100.000 mortos, é difícil de defender simplemente botando man das acusacións a China. A imaxe internacional dos EUA viuse abaixo mesmo entre os seus aliados mais próximos.

Moitos cruzan os dedos para que o 3 de novembro se poida pasar páxina. Sen embargo, Trump deixou claro que ou o resultado é contundente e sen paliativos –cousa difícil- ou presentará batalla con todas as armas -e non é un falar- ao seu alcance, entre outros, aproveitando  a propia desfeita institucional que el mesmo propiciou.

Nos catro anos de Trump, internamente, a sociedade polarizouse ao extremo, exacerbándose as tensións estruturais de todo signo, especialmente coa reiterada eclosión de noxentos episodios de racismo. E non digamos no plano internacional: a combinación de crise de lexitimidade e o seu refluxo como potencia hexemónica evidenciouse tanto pola rivalidade emerxente de países como China como tamén polo propio unilateralismo da súa Administración: abandono do Acordo de París, retirada do acordo nuclear iraniano, da OMS, da UNESCO, etc., ao que debemos sumar o manifesto incomodo de moitos dos seus aliados tradicionais, comezando pola Alemaña e outros países da OTAN. Semellante estado de cousas fai improbable que calle esa pretensión súa de forxar unha alianza de democracias para encarar esa defensa da hexemonía occidental en perigo. E permanezamos atentos ás noticias estas semanas: calquera loucura é posible se con iso se garante un xiro na intención de voto ao seu favor.

Debates e resultados aparte, o futuro pinta mal para os EUA. Mesmo no caso de lograr Biden unha vitoria incontestable, a reconstrución interna e internacional nun contexto de erosión institucional tan acusado, non será cousa doada. Noutro caso, de repetir triunfo republicano, agárrense ben para acompañar a conversión da tantas veces exaltada como modélica democracia estadounidense no “réxime”, presidencialista e autoritario of course, de Donald Trump.

Tempo exterior: Revista de análise e estudos internacionais